Rue Saint-Antoine nº 170
Arte
▶ O espazo Nemonon permite contemplar ata o 12 de outubro a recente
obra pictórica de Miguel Pereira. Unha interesante proposta que
converte á pintura nun territorio no que a memoria, a experiencia e
o senso lúdico da existencia lévanos por unha viaxe nun océano de
sensacións e visións que fan do ser humano o protagonista
Unha das pezas da mostra (Christian Fernández) |
Poucos
horizontes máis fermosos. Poucos océanos máis cheos de vida.
Poucos relatos máis abraiantes que os que xorden afastados da
palabra e só están baseados en miradas e sensacións. É o milagre
da pintura. A fonda percepción de que se pode escribir ou narrar a
base de pinceladas e de tonalidades cromáticas.
Miguel
Pereira (Madrid, 1949) leva xa unhas cantas décadas facendo da
pintura unha das súas travesías máis emocionantes na vida. Ben
coñecido na nosa vila polo seu labor como director da editorial da
Deputación de Pontevedra entre 1986 e 2014, aquela travesía
serviulle para modernizar ese servicio e para multiplicar de xeito
exponencial o número de publicacións que sairon daquel prelo, así
como a diversidade e calidade dos mesmos. Aquela longa viaxe e as
obrigas burocráticas dos anos obrigaron ao seu relevo, a deixar o
chapeu de capitán enrriba da ponte de mando. Miguel Pereira xa
comezara a finais da década dos oitenta outra viaxe, unha odisea
persoal que ten moito de itinerario homérico, de travesía polo
descoñecido. Así arrincou a súa teima coa pintura, a sucar ondas
de mares diversos para facer un relato propio no que ese home de
frondoso mostacho artellou a súa propia nave co vento nunhas velas
inchadas entre a abstracción, o lirismo, o azar e a memoria. Puntos
cardinais polos que conducir esa embarcación é na que navega agora
por todos estes cadros Miguel Pereira seguro de seu, orgulloso da
mestría adquirida nos últimos anos e que forman unha serie baixo o
nome de ‘Decorado para o mar de Alborán’. Unha conxunción
perfecta, chea de harmonía e que ten tras ela, non só o dispor ante
nós o traballo da súa creación, senón da súa disposición fronte
ao público dun xeito engaiolante, froito dun espléndido traballo de
montaxe que entende perfectamente o espazo da pontevedresa galería
Nemonon.
No
medio da sala entre eses cadros que enchen de cor os nosos ollos un
séntese no interior dese océano de percepcións. Cores nos que toda
unha serie de pegadas lévanos a nós mesmos, á obriga do home de
balizar a súa existencia, isto é , a tentar explicar a nosa propia
vida. Toda unha odisea, certo. Capas de sedimento que van oradando
con veladuras a superficie do lenzo para tentar atoparnos e sobre
eles toda unha serie de elementos que converten o relato nalgo real.
Fragmentos dun mundo que se viviu, afastado do pictórico, pero que
pola súa axeitada incorporación aos cadros dótaos dunha forza
superior. É o peso do tempo que repousa en todos eles a través
dunha serie de obxectos cunha forte carga simbólica que se converten
nunha sorte de palabras dentro da pintura para redimensionar esa
narración que sustenta esta viaxe entre o visual e o emocional.
Fronte
a cada un deses cadros cada un de nós constrúe o seu propio
itinerario a través doutros tempos e doutros territorios. Unha
sensación íntima que dende o noso interior aflora dun xeito
inconsciente conducido por esta pintura que é quen de traspasar a
propia viaxe do autor a cada un de nós, que xa pasamos a formar
parte da tripulación desa embarcación.
Miguel Pereira xunto a unha das súas obras (José Luiz Oubiña) |
Unha
exposición de Miguel Pereira é sempre unha oportunidade para
entender como a pintura pode compoñer un discurso persoal, afastado
de modas ou dictaduras do mercado. A súa proposta leva nestas
últimas décadas acubillando no seu interior ese sentir íntimo do
pictórico, do traballo no estudo, de loitar contra o que un reclama
moitas veces sen atopar as respostas na propia obra. De aí que as
súas mostras se espallen no tempo, que procuren atopar a encalmada
na vida para tentar reflectir de xeito real o que acontece na súa
creación. É, polo tanto, unha pintura sincera, sin enganos, que
ante o espectador procura establecer uns fíos a partir da
visualización dunha estética na que nada é casual e onde se estuda
cada unha das propostas que compoñen o conxunto.
Así
é como o espectador goza ante estas obras, ante uns vermellos que
exaltan a nosa capacidade para sentirnos aludidos pola pintura, por
ese discurso da travesía no que a memoria o é todo. Memoria como
sedimento no que tentar comprendernos a nós mesmos. Rastros da nosa
presencia e obxectos colonizados por un tempo que chega ata hoxe,
como un naufraxio, ou como o ronsel que deixa toda unha vida.
Publicado en Diario de Pontevedra 24/09/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario