luns, 24 de setembro de 2018

Viaxe polo mar da pintura

Rue Saint-Antoine nº 170
Arte ▶ O espazo Nemonon permite contemplar ata o 12 de outubro a recente obra pictórica de Miguel Pereira. Unha interesante proposta que converte á pintura nun territorio no que a memoria, a experiencia e o senso lúdico da existencia lévanos por unha viaxe nun océano de sensacións e visións que fan do ser humano o protagonista

Unha das pezas da mostra (Christian Fernández)

Poucos horizontes máis fermosos. Poucos océanos máis cheos de vida. Poucos relatos máis abraiantes que os que xorden afastados da palabra e só están baseados en miradas e sensacións. É o milagre da pintura. A fonda percepción de que se pode escribir ou narrar a base de pinceladas e de tonalidades cromáticas.
Miguel Pereira (Madrid, 1949) leva xa unhas cantas décadas facendo da pintura unha das súas travesías máis emocionantes na vida. Ben coñecido na nosa vila polo seu labor como director da editorial da Deputación de Pontevedra entre 1986 e 2014, aquela travesía serviulle para modernizar ese servicio e para multiplicar de xeito exponencial o número de publicacións que sairon daquel prelo, así como a diversidade e calidade dos mesmos. Aquela longa viaxe e as obrigas burocráticas dos anos obrigaron ao seu relevo, a deixar o chapeu de capitán enrriba da ponte de mando. Miguel Pereira xa comezara a finais da década dos oitenta outra viaxe, unha odisea persoal que ten moito de itinerario homérico, de travesía polo descoñecido. Así arrincou a súa teima coa pintura, a sucar ondas de mares diversos para facer un relato propio no que ese home de frondoso mostacho artellou a súa propia nave co vento nunhas velas inchadas entre a abstracción, o lirismo, o azar e a memoria. Puntos cardinais polos que conducir esa embarcación é na que navega agora por todos estes cadros Miguel Pereira seguro de seu, orgulloso da mestría adquirida nos últimos anos e que forman unha serie baixo o nome de ‘Decorado para o mar de Alborán’. Unha conxunción perfecta, chea de harmonía e que ten tras ela, non só o dispor ante nós o traballo da súa creación, senón da súa disposición fronte ao público dun xeito engaiolante, froito dun espléndido traballo de montaxe que entende perfectamente o espazo da pontevedresa galería Nemonon.
No medio da sala entre eses cadros que enchen de cor os nosos ollos un séntese no interior dese océano de percepcións. Cores nos que toda unha serie de pegadas lévanos a nós mesmos, á obriga do home de balizar a súa existencia, isto é , a tentar explicar a nosa propia vida. Toda unha odisea, certo. Capas de sedimento que van oradando con veladuras a superficie do lenzo para tentar atoparnos e sobre eles toda unha serie de elementos que converten o relato nalgo real. Fragmentos dun mundo que se viviu, afastado do pictórico, pero que pola súa axeitada incorporación aos cadros dótaos dunha forza superior. É o peso do tempo que repousa en todos eles a través dunha serie de obxectos cunha forte carga simbólica que se converten nunha sorte de palabras dentro da pintura para redimensionar esa narración que sustenta esta viaxe entre o visual e o emocional.
Fronte a cada un deses cadros cada un de nós constrúe o seu propio itinerario a través doutros tempos e doutros territorios. Unha sensación íntima que dende o noso interior aflora dun xeito inconsciente conducido por esta pintura que é quen de traspasar a propia viaxe do autor a cada un de nós, que xa pasamos a formar parte da tripulación desa embarcación.
Miguel Pereira xunto a unha das súas obras (José Luiz Oubiña)
Unha exposición de Miguel Pereira é sempre unha oportunidade para entender como a pintura pode compoñer un discurso persoal, afastado de modas ou dictaduras do mercado. A súa proposta leva nestas últimas décadas acubillando no seu interior ese sentir íntimo do pictórico, do traballo no estudo, de loitar contra o que un reclama moitas veces sen atopar as respostas na propia obra. De aí que as súas mostras se espallen no tempo, que procuren atopar a encalmada na vida para tentar reflectir de xeito real o que acontece na súa creación. É, polo tanto, unha pintura sincera, sin enganos, que ante o espectador procura establecer uns fíos a partir da visualización dunha estética na que nada é casual e onde se estuda cada unha das propostas que compoñen o conxunto.
Así é como o espectador goza ante estas obras, ante uns vermellos que exaltan a nosa capacidade para sentirnos aludidos pola pintura, por ese discurso da travesía no que a memoria o é todo. Memoria como sedimento no que tentar comprendernos a nós mesmos. Rastros da nosa presencia e obxectos colonizados por un tempo que chega ata hoxe, como un naufraxio, ou como o ronsel que deixa toda unha vida.



Publicado en Diario de Pontevedra 24/09/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario