Rue Saint-Antoine nº 170
Memoria ▶ O
cadro de Castelao ‘A derradeira lección do mestre’ protagonizou
a semana en Galicia. A súa recepción en Compostela para participar
nunha exposición na Cidade da Cultura e as máis que desafortunadas
palabras do presidente da Xunta provocaron unha reacción xeral que
podemos entender como unha nova lección de Castelao.
Unha das accións de protesta foi a recreación da lámina orixinal de Castelao por Kiko da Silva no Museo de Pontevedra (Gonzalo García) |
Poucas veces se viviu
unha situación como a que tivo lugar ao longo desta semana en
Galicia arredor dunha obra de arte. O asombroso discurso do
presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que el mesmo se adicou
a esnaquizar 48 horas despois diante da familia Bóveda, minimizaba a
contundencia do cadro que Castelao pintou no exilio arxentino en
1945. Para Castelao a arte converteuse nun medio de concienciación
social e política a medida que foi pasando o tempo, e a súa
condición de pintor dirixiuse dende as obrigas morais dos feitos
históricos co rodearon cara un emprego do artístico para que
Galicia mirase cara si mesma poñendo en cada obra unha carga de
profundidade contra o atraso e as diferencias de clase na sociedade.
Ese devir da súa obra
acada unha nova dimensión tras o levantamento militar e a Guerra
Civil. Castelao realizará tres albumes para denunciar a represión
que acontecía en Galicia. ‘Galicia Mártir’ e ‘Atila en
Galiza’, foron editados en Valencia, o primeiro en 1937 polo
Ministerio de Propaganda da República, mentres o segundo polo Comité
Nacional da Confederación Nacional do Traballo. O terceiro,
‘Milicianos’, editouse en Nova York, un ano despois pola Fronte
Popular Antifascistas Galego.
Estes tres traballos,
absolutamente espléndidos dende o artístico, si que se poden
calificar como o máis cercano ao que podería ser unha especie de
Guernica galego, ao tratar, como no cadro de Picasso, da
visualización da sin razón humana e que ademais mantén un fío
directo cos gravados de Goya dos ‘Desastres da Guerra’, tanto na
súa conformación plástica como na inclusión dunha mensaxe ao pé
da imaxe. Castelao, polo tanto, dialoga de xeito directo con todos
eles e fai da obra un altofalante dunha sociedade esnaquizada nos
seus valores.
Selo da República Española coa 'Derradeira lección do mestre' |
Unha das láminas
daquel primeiro álbum é ‘A derradeira lección do mestre’. Unha
representación que foi moi especial para Castelao xa que nela
aparece o seu mestre, de quen tanto aprendeu, o seu irmán, tal e
como se recolle na correspondencia entre eles, Alexandro Bóveda. É
certo que non aparece en ningún texto esa adscripción do personaxe,
pero moitas veces queremos desviar a vista ante o que está diante de
nós. Non hai máis que mirar o propio cadro, fixarse na cara dese
home que ven de ser asasinado para que non haxa dúbida algunha. Esas
entradas no cabelo, ou ese guecho de pelo no centro, son
identificativos do personaxe e así grandes caricaturistas como
Manuel Torres non precisaban de máis para reflectir a Alexandro
Bóveda. Esta lámina era tan especial para Castelao que foi unha das
tres que elexiu para converterse nun selo da República en 1939,
precisamente o de máis valor, 90 céntimos. E o que se converteu no
gran lenzo de 200x132 centímetros que Castelao pintou en Bos Aires
coa mirada posta en Galicia e no martirio do seu irmán.
A última
lección de quen fora o mestre de tantos galeguistas que puxeron a
súa terra por riba deles mesmos. Pois resulta que non foi a última,
o destino, e a forza da arte como aglutinador de sentimentos, quixo
que aínda quedase outra lección por dar, á que asistimos estes
días nos que un discurso completamente afastado do relato do cadro e
da súa orixe fixo que gran parte desa terra que se regou co sangue
do mestre levantase a voz para berrar e para lembrar que aquela
lección aínda non se esqueceu, e que aínda ten moito que ensinar.
Caricatura de Bóveda realizada polo pintor Manuel Torres |
Publicado no Diario de Pontevedra 8/10/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario