mércores, 13 de xuño de 2018

Viaxe ao país do Teixido

En 1972 Xohana Torres gañou o I Premio de Etnografía Federico Maciñeira da Deputación da Coruña cun texto máxico sobre o moito que rodea un espazo tan singular como o de San Andrés de Teixido. Agora este libro edítase por primeira vez cun agarimo que acrecenta o seu valor.



Baixo o título de ‘San Andrés de Lonxe: mitos e ritos’ sae do prelo este libro esquecido. Un texto que fixo do seu labor etnográfico un alicerce máis na variada traxectoria de Xohana Torres que se moveu por moitos campos dende o compromiso con terra e lingua, pero tamén co traballo da investigación feito por unha muller en templos no que había aínda moito que facer nese senso. Este ensaio sobre San Andrés de Lonxe, ben pretiño da súa terra de infancia e mocidade, O Ferrol, permite rastrexar todo o que rodea a este templo romeiro noutro dos nosos finisterrae. Un espazo natural incomparábel ao que se lle engade todo un ronsel de lendas que veñen de ben antigo, e que o cristianismo asumiu como parte de todo o que rodea un ambiente lexendario para incrementar os seus fieis devotos.
Tras unha previa ubicación xeográfica e histórica estamos xa preparados para iniciar a viaxe ao país do Teixido, alí onde «has de ir de morto se non vas de vivo», e para percorrelo dende a saudosa escrita de Xohana Torres, unha lectura bizosa que nos converte case que en romeiros que se asoman aos cantís ergueitos sobre o mar dende os que escoitar o seu roncallo. Puntas e agullas que asoman entre as escumas e ata onde chegaron celtas e bretóns na fundación do seu ton mitolóxico. Viaxeiros e tradicións que forneceron o seu papel de santuario de referencia en Galicia no que a autora referencia os diferentes ritos que acolle, como os milladoiros, que cunha orixe funeraria ten paralelismos con outras moitas culturas do mundo que Xohana Torres referencia, non só con este ritual, senón con todos eles. Montañas de pedras que o peregrino deposita unha a unha deixando así a pegada da súa presenza.
Tamén a auga e o seu simbolismo non é alleo a San Andrés de Teixido coa súa fonte inesgotábel de tres canos da que se di nace debaixo do altar maior do santuario. A auga como renacer da vida dun xeito permanente, a auga como fonte da existencia. Galicia, terra sobranceira en augas, esta inzada destes rituais de fontes santas que Xohana Torres enumera para calibrar o seu caudal de forza na nosa tradición que en cadanseu lugar singulariza as súas potencialidades e beizóns para quen se achegue a elas. Pero tamén hai tempo para as historias de fadas e doncelas, de espíritos que viven nos bosques, nas montañas. Mozas brincadeiras que coñecen os segredos da natureza e tamén sabedoras de onde se agochan tesouros.
Especialmente singulares son os Sanandreses, figuras de miga de pan sen levedar, coloreadas con diferentes cores que teñen numerosas variedades formais, que van dende barcas a pombas, pasando por figuras de mulleres, serpes, o propio San Andrés, mans, escadas, corazóns, cruces, herbas... sinxelas figuriñas que amósanse como obxectos cheos de delicadeza e cunha clara compoñente artística. Cada unha desas formas é quen de desenvolver unha función dependendo do ritual ao que se queira aplicar. Todas estas pequenas pezas aparecen no libro fermosamente reflectidas grazas ao labor fotográfico de Xulio Gil, o outro gran cimento deste abeizoado proxecto. As súas fotografías recollen todo o que o texto entendeu como importante cando foi escrito, xa hai máis de corenta anos. Fotografías de hoxe que serven para renovar todo o que rodea a un culto ancestral que segue pleno de forza aínda hoxe. Estas imaxes dannos conta desa pervivencia e do desexo das ánimas por cumprir a súa promesa de achegarse ao santo na procura do descanso eterno.
Con ese culto ás ánimas péchase o libro. Ánimas ás que hai que axudar canto antes a aliviarlle o peso de cumprir con ese voto canto antes, de aí que á peregrinaxe de San Andrés é coñecida como a peregrinaxe da présa. Exvotos e panos pendurados que antes pasaron por esa fonte purificadora para librarse do mal, son cos que rematamos este libro que é unha auténtica xoia no seu resultado final da man do editor Xose Puga, que sabía ben del, así como da predilección da autora por el. Un produto que non só recupera un texto, senón que leveda coas novas achegas para coñecer ben polo miúdo e dende a emoción un territorio mítico para Galicia.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 6/05/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario