martes, 30 de xaneiro de 2018

O xogo das agachadas

Rue Saint-Antoine nº 170
Arte. O Día Internacional da Ilustración serve de inmellorábel data para celebrar de novo a chegada a Pontevedra dunha excelente exposición baseada no traballo do taiwanés Page Tsou. Unha das grandes referencias no seu eido artístico propón un amplo repaso a todo o seu universo creativo, que se converte en fascinante para o visitante.


Ampliada nas súas iniciais datas de exposición no Pazo da Cultura, ata o 4 de marzo, a presenza na cidade de Pontevedra dunha exposición como esta é todo un luxo. Atopámonos na figura de Page Tsou e nas súas diferentes series de traballo cun dos máis sobranceiros ilustradores do mundo dende un poderoso traballo no que á habilidade técnica engádeselle unha abraiante imaxinación para xerar novos mundos e tamén para enguedellar no seu interior algunha mensaxe sobre o noso mundo.
Dez dos seus proxectos e máis dun cento de obras son máis que suficiente para facer esa valoración, para comprobar como este artista manexa toda unha serie de claves que mesturan dous universos sociolóxicos, pero tamén creativos, como os que proceden de Oriente e de Occidente, xa que nas súas pezas atopamos pegadas do cómic xaponés, da pintura tradicional oriental, pero tamén tempos unha chea de influencias de sistemas de representación que naceron en Europa da man de salientábeis creadores.
O xogo das agachadas’ é unha invitación a pensar, a formar parte do xogo, ou da compoñente lúdica que sempre forma parte dos seus traballos. E, nese xogo, atopamos un intento de ocultarlle ingredientes ao espectador facendo das súas obras un desafío fronte ao que o visitante debe buscar distintos significados. Nesas pezas sempre hai máis cuestións das que asoman á primeira vista. A clave é o tempo, o deterse ante cada unha delas para, ademáis de gozar co seu ‘atrezo’ visual, facelo co que é quen de conquerir o artista taiwanés. A maior parte deses proxectos, nos que tamén hai cabida para a publicidade ou ilustración de grandes firmas comerciais nos que é moi escrupuloso á hora de elexir o que é un traballo por encargo, convértense tamén en medios nos que trasladar unha mensaxe á sociedade. A violencia, o mundo das máquinas fronte ao individuo, a necesidade da cultura ou o mundo do neno, forman parte dese compromiso que Page Tsou incorpora ás súas obras.
Nese doble plano entre forma e fondo é onde se produce a verdadeira loita do artista, consigo mesmo, pero tamén coa sociedade. Os proxectos de ilustración que aquí se amosan póñennos fronte a esa obriga de todo artista de ir máis aló dunha simple mensaxe estética e así é como tras esas obras tan fermosas, en ocasións tan delicadas, froito dun traballo de centos e centos de horas, ábrese a mensaxe como a que se atopa no proxecto ‘Trace’ no que a partir da celebración do 130 aniversario da fundación de Taipei plantexa unha publicación na que reflexionar sobre a industria e como iso plantexa diferentes relacións co ser humano. Tamén na serie ‘Toy gun’, amósase como a maquina de morte e destrución que é unha pistola e que tantas veces se lle dá aos nenos como un xogo, pode encherse de todo o que supón o seu universo de maldade.
Esconder, polo tanto, é parte da súa proposta, facer da superficie dos seus gravados dixitais todo un espazo no que espertar a nosa visión, facer que vexamos o que está máis alá dunha primeira mirada. El tamén tivo que aprender a mirar, darse conta, por exemplo no Metro de Londres, de como a tradicional mirada ocúpase máis do frente dunha cabeza que da súa parte traseira. Así é como con ‘The And’, adícase a representar as calugas daquelas persoas que vía nas súas viaxes no metro, e que volve a ser unha sensíbel maneira de traballar, de recrearse no detalle, pero, sobre todo, de ensinarnos a entender como a realidade ten múltiples puntos de vista. Percorrer esta mostra é precisamente iso, poñer a proba a nosa visión, atopar alí onde se abre a porta da inocencia un mundo cheo de sombras que nos enfrontan ao mundo adulto.



Publicado no Diario de Pontevedra 29/01/2018
Fotografías. Olga Fernández


Ningún comentario:

Publicar un comentario