Alumea
de novo a poesía de Luisa Castro nun dobre territorio. A
recuperación de Galaxia dun poemario xa mítico, ‘Baleas e Baleas’
que cumpre trinta anos. E a publicación por Visor do seu último
traballo, ‘Actores vestidos de calles’. Todo un manancial
inesgotábel de sensacións.
Luisa
Castro (Foz, 1966) lembra de xeito nidio a orixe dese poemario: «meu
pai e mais eu nunha tarde do ano 86, varados coma cachalotes na
factoría de Morás, mirando para o mar e diante dos vellos raís
oxidados». O tempo pode borrar moitas cousas, pero outras son
imposíbeis de ser afastadas do noso interior. Do mesmo xeito hai
poemarios que nun sistema literario emerxen coma o soprido dunha
balea na mar en calma. Isto é o que vén de acontecer con ‘Baleas
e baleas’ o poemario que na colección Esquío de poesía abrollou
en 1988 e con el o nome desta autora convertida dende ese avistamento
nun nome esencial da nosa escrita .
Esas
lembranzas da autora, inclúense no prólogo a unha nova edición
editada por Galaxia, a un volverse a poñer naquel mesmo lugar para
darse conta da importancia daqueles versos, daquela maneira de ver o
mundo, o seu mundo fronte aos outros mundos que viñeron despois.
Pero aquel mundo sempre estivo no seu interior, aquel espazo de
tabernas de mariñeiros e de historias de baleas, que se quedaba
físicamente alí, mentres Luisa Castro marchaba cara outras
singraduras que o compás da vida lle marcaba. Ten moito de retorno
homérico esta recuperación dese texto. Ben pola editorial, e ben
pola autora!
Non
é sinxelo moitas veces botar a vista atrás, percorrer de novo o
camiñado e poñer en circulación outra vez aquelas ideas. Pero o
certo é que cando un se bota a ler ese texto tamén semella facer
ese mesmo percorrido, vendo nas baleas un pasado de aprendizaxes e
experiencias que nos marcan xa para sempre. O tránsito da infancia,
da xuventude, dos espazos da memoria, do que acontecía arredor dun
dende a familia ou as amizades, e todo un océano ao que máis tarde
ou máis cedo voltamos. O máis emocionante é ver e sentir como eses
poemas permanecen afoutos dende a súa escrita, faros que alumean
aínda coa forza dos sentimentos, co fío de luz da palabra que segue
a facer da escuridade un permanente amencer.
E
tres décadas despois chega outro libro, tamén poderoso, tamén un
libro que fala da experiencia, para converterse noutro faro contra a
barbarie e a destrución do ser humano. Lonxe quedou aquela mirada
tenra de ilusións fronte as escumas da vida. ‘Actores vestidos de
calle’ sae no prestixioso catálogo poético da editorial Visor.
Un
poema, escrito despois do atentado terrorista na escola de Beslán en
Osetia no 2004, sitúanos ante o escenario. Dez anos despois Nápoles
vese envolta nunha crise migratoria e a poeta baliza ese novo océano
escribindo na propia cidade, entre o Instituto Cervantes e a
residencia de poetas Torserenella, asomada a outro mar, a un
Mediterráneo de augas quentes e almas esnaquizadas. Os recordos, a
dor, os adeuses,o círculo baleiro, o abandono, o silencio, a
tristeza... a equipaxe de tantos e tantos que desorientados asómanse
a un novo mundo as máis das veces inxusto e insolidario con todos
eles, mentres, o noso teatro, a nosa escena cotiá derrúbase sobre o
chan ante os nosos propios comportamentos e a necesidade da palabra
para nomear o que acontece, para ser a testemuña daquela imaxe
anterior que é a que a provoca: «...las palabras vienen a salvarte
de ese vacío,/ellas tienen el don de la clarividencia,/son
bellas,/no tienes que temerlas,/no te apresures,/no las
busques,/ellas vienen/ en tu auxilio».
A
palabra como salvavidas, a maneira de enfrontarse á realidade cara a
cara, tamén o salvoconducto cara o pasado, a aquel tempo no que o
seu avó contáballe o que se agochaba no ventre das baleas para,
finalmente, darse conta de quen realmente reside no ventre das baleas
é ela, Luisa Castro, a poeta que segue a navegar en mares e vidas, e
a buscar na palabra o faro preciso para alumearnos a todos ante o
noso destino común.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 14/11/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario