domingo, 11 de novembro de 2018

Que as flores non murchen


Nenos deixando flores no monumento
aos fusilados o 12 de novembro (Javier Cervera-Mercadillo)

OS DOCE de novembro son na nosa Pontevedra os días da dignidade. Os días da lembranza daqueles dez homes, asasinados nesta mesma data de 1936, nos que se resume a rebeldía, fronte ao desvarío, deles, e de tantos outros que neses días escuros viron as súas vidas e ás das súas familias esmagadas. Achegarse ao monumento no que se lles lembra está sempre cheo de emocións, pero tamén de afoutezas polo que ten de obriga do resto dos cidadáns. Obrigas coa moral cívica dun pobo que viu como algúns dos seus foron vilmente afastados da comunidade. Esquecer sería colaborar cos que cometeron aquela barbaridade, de aí cunha sociedade comprometida estea na obriga de seguir mantendo ese recordo sempre aceso.
Os actos dos últimos anos que cada 12 de novembro reúnen, arredor do monumento que a eles se lles adica na Pasarela, a representantes políticos, familiares e cidadáns anónimos, é unha fermosa mostra dese compromiso que ten, nun insospeitado capítulo que se repite ano tras ano, unha desas esperanzas tan necesarias dentro dunha sociedade non demasiado afeita a estas imaxes. Falo dos cativos que participan nunha ofrenda na que deixan unha flor ao pé dese monolito, xusto baixo os nomes daqueles dez homes valentes. Nenos que non saben realmente o que fan, o que se agocha tras esa acción, aparentemente infantil, pero que tras ese xesto preguntan aos seus pais ou familiares porqué fixeron iso. Eses porqués son a chave cara o futuro. Que os nosos nenos e nenas saiban que non sempre se viviu tan ben como vivimos nós agora, que nun tempo a xente sufriu moito por cuestións ideolóxicas, por pensar dun xeito diferente a como algúns, que ostentaban o poder e as armas, consideraban que se tiña que pensar, segundo o seu ideario. Nesa pequena semente que cada 12 de novembro se planta nese acto está boa parte do noso futuro, o que nos permitirá seguir pensando que todos podemos vivir xuntos con ideas e comportamentos diferentes, pero que nunca e debe chegar a aqueles extremos de ignominia.
José Adrio Barreiro, Germán Adrio Mañá, Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez Santomé, Víctor Casas Rey, Paulo Novás Souto, Ramiro Paz Carbajal, Luis Poza Pastrana, Benigno Rey Pavón y Juan Rico González son eses nomes convertidos en semente. Dez nomes que nunca debemos deixar de lembrar, como o de tantos outros, certo, pero o destes dez, gravados en pedra na pel da nosa cidade e na nosa memoria daquel fatídico día, son o resumo exemplar do que non se pode esquecer e do futuro que se reflicte na nosa rapazada á que temos que axudar a medrar cunha serie de valores.
A nosa é unha sociedade que todavía ten moito que aportar a esta cuestión, cunha Lei de Memoria Histórica sen desenvolver por completo, con intencións pero escasas accións, e cunha serie de movementos reaccionarios que impiden que mirar cara atrás sexa o bálsamo necesario para que as feridas sanden. Non se trata de abrilas, senón de pechalas. Capítulos da nosa historia que aínda precisan estudos e revisións, descubertas que beliscan a pel, como a que nestes días converte ao noso xornal en parte dese labor, a través da reportaxe de Sara Vila coa que descubriu a identidade dun home de Xeve que estivo preso nun campo de concentración nazi en Alemaña. Manuel Pérez Taboada é ese último nome. Agora a súa familia recuperará os seus obxectos persoais, pero a sociedade recuperou un nome que nunca debería murchar, como as flores que cada 12 de novembro deixan os nosos nenos no ronsel da memoria.



Publicado no Diario de Pontevedra 9/11/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario