Rue Saint-Antoine nº 170
Memoria. Escrita,
memoria e arte xúntanse na intervención que se vén de inaugurar
esta fin de semana na avenida de Eduardo Pondal. Un mural no que Polo
Correo do Vento homenaxea á María Victoria Moreno, nun dos últimos
actos de lembranza á escritora á que se lle adicou este ano o Día
das Letras Galegas e cuxo recordo agora será permanente.
«As persoas estamos
feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos». Así o
escribiu María Victoria Moreno en ‘Anagnórise’, e así aparece
na placa que a lembra dende a ponte que dá comezo á Avenida de
Vigo, a rúa na que viviu a autora homenaxeada co gallo do Día das
Letras Galegas deste ano. Agora, dende ese mesmo punto podemos seguir
achegándonos a súa figura a través dun fermoso mural que
enriquece, non só a nosa cidade dende o punto de vista artístico,
recuperando un espazo descoidado; senón que enche a nosa memoria
dunha homenaxe convertida en permanente hacia unha muller que non só
dende a súa faciana de escritora o merece, tamén dende o aspecto
humano como activa cidadán que conviviu con nós.
Polo Correo do
Vento son Mau e Pin, escritor e debuxante, pero sobre todo activistas
da cultura que sementan alí onde máis poden medrar as ideas e os
sentimentos, isto é, nos nosos cativos. Eles, xunto coa artista
Tania Solla, enfrontáronse valentemente a ese valado perdido para a
cidade, un soporte que, como tantos que temos, precisaba dunha
reconversión e que como vemos agora pode ofrecer excelentes
resultados. A súa mirada tenra sobre a autora, perfectamente
dirixida ao público máis miúdo, reflicte a relación con Galicia a
través da lingua, e con Pontevedra, cidade da que namorou en canto
chegou a ela. Formou con esta vila de «orgullo feito de pedra e
camelia» unha unidade, unha complicidade que se desenvolveu dende a
súa relación cos cativos cos que coincidía no parque de
Campolongo, tamén cos seus alumnos no IES Torrente Ballester, aos
quen tanto lles deu e dos que tanto recibiu; tamén cos seus queridos
cans que a obrigaban a pasear e a camiñar polo seu barrio no que
deixou unha desas inesquecíbeis pegadas inmateriais, pero que o
tempo está convertendo en presenzas físicas e en lembranzas e
homenaxes que neste seu ano non deixan de medrar ata que remate.
A afouta escolla de Mª
Victoria Moreno por Pontevedra e pola lingua coma canle de expresión,
ela que chegara procedente de Extremadura en 1963, seguen a sumar
xestos de recoñecemento. Ela deixounos os seus libros pero sobre
todo a sinal do ser humano, e agora a cidade devólvelle o compromiso
con xestos como este. Alí están a escola, a escrita, os libros que
van e veñen voando e unindo as persoas, os cans, o seu coche que ata
tiña nome, Teresita, a súa cadela, e esa bolsa de lamberetadas que
a acompañaba sempre para repartir entre as súas cómplices
amizades, ás que enchía de contos e narracións como a interminábel
do heroe Ulises que lles contaba aos nenos nun chanzo a carón da
igrexa de Campolongo, e que tan ben nos contou Montse Fajardo.
Palabras e agora mural, para lembrar, pero sobre todo para non
esquecer.
Publicado no Diario de Pontevedra (29/10/2018)
Fotografía: Javier Cervera-Mercadillo
Ningún comentario:
Publicar un comentario