luns, 2 de xullo de 2018

O destino feito poesía

María Reimóndez gañou o Premio Johan Carballeira de poesía co poemario ‘Galicia en bus’ que agora sae do prelo de Xerais para achegarnos unha afoutada experiencia poética ao longo de Galicia dende diferentes liñas de autobuses. Unha desprazamento xeográfico que se mestura coa viaxe íntima.


Se algo precisa traballar hoxe a poesía nesta terra na que tantos poetas están a medrar non é tanto a expresión do escrito, grazas a unha xeración marabillosa de creadores que xa traen esa cualidade de serie, como o xeito en que se presenta esa poesía. O cómo se nos ofrece ese contexto poético fronte a outras apostas do mesmo xénero, permitindo a singularidade do traballo.
María Reimóndez plantexoulle ao xurado do xa senlleiro Premio de Poesía Johan Carballeira, tras vinte edicións, un poemario no que se traballa, e moito, a forma de dito texto a través de diferentes liñas de transporte de viaxeiros que empregan o autobús como xeito de mobilidade xeográfica. Mirar a Galicia dende o asento dun autobús xa é unha achega inspiradora non só para a creadora, senón tamén para o lector que, a partir da lectura deste texto, verá de xeito diferente aos autobuses. Esa elevación espacial unido ao movemento dannos un punto de observación especial e que permite visualizar xeografías e ámbitos humanos dunha privilexiada maneira. María Reimóndez atinou ao atopar esta nova pespectiva e ao integrala como referencialidade poética para facer da viaxe moito máis que unha distancia que cubrir, senón para facer da viaxe experiencia e contacto coa contorna. A importancia da viaxe, como tantas veces, non é o seu fin inicial, chegar, senón o que acontence nela. Facer poesía en movemento, artellar un discurso mentres a nosa paisaxe secuénciase ante nós confírelle ao poemario esa identidade propia e a unicidade na que teñen que traballar máis os nosos poetas.
Ao pouco de ler un xa goza desta viaxe, sentado a carón da poeta e observando pola fiestra a esta Galicia desarticulada en tantos aspectos e que precisa tanto dos medios de transporte, como elemento integrador e superador da súa fragmentariedade xeográfica, como tamén da poesía, como non.
E a poesía que aquí se amosa é poesía limpa, saída dun xeito natural, sen complexas metáforas nin xogos de palabras. Estamos ante unha poetización da linguaxe cotiá, que permite unha moi agradecida lectura na que se entende esa mestura da identidade íntima coa identidade colectiva. Unha dobre plataforma de análise do que somos que coa nosa protagonista plantéxase dende unha moi necesaria percepción feminista: «... o alleamento do fogar/no que as mulleres aprendemos/a querer outra vida/sen cancelas/e a creala coas estratexias/de facer o pan/e tecer os fíos». Esa estratexia tece tamén a poesía de María Reimondez, pero ao mesmo tempo fíxase nas situacións dun país coa despoboación do rural, a destrución da natureza, o feísmo ou a nosa «permanente crise de identidade»
Nesa mutación da paisaxe tamén esculcamos a mutación do interior, isto é, do eu. A carón desa fiestra do bus os ollos de María Reimóndez miran cara fóra, pero tamén cara dentro. A memoria da infancia, de sucesos vividos como o naufraxio do 'Prestige', acontecementos que se fixan no interior como parte dun, como fragmentación tamén do ser que sentiu as gadoupas da fera no seu interior. «En carne viva/por dentro/sal/o único que fuches», é o remate do poema '(dentro)'. Ambas paisaxes atopan o seu acougo dende este espazo de reflexión, espazo preciso de mobilidade para ollar á vida dende perspectivas nen estáticas nen limitadoras.
Mirar, con ollos de muller, a esta Galicia de hoxe require dunha certa valentía, sabedores de que moito do que nos imos a atopar nela non nos vai gustar, de que ollarnos nese espello pódenos devolver unha imaxe complexa que non sexamos quen de definir. María Reimóndez, como no resto da súa escrita, afoutada e chea de alfaias, non renuncia a esa mirada, ben ao contrario emprégaa para medirse coa nosa realidade que xorde da viaxe e da propia vida coma gran viaxe que todos afrontamos para, tal e como remata a autora o libro atopar o acougo nese desexo final: «Transformarei en poesía/o meu destino».



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 10/06/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario