luns, 11 de decembro de 2017

Todo pasa por algo

 ‘Deixe a súa mensaxe despois do sinal’ de Arantza Portabales Santomé é un orixinal relato, ou conxunto de relatos, que se enguedellan de xeito intelixente para contar catro historias persoais. Catro existencias en feminino que se fan literatura para amosar as quebras da vida.


Catro mulleres e catro vidas. Catro relatos que lle falan a un contestador, pero que nos falan a nós mesmos de como elas se enfrontan ao que ese taboleiro de xogo, en que se converten as nosas existencias, dispón ao seu arredor. Marina, Carmela, Sara e Viviana son mulleres ante situacións límite, realidades expostas dende a sinceridade, dende una maneira de escribir que non precisa da frase elaborada, do relato longo ou cheo de distracións. Arantza Portabales diríxese á cerna desas vidas, a rastrexar as emocións dende o emprego de frases curtas e plantexando unha serie de S.O.S. que atronan no seu interior e que precisan ser canalizados cara un destinatario no que se busca o desafogo máis que unha resposta que xa se dá por perdida. Mulleres que precisan a reflexión, a necesidade de respirar, botar fóra aquilo que as consume, aquilo que non entenden pero que pouco a pouco superan ata a súa redención final.
A intelixencia de ‘Deixe a súa mensaxe despois do sinal’, editado por Galaxia, é a súa contrución formal, o cómo eses relatos comezan afastados entre si para ir enguedellándose, xa non só dende unha construción literaria, senón social, ao ir pouco a pouco amosándose como partes dun todo, dunha realidade vivencial que nos sitúa ante esas colmeas en que se converten os nosos edificios. Vivendas separadas por uns escasos metros ou centímetros pero que en realidade afástannos moito máis do que pensamos dos nosos veciños Pero hai momentos nos que a vida se conxura para que esas vidas se crucen, para que xorda a descuberta e moitas veces unha especie de milagre provoque novos afectos e ata a empatía entre aqueles que ata hai un intre non eran máis cunha morea de descofianza e descoñecemento.
Arantza Portabales plantexa todas esas vivencias que como monólogos interiores convócannos ante catro personalidades que deben solucionar os problemas que lles puxo a vida no camiño. Unha separación matrimonial, unha doenza irreversíbel, as visitas ao psicólogo dunha moza ou unha muller que exerce a prostitución son os vieiros polos que as protagonistas teñen que transitar, o que lles serve como exercicio interior para acadar o seu propio coñecemento, pero tamén para tentar entender as razóns polas que se chegou a ese punto das súas vidas.
O falar de xeito aséptico cunha máquina convértese pouco a pouco nunha cálida conversa na que teñen lugar todos os matices da vida. A amargura, a ledicia, o amor, o medo, a dúbida, o rancor e todo iso vaise conxugando dende cada unha desas voces, distintas todas elas, pero conxugadas dunha maneira eficaz baixo ese senso novo da escrita co que traballa a autora e que permite unha nova posibilidade, xa que se se quere pódese ler a vida de cada unha delas de xeito continuado, sen as interferencias das outras historias, simplemente seguindo as numeracións do índice.
Temos así catro libros, catro relatos nos que a autora non despreza o humor, como un dispositivo máis para tentar acougar as situacións máis dramáticas. Un humor preciso para que a vida non nos volva tolos e permita, ao mesmo tempo, obter os folgos precisos para seguir adiante.
Unha historia pódese contar de moitas maneras, e a elección dese cómo é o que marca a diferencia entre os libros. Arantza Portabales plantexa nestes textos un crebacabezas que non debeu ser nada sinxelo armar, pero que a medida que se avanza na súa lectura un non deixa de aplaudir ese esforzo e de sorprenderse con eses encontros que se fían nos distintos relatos. O que se reforza cando se remata o libro e un ten a sensación de participar nas confesións de catro mulleres ás que os dados do azar fixeron conducirse por casas complexas. O que elas non contaban era coa mestría de Arantza Portabales e a súa capacidade para que todos nós nos puidésemos asomar a todas elas e entender así como todo pasa por algo.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 3/12/2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario