luns, 22 de outubro de 2018

Palabra que é mar

Rue Saint-Antoine nº 170
Literatura ▶ A entrega dos Premios Xerais no Museo do Mar de Vigo conformou un ronsel de escumas literarias que deixan o pouso dunha nova etapa na editorial da man de Fran Alonso. Un novo escenario, e unha presentación diferente dos libros premiados, xa presentes nese acto, conviviron co aplauso ao anterior director, Manuel Bragado

Foto de familia dos gañadores e dos xurados dos premios (Xerais)

Irrenunciábel o axóuxere do mar. As mesmas escumas, a mesma ría. O cambio de escenario, do máxico altar sobre o mar da Illa de San Simón, ao Museo do Mar de Vigo, non renuncia a nada de todo o que se agochaba na entrega destes premios literarios a cargo da editorial Xerais. Tres galardóns, o Premio Xerais de Novela na súa XXXV edición, o Premio Merlín de Literatura Infantil na XXXIII e o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil que chega á súa X entrega, convocáronnos de novo no qué é un acto festivo arredor da escrita, arredor da palabra e da lingua. Autores, libreiros, xestores, xornalistas, críticos... maridaron a súa paixón polas letras coa convivencia co gremio. Palabras que se afundiron nun serán de novo especial envolto pola arquitectura de César Portela e un horizonte que enmudecía aos presentes pola súa beleza, pola feminidade deitada sobre as ondas dunhas Cíes que xa son dende esta edición símbolo destes premios.
Non foi un ano sinxelo para a editorial Xerais. Un tsunami na dirección apeou do cargo a Manuel Bragado, tras case 25 anos no cargo. Nunca esta terra poderalle agradecer bastante o feito, non só no eido editorial, senón noutras canles de transmisión do literario e cultural á sociedade. Por iso cando o sábado se lle recoñeceu o seu labor dende a palabra de varias persoas que tiveron a oportunidade de facelo en público os aplausos dos presentes soaron como unha batente do mar chea de respecto e fondo agradecemento. O primeiro en facelo foi o novo director, Fran Alonso. Unha sucesión tan tranquila como intelixente polo valor do elexido. Valor como xestor, que xa comeza a confirmarse dende novas publicacións da editorial, pero valor tamén como autor, como poeta que procura novas canles de expresión co público e sobre todo cun novo público que semella renunciar ao combate co papel. O seu discurso foi soberbio e deu paso á entrega duns galardóns nos que semella hai tamén moito da súa proposta literaria. Obras transversais nos seus xéneros de narrativas que se poetizan e de poesías que se volven narrativa na procura dunha nova maneira de aproximarse ao lector.
A diferenza doutros anos a emoción e os nervos de coñecer aos gañadores, xa anunciados dende o mes de xuño, tradicional mes de entrega destes premios, substituíuse por unha emoción non menor ao poñer a editorial nas nosas mans, co apoio da Xunta de Galicia, os exemplares premiados e xa editados. Un acerto que se completou cunha presentación distinta dos premios  a través dunha conversa cos tres galardoados da man da sempre eficaz e brillante xornalista Teresa Cuíñas. Asi foi como Emma Pedreira, gañadora do Premio de Novela con ‘Besta do seu sangue’; Héctor Carajaville vencedor do Premio Merlín con ‘Kusuma’ e Carlos Negro, que acadou o Jules Verne con ‘Aplicación instantánea’, explicaron o proceso da construción da súa obra, o que se agocha tras cada unha delas e as súas pretensións literarias que, dende estes días, acadan para todos eles unha nova dimensión.
Naquel Museo, naquela sala, chea de efectos navais a un lado, mentres ao outro o mar xogueteaba paseniñamente coa costa, voltamos a vivir unha desas citas incomparábeis no calendario das nosas letras. Houbo tempo para gabar aos premiados, para aplaudir a Manuel Bragado, para suliñar a importancia de seguir mantendo estas liñas editoriais como parte dun sistema literario galego coa forza necesaria para resistir as treboadas que escurecen os fermosos horizontes, tamén para lembrar a quen nos deixou neste ano, Xabier P. Docampo (aínda refulxen as cereixas do seu discurso nestes Premios de hai uns poucos anos), para sorrir coa lembranza a quen nunca nos deixou, Agustín Fernández Paz, pero sobre todo para sentirmos parte dunha colectividade, dun elo indivisíbel sustentado pola nosa escrita que non renuncia, nin renunciará a navegar sempre polo mesmo mar. O mar da palabra.



Publicado no Diario de Pontevedra 22/10/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario