En 1972 Xohana
Torres gañou o I Premio de Etnografía Federico Maciñeira da
Deputación da Coruña cun texto máxico sobre o moito que rodea un
espazo tan singular como o de San Andrés de Teixido. Agora este
libro edítase por primeira vez cun agarimo que acrecenta o seu
valor.
Baixo o título de ‘San
Andrés de Lonxe: mitos e ritos’ sae do prelo este libro esquecido.
Un texto que fixo do seu labor etnográfico un alicerce máis na
variada traxectoria de Xohana Torres que se moveu por moitos campos
dende o compromiso con terra e lingua, pero tamén co traballo da
investigación feito por unha muller en templos no que había aínda
moito que facer nese senso. Este ensaio sobre San Andrés de Lonxe,
ben pretiño da súa terra de infancia e mocidade, O Ferrol, permite
rastrexar todo o que rodea a este templo romeiro noutro dos nosos
finisterrae. Un espazo natural incomparábel ao que se lle engade
todo un ronsel de lendas que veñen de ben antigo, e que o
cristianismo asumiu como parte de todo o que rodea un ambiente
lexendario para incrementar os seus fieis devotos.
Tras unha previa
ubicación xeográfica e histórica estamos xa preparados para
iniciar a viaxe ao país do Teixido, alí onde «has de ir de morto
se non vas de vivo», e para percorrelo dende a saudosa escrita de
Xohana Torres, unha lectura bizosa que nos converte case que en
romeiros que se asoman aos cantís ergueitos sobre o mar dende os que
escoitar o seu roncallo. Puntas e agullas que asoman entre as escumas
e ata onde chegaron celtas e bretóns na fundación do seu ton
mitolóxico. Viaxeiros e tradicións que forneceron o seu papel de
santuario de referencia en Galicia no que a autora referencia os
diferentes ritos que acolle, como os milladoiros, que cunha orixe
funeraria ten paralelismos con outras moitas culturas do mundo que
Xohana Torres referencia, non só con este ritual, senón con todos
eles. Montañas de pedras que o peregrino deposita unha a unha
deixando así a pegada da súa presenza.
Tamén a auga e o seu
simbolismo non é alleo a San Andrés de Teixido coa súa fonte
inesgotábel de tres canos da que se di nace debaixo do altar maior
do santuario. A auga como renacer da vida dun xeito permanente, a
auga como fonte da existencia. Galicia, terra sobranceira en augas,
esta inzada destes rituais de fontes santas que Xohana Torres enumera
para calibrar o seu caudal de forza na nosa tradición que en
cadanseu lugar singulariza as súas potencialidades e beizóns para
quen se achegue a elas. Pero tamén hai tempo para as historias de
fadas e doncelas, de espíritos que viven nos bosques, nas montañas.
Mozas brincadeiras que coñecen os segredos da natureza e tamén
sabedoras de onde se agochan tesouros.
Especialmente
singulares son os Sanandreses, figuras de miga de pan sen levedar,
coloreadas con diferentes cores que teñen numerosas variedades
formais, que van dende barcas a pombas, pasando por figuras de
mulleres, serpes, o propio San Andrés, mans, escadas, corazóns,
cruces, herbas... sinxelas figuriñas que amósanse como obxectos
cheos de delicadeza e cunha clara compoñente artística. Cada unha
desas formas é quen de desenvolver unha función dependendo do
ritual ao que se queira aplicar. Todas estas pequenas pezas aparecen
no libro fermosamente reflectidas grazas ao labor fotográfico de
Xulio Gil, o outro gran cimento deste abeizoado proxecto. As súas
fotografías recollen todo o que o texto entendeu como importante
cando foi escrito, xa hai máis de corenta anos. Fotografías de hoxe
que serven para renovar todo o que rodea a un culto ancestral que
segue pleno de forza aínda hoxe. Estas imaxes dannos conta desa
pervivencia e do desexo das ánimas por cumprir a súa promesa de
achegarse ao santo na procura do descanso eterno.
Con ese culto ás
ánimas péchase o libro. Ánimas ás que hai que axudar canto antes
a aliviarlle o peso de cumprir con ese voto canto antes, de aí que á
peregrinaxe de San Andrés é coñecida como a peregrinaxe da présa.
Exvotos e panos pendurados que antes pasaron por esa fonte
purificadora para librarse do mal, son cos que rematamos este libro
que é unha auténtica xoia no seu resultado final da man do editor
Xose Puga, que sabía ben del, así como da predilección da autora
por el. Un produto que non só recupera un texto, senón que leveda
coas novas achegas para coñecer ben polo miúdo e dende a emoción
un territorio mítico para Galicia.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 6/05/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario