Foguetes verdes (5)
'Obras, pensamentos e experiencias' é o xeito como Anish Kapoor explica o seu traballo no Museu Serralves de Porto. Unha obra escultórica presentada dende 56 maquetas e 5 pezas.
'Obras, pensamentos e experiencias' é o xeito como Anish Kapoor explica o seu traballo no Museu Serralves de Porto. Unha obra escultórica presentada dende 56 maquetas e 5 pezas.
É A SÚA PRIMEIRA
exposición individual en Portugal. E faino nun marco tan
privilexiado como os engaiolantes espazos naturais do Museu Serralves
de Porto e na súa admirada arquitectura doutro mestre da creación,
como Álvaro Siza. Ata alí leva o creador indio británico a súa
mostra resumida nese título, ‘Obras, pensamentos e experiencias’
co que se precisa, de xeito lúcido, o seu traballo. A configuración
física nunha peza do seu pensamento e da experiencia dende a
relación do material coa súa contorna, e como iso inflúe no
espectador.
Dous grandes eixos
temáticos espállanse polo museo. A impresionante colección de 56
maquetas de moitos dos seus proxectos no interior do edificio xunto
coa obra‘Whiteout’ e no parque catro pezas que amosan esa
relación da obra co que a rodea. Esa chea de maquetas deixa ben
clara a vontade do artista por compoñer un diálogo coa natureza,
por sorprendela e por sorprendernos a nós. Son todas elas unha sorte
de fosilización dos seus pensamentos, de proxectos executados,
doutros que non, de intervencións en diferentes momentos do proceso,
pero que sempre posúen esa capacidade de revelación arredor do
artista.
Pero é fóra, no
parque, onde Anish Kapoor amosa todo o seu potencial. Antes de saír
atopamos unha sinxela peza, un monolito branco no hall do Museo. Unha
escala intermedia entre o out e o in. Perímetro e luz que configuran
unha obra dunha gran solidez. Un baleiro branco que vai a contrastar
coa primeira peza que nos atopamos ao saír ao exterior. Unha obra
icónica da súa traxectoria que xa foi exposta noutros xardíns,
diferentes, xeométricos, ilustrados, se podemos axustar o termo,
como son os de Versalles, ‘Corpo seccional preparándose para unha
singularidade monádica’ é a peza que nos recibe á entrada do
centro cultural. Un gran cubo con tres aberturas. Un xogo de luz e
cor, un volume que nos engule dentro dun vermello que loita co negro
para tensionar a atmosfera. É unha arquitectura ou é unha
escultura? a interrogante móvese na nosa mente e flúe pola
organicidade da obra.
‘Descenso cara o
limbo’, instálase na clareira das Azinheiras. De novo a loita,
neste caso entre a luz e a escuridade. Un burato negro no centro do
espazo, un ámbito indefinido entre nós, o lugar e o non lugar que
se agocha baixo el.
‘Sky Mirror’
pénsase para un espazo íntimo, o xardín do reloxo de sol. Un
espello cóncavo pecha no seu interior a vexetación que o rodea e a
nós mesmos. Un reflexo que nos atrae, xa que debemos atopar a
posición axeitada para formar parte del e desa nova dimensión que
enguedella ceo, terra e persoa. Aínda nos queda unha sorpresa máis
na exposición, a peza ‘Linguaxe das aves’. Un minarete ata onde
debe subir un chamador de aves, unha persoa que mediante os seus sons
engaiola aos paxaros da contorna. A eles se lles chama como parte dun
culto á natureza, unha impresión dun paraíso no que as aves cos
seus cantos alumean as nosas vidas.
Materiales, formas,
pigmentos son o fío conductor das propostas de Kapoor. Unha aposta
por modificar a percepción dos visitantes e por enfrontalo a unha
nova realidade que emerxe do interior de cada unha das súas obras.
Estamos ante toda unha
experiencia sensorial que completa o que a natureza do parque de
Serralves é quen propoñer. Unha visita obrigada para nós que
estamos tran preto desa opción artística, na que ademais podemos
gozar de dúas exposicións de calidade, a do director de cine Pedro
Costa e a de fotografía de Robert Mapplethorpe. Tres propostas
diferentes, pero complementarias, ao poñernos ante tres creadores
reflexionando arredor do ser humano e da relación coas nosas
diferentes.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 16/11/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario