Foguetes verdes (6)
Castelao maxistral’
amosa a importancia da educación para o autor de Rianxo como
ferramenta para instruír á poboación e así se rastrexa ao longo
do seu variado traballo plástico
UNHA GRAN FOTOGRAFÍA á
entrada da mostra contextualiza todo o que vai vir despois. Dela
prende o sustento no que vai derivar a mostra: o compromiso cos
ensinantes, con aqueles mestres que rexeneraron durante uns anos de
esperanza a España e a Galiza dende unhas aulas cheas de
modestia, nos seus materiais, pero afoutas de ilusións e compromisos
daqueles mestres que tiñan na educación dos cativos á mellor
maneira de fornecer a todo un país de xente que tirase del. O
levantamento militar, a Guerra Civil, esmagou todo iso, e moitos
mestres foron asasinados. Cen deles en Galiza, cuxos nomes forman
parte tamén da exposición. Nesa homenaxe é na que se enxerta o
labor de Castelao, mestre durante un pouco tempo de debuxo no actual
Instituto Valle-Inclán de Pontevedra, pero que tivo a educación
como argumento de moitos dos seus traballos artísticos e que elexiu
a un dos mestres do nacionalismo, Alexandre Bóveda, para evidenciar
co seu martirio a perda da sociedade dos valores daqueles que aportan
as súas luces sen máis intereses cos de facer medrar a un país.
A fotografía que nos
recibe foi tomada o 17 de agosto de 1945, no centro Ourensán de Bos
Aires no que se presentaron un busto en bronce de Alexandre Bóveda e
o cadro de Castelao ‘A derradeira lección do mestre’. Pouco máis
que aportar a esa mensaxe, o home fusilado nun 17 de agosto na
Caeira, e o seu exemplo tomado como o motivo dun cadro que recuperaba
a sexta ilustración que Castelao fixera en Valencia dentro do álbum
Galicia Mártir e cuxo orixinal se atopa no Museo de Pontevedra. pero
que durante o tempo da exposición acompaña ao cadro. Esa estampa
foi a elexida por Castelao para aquela homenaxe no exilio arxentino,
sabedor de que Bóveda fora o mestre de moitos e o mártir que
simbolizaba o martirio de tantos outros, mestres e non mestres, nunha
sociedade que tiña como testemuñas do horror aos nenos, eses mesmos
que ante o cadáver choran e se laian da perda. Ás árbores núas,
sen polas, sen follas que falen dun futuro esnaquizado con accións
coma esta.
Este cadro que por
primeira vez deixa o seu fogar arxentino e chega a Galiza é o gran
atractivo da mostra. O altofalante mediático para atraer ao
espectador e levalo á Cidade da Cultura de Compostela para percorrer
esta mostra na que ademáis se amosan moitos outros materiais que
teñen a súa significación dentro do contexto que se orixina da man
do seu comisario Miguel Anxo Seixas Seoane. Ata chegar a ese cadro
atopámonos caricaturas, debuxos, acuarelas, viñetas de prensa ou
publicidades nas que Castelao reflicte o mundo dos nenos e a
necesidade da educación. Dotar de fondos as escolas, a relación dos
mestres cos alumnos ou a importancia dunha lingua propia están
dentro delas xunto con tres das teimas de Castelao: a perda de peso
do centralismo, as clases sociais evidenciadas na figura do cacique,
e a lingua, son tamén as que imos a rastrexar no quefacer de
Castelao que, co paso do tempo, foi mudando as achegas máis
vencelladas ao puramente artístico cara o valor concienciador da
arte como reflexión para a identificación dun país.
Emocionantes son tamén
outros elementos da mostra como os debuxos realizados por unha das
súas alumnas en Pontevedra, María Ameijeiras Rodríguez, pero tamén
os obxectos que formaban parte daquelas aulas que nos levan ao tempo
do propio Castelao en Galiza. e permiten ao visitante poñer formas
ao que vimos en películas como ‘A lingua das bolboretas’,
debedora desa misión do mestre republicano, e que tamén ten o seu
protagonismo no final desta exposición que, se a algo ten que
obrigarnos, é a pensar no feito por tantos e por como o horror e a
represión poden esnaquizar as ilusións dun pensamento libre.
Publicado no Diario de Pontevedra 23/11/2018. Fotografía: Manuel G. Vicente. Cedida por Cidade da Cultura
Ningún comentario:
Publicar un comentario