Ana Moura
subirá hoxe ao escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra para amosar o seu camiño
no mundo do fado, unha renovación musical que a consagrou como a grande artista
portuguesa dos últimos anos. Os seus discos ‘Desfado’ e ‘Moura’ convertéronse
en éxitos de vendas e os concertos sucédense en tódolos recunchos do mundo.
Co seu
anterior traballo, ‘Desfado’, rompeu todas as cifras de éxito musical en
Portugal e converteuse na súa artista máis internacional. Un gran mérito para
esta muller valente que soubo transformar o fado nunha música capaz de acadar
unhas cifras de vendas de discos e de entradas a concertos que non se coñeceron
antes en Portugal, nin fóra do país por parte dunha artista lusa. Agora regresa
a Pontevedra, onde xa estivera en 2014, co seu novo disco, ‘Moura’, para
achegarnos un fado que tamén serve para danzar e non só para chorar.
Regresa Ana
Moura a Galicia. Que significa esta terra para vostede?
Gústame a
proximidade que nós temos culturalmente. É o país máis próximo a Portugal, as
persoas adoran a música portuguesa e recíbenme sempre con moito cariño. A
resposta que teño do público en Galicia é moi semellante á que eu teño en
Portugal, e iso é o que máis me encanta.
E de novo en
Pontevedra, onde xa estivo no 2014 nun concerto no Teatro Principal, unha sala
pequena, na que quedou xente fóra, que non puido estar no concerto. Agora
este concerto celébrase no Pazo da Cultura, unha sala máis grande. Simbolízase
así o éxito da súa música?
Estou moi
feliz, no concerto anterior quedei un pouco triste pola xente que tivo que
quedar fóra, e si, é certo que as persoas están a recibir moi ben os últimos
discos e a miña música.
O disco
anterior, ‘Desfado’, foi un éxito nunca coñecido en Portugal, coa súa
permanencia durante 145 semanas no top de ventas. Como viviu vostede esa
situación?
Dunha maneira
especialmente feliz porque tratábase dun disco moi arriscado, onde o núcleo
máis ortodoxo da nosa música non estaba inicialmente a recibilo moi ben, pero
isto tamén foi importante para min porque traballei neste disco cunha gran
sensación de liberdade. Sabía que podía non ser moi ben recibido, pero a miña
vontade de facelo era tan grande que era o que eu quería. Foi un sinónimo de
liberdade e despois, coas diferentes respostas, sentinme aínda máis feliz.
E penso que
nesa felicidade polo seu éxito ten moito que ver que chegase a través dunha
música moi ligada ao fado que é a base da súa música e da súa alma?
Exactamente,
creo que en todo no que eu canto, e no que eu fago, o fado está sempre
presente, eu teño alma fadista, a miña interpretación é fadista e en min está
sempre presente esa música.
Que é o que
Ana Moura quere facer con ese fado tan persoal?
O meu obxectivo
é buscar a miña identidade musical. Eu non busco conscientemente facer unha
transformación do fado, non é ese o meu fin, simplemente busco un camiño propio
e a miña identidade na música en xeral e no fado en particular.
É
sorprendente ver colas de xente esperando en Katowice (Polonia) para que Ana
Moura lles asine o seu disco. Como chega a súa música a sitios tan afastados da
nosa identidade e cal é o seu segredo?
É verdade,
penso que iso pasa co fado. Eu teño un interese por crear as condicións necesarias
para amosar unha maior profundidade e verdade co que sinto. Falo de condicións
porque hai artistas que procuran cantar dunha determinada forma, pero eu busco
cantar dunha maneira o menos “programada” posíbel, menos estudada, por dicilo
doutra maneira, en canto ao que eu sinto no momento, e nese instante, no
escenario, quero crear as condicións para axudarme a transmitir a miña ilusión
ao público que tamén se sente identificado con esas ilusións que están en todos
nós.
Vostede foi
moi valente ao facer esa transformación dun fado para chorar a un fado para
danzar. Cando se decatou dese camiño?
Decateime
dunha maneira natural. Percibía que eu movía moito o meu corpo cando cantaba,
eran movementos contidos, unha cousa moi divertida que as persoas querían imitar,
eu vía como o meu corpo respondía desa forma á música que cantaba. Un
compositor e letrista, Miguel Araujo, cando foi ver un dos meus concertos tamén
sentiu o mesmo, e escribiu esta música e quedei moi feliz porque era algo que
eu xa sentira. Con este disco último explotei esa idea de que o fado é unha
música que se pode danzar, como xa o era moitos anos atrás.
Despois do
‘Desfado’ chega o seu disco ‘Moura’, que xa ten dous anos, como o define?
Este disco é
un disco que está dentro do que oímos no ‘Desfado’, pero vai un pouco máis alá.
No ‘Desfado’ quixemos manter unha sonoridade máis natural e aquí os sons son
máis elaborados, experimentamos moitas cousas, e especificamente amplificar a
guitarra portuguesa como se fose unha guitarra eléctrica. Probamos diferentes
sons, e penso que funcionou moi ben, tamén a presenza do batería de Sting,
Vinnie Colaitua, fixo que o disco tivese unha sonoridade diferente.
Como vai ser
o concerto de Pontevedra, máis festivo ou terá unha maior presenza do fado
tradicional?
Vai ser unha
mestura das dúas cousas. O que quero facer é presentar o disco ‘Moura’ e o
concerto terá unha parte máis tradicional, pero logo terá ese son máis festivo
propio do meu fado.
Consegue Ana
Moura ter ‘Días de folga’ (título dunha das súas cancións) con tanta actividade
por todo o mundo? Que fai neses días?
Son raros os
‘días de folga’. O que me gusta é estar na casa cos meus gatos e pasear polo
xardín con eles, tamén coidar unha pequena horta que teño.
O mes de
marzo é un mes con moitas celebracións arredor dos dereitos da muller. Cal é a
súa opinión sobre as súas cancións e o universo feminino?
Temos que
tentar que cada vez haxa máis mulleres para compoñer letras, tanto no fado
tradicional como para min mesma. A forma feminina de escribir é diferente.
Penso que a fadista en xeral é feminista, mulleres con moita coraxe para
compartir as súas ilusións, e é preciso ser forte para compartir eses desexos,
e dende ese punto de vista as fadistas teñen sido unha bandeira do feminismo.
'Portugal
está na moda'
A chegada de
Ana Moura a Pontevedra vén precedida de varios concertos celebrados en París e
Luxemburgo que renovan a súa condición de artista de éxito fóra de Portugal.
Unha maneira de mirar cara o seu país, que está superando anos moi complicados,
converténdose nos últimos tempos nunha referencia na política, o turismo ou a
cultura, sendo escollido por personaxes como a cantante Madonna para vivir.
Vostede é probabelmente a artista
portuguesa máis internacional e ten moitos concertos no exterior. Esta
situación permítelle saber como se percibe Portugal dende eses países?
Portugal
nestes momentos está nunha fase moi boa. Temos representantes da política moi
destacados fóra de Portugal e moitas persoas están atentas ao que acontece no
país, e iso tamén axuda ao fado.
Como está hoxe Portugal tras anos moi
difíciles?
Foron anos
difíciles pero agora eu sinto que ‘Portugal está na moda’. Teño moitos amigos
extranxeiros que queren comprar unha casa en Portugal e ter así o seu espazo
aquí. Por fin hai persoas que queren vir ata o noso país e consumir a nosa
cultura.
Publicado no Diario de Pontevedra 10/03/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario