domingo, 25 de novembro de 2018

«Da ruína da razón nace a palabra»

A perda do fogar familiar. Un derrubo, propiciado polos novos tempos, é o pulo creativo para o novo poemario de Pilar Pallarés, nome imprescindíbel da nosa lírica que emerxe neste ‘Tempo fósil’ coa palabra como alicerce dunha achega poética sobre o paso do tempo.


Estas verbas son o arrinque do poemario de Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) que edita a sempre afouta editorial Chan da Pólvora e no que recuperamos a capacidade desta poeta para acoller, dende a palabra, toda unha declaración de intencións, neste caso, sobre o paso do tempo e como con el vanse tantas cousas. Pegadas individuais que esmorecen fronte ó peso do colectivo, e como nese esquecemento a palabra é o único que nos permite manter vivo o recordo.
A ampliación do aeroporto de Alvedro trouxo consigo danos colaterais como os derrubos de espazos que estaban chantados na alma de moitas persoas. Vivendas nas que se desenvolveu toda unha vida, o hábitat dunha familia arrasado polas obrigas da modernidade. Como coa casa familiar de Pilar Pallarés os novos tempos, de novas estradas, de novas construccións, etc, traen consigo moitas destas perdas convertidas en cicatrices nas vidas de moita xente. Cantos máis anos se viviron nelas, máis fondas, e aí, os nosos maiores son as grandes vítimas destes desaoloxos convertidos en desacougos.
Tempo fósil’ actívase dende esa situación como un territorio para suturar dende a palabra esa ferida convertida en distancia cun tempo anterior. Unha loita contra un mesmo e os recordos que se foron apegando co tempo na pel dos seus habitantes. A perda do físico deixa a imposibilidade do rastro, e todo se conduce cara a intimidade da persoa, cara o eu coma construción: «Soñan con fundar os pais,/obraren cando a casa/outra forma de vida/-nos imos xa cavando/até depositarmos/na ruína do pasado/o desfuturo», escribe Pilar Pallarés.
Cara ese 'desfuturo' asexa a poeta, alí onde «se parte o esternón da casa» para comezar a plantexar o novo fogar, a nova vida que se abre, obrigada, sobre unhas ruínas dende as que falar da infancia, da xuventude, da ocupación dun espazo físico convertido nun hábitat para o crecemento da persoa, sombras proxectadas entre as contras das fiestras, un interior plantexado fronte ao exterior como un espazo de recoñecemento. E de novo a palabra que en Pilar Pallarés cobra unha forzas as veces perdida, una forza teimuda para recoñecer e recoñecerse como o compás preciso para situarnos ante as novas situacións da vida. Unha palabra concisa, que pesa e se afunde na páxina coma un fito que acolle, de xeito incríbel, unha chea de sensacións. Palabra como rede ou, expresado en palabras da autora, «memoria táctil». Estamos ante palabras que case pódense tocar ao encerrar na súa grafía esa marca silenciosa, esa pulsación que vén do pasado e aínda no presente convértese en latexo irrenunciábel polo que ten de elo co pasado. Na palabra estamos nós, na palabra sentimos o que fomos e tentamos atoparnos hoxe.
«Cortesía da morte,/a vida,/cunha semente de tempo xermolando dentro», anúncianos a poeta como nunha epifanía o relevo do tempo, a epiderme do calendario que non deixa de pasar as súas follas para xogar con nós ao seu antollo. Unha síntese da palabra capaz de enxerir no texto o antes e o despois, a permanente sensación de que somos seres febles entre os cascallos dun pasado que esmorece cando nós mesmos somos os culpábeis desa fractura, desa fenda na alma daquilo que nos fixo e agora nos desfai.
Un poemario que nos amosa o potencial desta muller por construírmos dende a palabra, como leva facendo nos seus textos, sempre escritos de vagar, co pouso e a reflexión precisa para que esa palabra levede en forma e fondo. Así aconteceu cos seus anteriores poemarios: ‘Leopardo son’ (2011), o mítico ‘Livro das devoracións’ (1996) ou os iniciáticos ‘Sétima soidade’ (1984) e ‘Entre lusco e fusco’ (1980). Libros ancorados nunha serie de anos pero os realmente importantes son os anos que van dun ao outro. Ese espazo no que se move a vida coas súas leas que son quen de provocar esa escrita necesaria e agora tamén fósil da nosa memoria feita palabra.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 21/10/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario