A gran noticia do
día é a volta aos colexios dos nosos cativos. Un regreso que marca
a recuperación do ton vital das familias
Soan dende hoxe de
xeito diferente os espertadores. O seu silencio de verán substitúese
polo seu balbordo matinal convertido nunha chamada para recuperar o
latexo cotián das familias. É o son que nos di que hai que levar
aos nenos ao colexio, que as aulas xa están abertas para acoller
aquilo no que depositamos as nosas esperanzas cara un futuro no que a
educación é unha parte imprescindible, aínda que moitas veces
semella que non turramos por ela o suficiente.
Esa é a gran noticia
do día. Nin a resistencia dunha ministra a dimitir, nin o novo paso
cara o baleiro de Cataluña, nin o resultado da selección española
de fútbol, ou as infantís liortas dos nosos políticos eludindo as
súas responsabilidades tras o accidente de O Marisquiño, hoxe o día
vén marcado por esa volta ao colexio que non por repetida é menos
agardada.
O definitivo remate do
ritmo pausado do verán tradúcese nunha mobilización de nenos e
pais que activa a faciana das nosas vilas en momentos puntuais da
xornada. Un rebumbio que pon aos nosos nenos ante unha xornada
especial e chea de nervios, o que se multiplica de xeito exponencial
cando se trata da súa estrea. Sempre é este un día especial,
emocións que se traducen en bágoas dalgúns, pero tamén en
responsabilidades de pais e profesores ante un dos nosos maiores
retos como sociedade, o de concederlle aos nosos fillos e fillas a
mellor educación posible. Unha tarefa que nunca debemos esquecer
parte do fogar, a primeira aula, pero que ten o complemento perfecto
nos profesionais da educación que adican moitas horas e ata unha
vida enteira a encher de coñecementos e actitudes aos nosos
pequechos. Nunca cansará un de gabar ese traballo de mestres e
mestras, de educadores que, dende calquera nivel da ensinanza, dan o
mellor de si polos nosos. Un impagable labor que demasiadas veces non
é recoñecido por uns pais cada vez máis metidos a mestres e, polo
tanto, errados no seu papel de pais, tanto que, non poucas veces, se
senten na necesidade de corrixir ou poñer en dúbida ao propio
profesor fronte aos seus fillos.
Tampouco debemos
renunciar nunca a pedir os maiores recursos posibles para dotar a esa
educación das mellores ferramentas para manexar un material tan
sensible como as cabeciñas dos nosos nenos e nenas. Calquera
goberno, autonómico ou estatal, e da cor que sexa, non tería xamais
que deixar de aumentar o gasto adicado á educación, xunto á
sanidade, os dous grandes piares de calquera sociedade que se teña
como unha sociedade desenvolvida e que afronte como fin último o de
mellorar ao cidadán.
En Galicia, ademais,
temos outro tesouro que sumar á educación dos nosos fillos, unha
lingua de máis, unha beizón que nos diferencia e nos fai, si,
porque non dicilo, mellores que noutros lugares que non teñen esa
posibilidade de manexar tantas linguas. É, polo tanto, outra obriga
do noso sistema educativo co galego teña o maior espazo posible
dentro da programación curricular.
Cando soen hoxe os
espertadores de moitos fogares activarase toda unha loxística que
reforza o noso compromiso común coa educación. Un compromiso que é
dende o que esta sociedade ten que avanzar de xeito cada vez máis
firme para sentirse orgullosa dos seus colexios, institutos,
universidades e dos seus profesores e profesoras. Eles son os
verdadeiros espertadores dunha sociedade que demasiadas veces amosa a
súa exasperante somnolencia.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 12/09/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario