sábado, 20 de outubro de 2018

A Torre


Foguetes verdes (1)
Hai libros que son moitos libros. ‘A torre’ de Antonio Sandoval é un deses relatos bulideiros abertos a todo un conxunto de saberes e sensibilidades arredor dun dos nosos símbolos.



É UNHA DAS iconas da nosa terra: a Torre de Hércules. Símbolo, non só dunha cidade, senón dun tempo e dunha cultura esencial na nosa terra. Faro aínda afouto que exerce unha especie de dominación do territorio que o rodea. Un espazo cheo de pegadas naturais e históricas, de persoas e acontecementos que sementaron séculos e séculos da nosa historia.
Antonio Sandoval Rey é escritor, comunicador ambiental e ornitólogo, e a súa proposta neste texto tan interesante como engaiolante. é o de camiñar pola contorna da Torre, fronte o Atlántico de escumas salgadas que renovan o seu rito mariño con cada batida do mar. Un espazo, polo tanto, definido pola egrexia presenza da Torre de Hércules, coa súa longa historia de cambios e modificacións a través dos séculos, pero esa historia tamén se pendura noutros espazos da contorna. Todo un territorio no que a natureza ten un forte protagonismo. Aves que voan e habitan nesa cornixa natural. Camiños polos que moverse e facer da andaina unha experiencia sempre diferente.
O certo é que o libro está baseado nesa idea do camiñante, da relación da persoa coa contorna que logo transfórmase en palabra. Case un diario que funciona como un compás indicándonos toda unha serie de direccións que tomar. Unha exploración baudeleriana que se transmite cunha forza panteísta, pero tamén con fondas pegadas poéticas que, en certas partes do texto, ofrécense conmovedoras. Un faro cuxa luz alumea non só na escuridade senón nese devir do tempo que leva ao autor a pescudar en sucesos tráxicos como os fusilamentos da Guerra Civil ous os naufraxios contaminantes de barcos como o Urquiola, o Erkovit ou o Prestige, por citar só algúns desa Santa Compaña exterminadora que se ensaña coa nosa costa. Pero ese territorio tamén é o de Monte Alto, o de Xurxo Souto, o de Manuel Rivas e de moitos outros que escribiron e sentiron o acubillo secular desa construción. Relato tamén de soños e de pinceladas. Lugrís e o azul eterno. Pero tamén a Torre como unha especie de menhir que vencella o pasado co presente. O pasado da romanización e a chegada ao poder de Donald Trump. O pasado dunha nova linterna encargada en Londres en 1794 e o tempo de escuridade da posverdade. Esa intelixente prospección de tempos e diversidades narrativas son as que lle dan pulo neste libro que un le con auténtico gozo. Unha delicia que acada dúas das misións principais de calquera libro, o de adquirir coñecementos, a través de toda unha serie de datos e achegas sobre o que rodeou á Torre e á propia cidade da Coruña; e o de pensar. Estamos ante un libro de reflexións que o autor de xeito atinado vai apuntando polo medio doutro tipo de consideracións. Pensamentos sobre a nosa realidade social, a política, a socioloxía, a economía, a ciencia, o mundo da imaxe, os medios de comunicación e, por suposto, o ecoloxismo, unha baliza sempre afouta neste camiñar por unha zona cambiante: «A cidade vibrante, asida polo seu istmo ao continente, é a man que sinala estes símbolos co índice que chega en forma de rampla ata a Torre. O ceo é meditación que lle suxiren. Unha luz cambiante colorea cada hora o ánimo desta paisaxe. E, xa que logo, tamén o dos que por aquí paseamos», escribe Antonio Sandoval Rey.
Esa é a clave de todo, o paseo. A sensación de fincarse nun espazo domiñado por esa gran escultura, un land-art luminoso, ante o que deixar as nosas pegadas como tantos outros fixeron con non demasiada diferenza das nosas impresións hoxe, cando cada vez se lle dá menos valor a ese acto de sentirse en relación á natureza, de camiñar e de facer da experiencia aprendizaxe. ‘A Torre’ é xustamente iso, aprendizaxe e experiencias convertidas en literatura.



Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 19/10/2018
Foto: Cabalar


Ningún comentario:

Publicar un comentario