Rue Saint-Antoine nº 170
Literatura ▶ A
entrega dos Premios Xerais no Museo do Mar de Vigo conformou un
ronsel de escumas literarias que deixan o pouso dunha nova etapa na
editorial da man de Fran Alonso. Un novo escenario, e unha
presentación diferente dos libros premiados, xa presentes nese
acto, conviviron co aplauso ao anterior director, Manuel Bragado
Foto de familia dos gañadores e dos xurados dos premios (Xerais) |
Irrenunciábel o
axóuxere do mar. As mesmas escumas, a mesma ría. O cambio de
escenario, do máxico altar sobre o mar da Illa de San Simón, ao
Museo do Mar de Vigo, non renuncia a nada de todo o que se agochaba
na entrega destes premios literarios a cargo da editorial Xerais.
Tres galardóns, o Premio Xerais de Novela na súa XXXV edición, o
Premio Merlín de Literatura Infantil na XXXIII e o Premio Jules
Verne de Literatura Xuvenil que chega á súa X entrega,
convocáronnos de novo no qué é un acto festivo arredor da escrita,
arredor da palabra e da lingua. Autores, libreiros, xestores,
xornalistas, críticos... maridaron a súa paixón polas letras coa
convivencia co gremio. Palabras que se afundiron nun serán de novo
especial envolto pola arquitectura de César Portela e un horizonte
que enmudecía aos presentes pola súa beleza, pola feminidade
deitada sobre as ondas dunhas Cíes que xa son dende esta edición
símbolo destes premios.
Non foi un ano sinxelo
para a editorial Xerais. Un tsunami na dirección apeou do cargo a
Manuel Bragado, tras case 25 anos no cargo. Nunca esta terra
poderalle agradecer bastante o feito, non só no eido editorial,
senón noutras canles de transmisión do literario e cultural á
sociedade. Por iso cando o sábado se lle recoñeceu o seu labor
dende a palabra de varias persoas que tiveron a oportunidade de
facelo en público os aplausos dos presentes soaron como unha batente
do mar chea de respecto e fondo agradecemento. O primeiro en facelo
foi o novo director, Fran Alonso. Unha sucesión tan tranquila como
intelixente polo valor do elexido. Valor como xestor, que xa comeza a
confirmarse dende novas publicacións da editorial, pero valor tamén
como autor, como poeta que procura novas canles de expresión co
público e sobre todo cun novo público que semella renunciar ao
combate co papel. O seu discurso foi soberbio e deu paso á entrega
duns galardóns nos que semella hai tamén moito da súa proposta
literaria. Obras transversais nos seus xéneros de narrativas que se
poetizan e de poesías que se volven narrativa na procura dunha nova
maneira de aproximarse ao lector.
A diferenza doutros
anos a emoción e os nervos de coñecer aos gañadores, xa anunciados
dende o mes de xuño, tradicional mes de entrega destes premios,
substituíuse por unha emoción non menor ao poñer a editorial nas
nosas mans, co apoio da Xunta de Galicia, os exemplares premiados e
xa editados. Un acerto que se completou cunha presentación distinta
dos premios a través dunha conversa cos tres galardoados da
man da sempre eficaz e brillante xornalista Teresa Cuíñas. Asi foi
como Emma Pedreira, gañadora do Premio de Novela con ‘Besta do seu
sangue’; Héctor Carajaville vencedor do Premio Merlín con
‘Kusuma’ e Carlos Negro, que acadou o Jules Verne con ‘Aplicación
instantánea’, explicaron o proceso da construción da súa obra, o
que se agocha tras cada unha delas e as súas pretensións literarias
que, dende estes días, acadan para todos eles unha nova dimensión.
Naquel Museo, naquela
sala, chea de efectos navais a un lado, mentres ao outro o mar
xogueteaba paseniñamente coa costa, voltamos a vivir unha desas
citas incomparábeis no calendario das nosas letras. Houbo tempo para
gabar aos premiados, para aplaudir a Manuel Bragado, para suliñar a
importancia de seguir mantendo estas liñas editoriais como parte dun
sistema literario galego coa forza necesaria para resistir as
treboadas que escurecen os fermosos horizontes, tamén para lembrar a
quen nos deixou neste ano, Xabier P. Docampo (aínda refulxen as
cereixas do seu discurso nestes Premios de hai uns poucos anos), para
sorrir coa lembranza a quen nunca nos deixou, Agustín Fernández
Paz, pero sobre todo para sentirmos parte dunha colectividade, dun
elo indivisíbel sustentado pola nosa escrita que non renuncia, nin
renunciará a navegar sempre polo mesmo mar. O mar da palabra.
Publicado no Diario de Pontevedra 22/10/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario