mércores, 13 de xuño de 2018

Sociedade en negro

A nova novela de Diego Ameixeiras ‘A crueldade de abril’ volve a poñer o foco alí onde a nosa sociedade adoita fuxir na súa mirada. Nas orelas onde habitan os que se ven asoballados pola violencia incubada por un tempo tantas veces contrario ao propio ser humano.


Estase convertendo Diego Ameixeiras a través das súas novelas nun axeitado cronista da nosa realidade. Unha realidade tinxida de negrura que reflicte o desacougo dunhas persoas cada vez máis desamparadas e sen acubillo nestes tempos crueis. O autor emprega de xeito hábil a súa escrita coa faciana da novela negra para, dende o literario, levarnos polas moitas eivas que ofrece a nosa sociedade.
Tras títulos como ‘Matarte lentamente’, ‘Conduce rápido’ ou ‘A noite enriba’, chega ‘A crueldade de abril’, todos eles editados en Xerais, como un mosaico máis deste tempo noso. Aquí reflíctese a violencia das persoas nun contexto vencellado á especulación económica e urbanística e cunhas víctimas que son as persoas sen teito. Se antes foron os preferentistas ou o branqueo de cartos, agora o autor fende coa súa pluma para amosar de novo un deses espazos tráxicos do noso ecosistema no que as persoas móvense e interactúan dende un amplo abano de posicións. Quizais sexa nesta ocasión, dentro das súas últimas obras, na que esa fenda entre os comportamentos humanos sexan máis radicais. Unha das vítimas é unha poeta a piques de publicar o seu primeiro libro, unha persoa sensible, pero chea de debilidades e medos, fronte a ela os seus verduxos, persoas sen ningunha sensibilidade, alleas por completo a toda humanidade e únicamente desexosas de cumprir o encargo que lles encomenda o sistema ou de moverse dende as adiccións que anulan a personalidade. 
De novo Diego Ameixeras é quen de producir unha narración capaz de engaiolar ao lector dende o primeiro momento manexando unhas ferramentas cada vez de maneira más afinada, intercalando tempos e accións e xerando así unha modernidade no que se conta que vai a beneficio daquilo que se quere relatar. do mesmo xeito que nas súas novelas artéllase unha narración que como un crebacabezas vai liña tras liña xuntando as súas pezas, ata o xiro que pon todo patas arriba e fainos mudar a percepción do relato que enfía cara unha nova dirección.
Como sempre son fundamentais as relacións que se establecen entre os personaxes da novela. Relacións de amizade, familia ou amor que se converten nunha lousa coa que moverse ante as diferentes situacións que a trama presenta. Lousa para a propia persoa, pero tamén para a súa conexión cos demais. Amor, vinganza, odio, son os tres capítulos nos que se divide o libro. Tres sentimentos que son parte esencial do ser humano e que se presentan como o argumentario real do texto de Diego Ameixeiras, cada un deles artéllanse como o pano de fondo dos feitos que xera a trama, pero arredor desa trama serán esas relacións humanas ás que nos poñan ante a verdadeira realidade do ser humano, fronte aos seus abismos morais, ante as súas dúbidas e tamén mesquindades. Porén tamén xorde un espazo lírico, que non se detectaba nas outras novelas anteriores, a presenza dese personaxe feminino, desa poeta, outórgalle a certas partes do relato unha fermosura que semella querer loitar contra o desacougo que agroma en cada páxina. Esa sensibilidade, esa respiración, diferente a do resto dos personaxes séntalle moi ben ao relato e constitúe un contrapunto brillante.
Ese vento feble rápidamente perece fronte aos trebóns que provoca unha sociedade egoísta e aniquiladora cos seus propios habitantes. «O home é un lobo para o home» dicía Hobbes, e dende esa proposta filosófica Diego Ameixeiras está a construír un relato literario sen paragón na nosa escrita pola súa singularidade, ambición e afouteza. Literatura que serve para tentar explicarnos, para facer do que acontece ao noso carón, nas nosas rúas, o tubo de ensaio dende o que conformar un xénero de seu que, partindo das propostas da tradicional novela negra, ten tamén moito de análise social dun tempo e dunha sociedade que non semella ter intención de rexenerarse para constituirse como a contorna adecuada para nós. Polo de agora Diego Ameixeras fai do amor, a vinganza e o odio, as canles que mellor nos poden amosar no que nos estamos a converter, isto é, unha sociedade cada vez máis escura.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 13/05/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario