luns, 26 de novembro de 2018

Mártires


Foguetes verdes (6)
Castelao maxistral’ amosa a importancia da educación para o autor de Rianxo como ferramenta para instruír á poboación e así se rastrexa ao longo do seu variado traballo plástico


UNHA GRAN FOTOGRAFÍA á entrada da mostra contextualiza todo o que vai vir despois. Dela prende o sustento no que vai derivar a mostra: o compromiso cos ensinantes, con aqueles mestres que rexeneraron durante uns anos de esperanza  a España e a Galiza dende unhas aulas cheas de modestia, nos seus materiais, pero afoutas de ilusións e compromisos daqueles mestres que tiñan na educación dos cativos á mellor maneira de fornecer a todo un país de xente que tirase del. O levantamento militar, a Guerra Civil, esmagou todo iso, e moitos mestres foron asasinados. Cen deles en Galiza, cuxos nomes forman parte tamén da exposición. Nesa homenaxe é na que se enxerta o labor de Castelao, mestre durante un pouco tempo de debuxo no actual Instituto Valle-Inclán de Pontevedra, pero que tivo a educación como argumento de moitos dos seus traballos artísticos e que elexiu a un dos mestres do nacionalismo, Alexandre Bóveda, para evidenciar co seu martirio a perda da sociedade dos valores daqueles que aportan as súas luces sen máis intereses cos de facer medrar a un país.
A fotografía que nos recibe foi tomada o 17 de agosto de 1945, no centro Ourensán de Bos Aires no que se presentaron un busto en bronce de Alexandre Bóveda e o cadro de Castelao ‘A derradeira lección do mestre’. Pouco máis que aportar a esa mensaxe, o home fusilado nun 17 de agosto na Caeira, e o seu exemplo tomado como o motivo dun cadro que recuperaba a sexta ilustración que Castelao fixera en Valencia dentro do álbum Galicia Mártir e cuxo orixinal se atopa no Museo de Pontevedra. pero que durante o tempo da exposición acompaña ao cadro. Esa estampa foi a elexida por Castelao para aquela homenaxe no exilio arxentino, sabedor de que Bóveda fora o mestre de moitos e o mártir que simbolizaba o martirio de tantos outros, mestres e non mestres, nunha sociedade que tiña como testemuñas do horror aos nenos, eses mesmos que ante o cadáver choran e se laian da perda. Ás árbores núas, sen polas, sen follas que falen dun futuro esnaquizado con accións coma esta.
Este cadro que por primeira vez deixa o seu fogar arxentino e chega a Galiza é o gran atractivo da mostra. O altofalante mediático para atraer ao espectador e levalo á Cidade da Cultura de Compostela para percorrer esta mostra na que ademáis se amosan moitos outros materiais que teñen a súa significación dentro do contexto que se orixina da man do seu comisario Miguel Anxo Seixas Seoane. Ata chegar a ese cadro atopámonos caricaturas, debuxos, acuarelas, viñetas de prensa ou publicidades nas que Castelao reflicte o mundo dos nenos e a necesidade da educación. Dotar de fondos as escolas, a relación dos mestres cos alumnos ou a importancia dunha lingua propia están dentro delas xunto con tres das teimas de Castelao: a perda de peso do centralismo, as clases sociais evidenciadas na figura do cacique, e a lingua, son tamén as que imos a rastrexar no quefacer de Castelao que, co paso do tempo, foi mudando as achegas máis vencelladas ao puramente artístico cara o valor concienciador da arte como reflexión para a identificación dun país.
Emocionantes son tamén outros elementos da mostra como os debuxos realizados por unha das súas alumnas en Pontevedra, María Ameijeiras Rodríguez, pero tamén os obxectos que formaban parte daquelas aulas que nos levan ao tempo do propio Castelao en Galiza. e permiten ao visitante poñer formas ao que vimos en películas como ‘A lingua das bolboretas’, debedora desa misión do mestre republicano, e que tamén ten o seu protagonismo no final desta exposición que, se a algo ten que obrigarnos, é a pensar no feito por tantos e por como o horror e a represión poden esnaquizar as ilusións dun pensamento libre.



Publicado no Diario de Pontevedra 23/11/2018. Fotografía: Manuel G. Vicente. Cedida por Cidade da Cultura


Ningún comentario:

Publicar un comentario