martes, 18 de setembro de 2018

Acabar para comezar

Rue Saint-Antoine nº 170
Arte. Unha cita tradicional na programación expositiva da cidade permite achegarse ás inquedanzas daqueles creadores que, recén saídos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, loitan por atopar un camiño propio dende o que seguir desenvolvendo as súas aptitudes e os coñecementos adquiridos ao longo do seu tránsito académico.


Setembro. Mes de inicio do curso universitario, mes de cambios e dunha actividade no mundo estudiantil que non se volve a rexistrar en todo o curso académico. Algúns dos que foron nos últimos anos estudantes da pontevedresa Facultade de Belas Artes viven este setembro dun xeito ben diferente a como o viñan facendo. Xa non estarán matriculados na súa carreira, e non só iso, senón que, como participantes da exposición ‘Do final e do comezo’ sentirán, quizais, por vez primeira, o que é formar parte dunha exposición articulada do xeito máis parecido á como é unha exposición dentro dun ámbito profesional. Acabar para comezar.
As nosas vidas están cheas de etapas que se pechan e doutras que se abren, de momentos de transición nos que se define o que poden ser os nosos próximos anos na vida. Adoitan ser instantes de nervos, de dúbidas e medos, pero tamén de aprendizaxes. Unha sorte de salto ao baleiro no que moitas veces somos quen de medir ata onde podemos chegar. A mostra, que estará aberta ata o 30 de setembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, permite aos corenta creadores participantes asomarse a un deses baleiros. Un espazo límite para calibrar como o aprendido ao longo dos seus estudos pode converterse nun afoutado fío do que tirar para o que (non o dubiden) vai ser o máis complexo dentro do eido artístico, como é o atopar a súa linguaxe propia. Refírome a esa linguaxe que permita traducir as súas inquedanzas fronte ao mundo, que permita interpretar e cuestionar, dun xeito creativo e dende a disciplina que cada un prefira, como é a relación de cada un deles coa sociedade.
Dende o máis íntimo ao máis global o artista ten coas súas ferramentas esa obriga, a de plantexar unha proposta que reinterprete unha das moitas situacións que a vida presenta ante o ser individual e plantexar unha proposta que interese ao espectador. Ese espectador ou ese visitante á exposición servirá para pechar o círculo. Un círculo que comezou aquel primeiro día en que un alumno séntase, desorientado na cadeira da súa aula, o primeiro día de clase no que foron tan valentes como para decidir realizar estudos vencellados ás humanidades ou ao terreo da creatividade.
Ese paso orixinal. Ese salto cara o descoñecido sitúa a cada un dos participantes nesa carreira, e principalmente aos que amosan as súas obras nesta exposición nunha actitude de disconformidade coa sociedade na procura dun berro que permita darlle forma á súa sensibilidade para cuestionar o que somos e ante quen estamos.
Debuxos, pinturas, instalacións, fotografías, vídeos, esculturas... todo serve como xeito de expresión para, finalmente, darlle importancia ao cómo se expresa un e así poder chegar ao espectador. Non sairán defraudados, certo é que, como acontece en calquera exposición, non por ser esta de debutantes é diferente ás demais, atopámonos propostas máis o menos interesantes. Artistas que resolven de xeito máis ou menos acertado as súas inquedanzas, pero en conxunto a exposición paga a pena e é unha das máis interesantes das últimas fornadas de estudantes.
Algo que sempre xera moita complexidade neste tipo de encontros é á hora de artellar unha montaxe ou unha distribución axeitada de pezas que moitas veces non teñen moito que ver entre elas. Pero desta vez, e é algo que tamén se vén producindo nas convocatorias anteriores, resolveuse con brillantez esa problemática. Desta vez, baixo o comisariado da profesora Loreto Blanco, recoñécese o complexo traballo de distribución das pezas así como a súa adecuación aos diferentes espazos que, por outra parte, e grazas a súa versatilidade, ofrece a sala de exposicións do Pazo da Cultura.
Se todos eles se botaron a esa especie de baleiro que emerxe desta experiencia fronte ao público, tamén nós debemos comprender e aceptar o noso papel. A nosa presenza é necesaria como parte do proceso creativo, como recipiente no que volcar esas propostas que xorden da necesidade daquel que se ten como artista para comunicar, para sentir, para respirar. Agora, que semella para todos eles acabar unha parte importante da súa formación, comeza outra etapa na que estarán inmersos durante o resto das súas vidas. Os seus mestres xa lles terán comentado dabondo do complexo da empresa, pero esa complexidade é precisamente o seu maior reto, o que vai medir a súa valía para desenvolver unha traxectoria artística precisamente nun mundo que semella ser cada vez máis alleo ao que teña que ver coa creatividade e a sensibilidade.
Desa adversidade é dende a que ten cada ano máis valor esta oportunidade que se lles presenta dende a propia Universidade así como do Concello de Pontevedra, a través da programación do Pazo da Cultura. Poder amosar o seu traballo nestas condicións é outro chanzo máis, un paso adiante no que supón ir dando pasos cada vez máis decididos e firmes. Non tería moito sentido salientar aquí unhas pezas sobre outras, cada visitante á exposición plantexará as súas preferencias, pero o salientable é que dentro desta ampla diversidade de propostas sempre hai máis dunha que nos conmoverá que nos fará sentir como a arte, proceda de quen proceda, con máis ou menos experiencia, cando acciona os recursos precisos, é quen de engaiolarte e de beliscar a pel. Corenta propostas para sentir, para comezar a facer o camiño xusto cando semellaba que todo remataba. Pois non, seguimos camiñando. Sorte e forza!



Publicado no Diario de Pontevedra 17/09/2018
Fotografías: Varias pezas da exposición (Rafa Fariña)


Ningún comentario:

Publicar un comentario