Cultura ▶ O
Pazo da Cultura de Pontevedra amosou durante esta longa fin de semana
a súa potencialidade para ser o centro da actividade cultural de
Pontevedra e a súa contorna. O festival de músicas da lusofonía,
Cantos na Maré, ou dúas exposicións que, dende a pintura e a
fotografía, vencéllanse co mar, amosan a forza dun espazo singular
Cantos na Maré. Concerto de Cesária Évora Orchestra (J.L. Oubiña) |
Os galegos somos
anfibios. O mar e parte do que corre polo noso interior. O mar
sírvemos para sentir e tamén para respirar. Non é raro que moitos
artistas plantexen o seu traballo dende a sensibilidades de
enfrontarse a ese espello de auga salgada no que reflectirse. Como
tampouco é estraño que ese mesmo mar, ese Atlántico que se axita
estes días de outono e temporais cos ventos que veñen da outra
orela, sirva de metáfora coa que envolver o festival de música
lusófona, Cantos na Maré.
Exposicións e
concertos que fixeron do Pazo da Cultura un epicentro cultural de
primeira orde en toda Galicia e que amosan a afouteza dese lugar
cando enche todas as súas velas e fai da cultura un ronsel de
emocións. Poucos espazos tan abondosos nas súas posibilidadades
como o Pazo da Cultura de Pontevedra. O edificio do prestixioso
Manuel de las Casas ofrece salas de exposicións, salas de concertos,
de maior ou menor tamaño, e moitos ambientes máis para que sexa un
compás da cultura, xa non só na capital da provincia, senón nas
comarcas que nos rodean. É por iso que un nunca se cansa de pedir
máis inversións en cultura, xa non só dende o público, senón que
é unha mágoa que máis empresas privadas non se animen e se sumen á
esponsorización da programación de todo o ano ou a eventos e
actividades puntuais que ían a falar moi ben delas e da súa
sensibilidade.
Non hai máis que
lembrar o que pasou ao longo desta fin de semana prolongada coa
coincidencia de dúas exposicións e unha edición renovada e
ampliada de Cantos na Maré. Todo o espazo do Pazo da Cultura
ofrecendo posibilidades artísticas, miradas cara a pintura de Antón
Sobral e Carmen Hermo, e os oídos ben abertos ante toda esa música
chegada dos países da lusofonía e da nosa propia terra.
Exposición 'Na beira do río. Diálogos na Pintura' (Rafa Fariña) |
Unha maridaxe que sae
do mar, coma do mar emerxe a arte de compromiso de Antón Sobral e
Carmen Hermo, dúas achegas dende a pintura que nos convidan a
percorrer un novo universo de pinceladas dende o acougo e a
serenidade do primeiro, á mestura de linguaxes e formatos da
segunda, nunha rifa coa propia pintura. Noutro dos espazos Alba
Sotelo plantexa unha viaxe homérica, coa súa ‘Voltar a Ítaca’,
unha escolma fotográfica que plantexa a defensa do mar e da pesca
máis tradicional a través dos seus protagonistas. Heroes do cotiá
que converten as súas mans en anzois.
Visitante ante unha fotografía de Alba Sotelo (J.L. Oubiña) |
Pero esta fin de semana
foi a dos sons, a das músicas que chegaron co ‘sotaque’
portugués, coa mestura de ritmos que nos obrigan a esquecer
fronteiras nos mapas e a sentir as que se agochan no noso interior,
ás que falan de linguas comúns e sensibilidades que, como as ondas
do mar, móvense entre as músicas de diferentes territorios que
teñen a obriga de seguir apostando por navegar xuntos, en océanos
como os do Pazo da Cultura de Pontevedra.
Publicado no Diario de Pontevedra (15/10/2018)
Ningún comentario:
Publicar un comentario