luns, 12 de novembro de 2018

Os fillos da dignidade

Memoria ▶ Cada unha das súas historias persoais é unha historia de sufrimento e resistencia. De loita contra a barbarie que significou o seu asasinato. Os dez fusilados en Pontevedra na data do 12 de novembro de 1936 convertéronse nunha das páxinas más tristes da nosa historia, pero da que tamén quedou un resolta semente

AS dez historias que se agochan tras o dez nomes dos fusilados o 12 de novembro de 1936 en Pontevedra son un exemplo de resistencia convertida en lembranza. Principios irrenunciábeis que se agocharon no seo desas familias que son hoxe unha lección para todos nós aos que honrar cada ano nesta data.
Unha desas historias foi a de Ramiro Paz Carbajal (1891-1937), un home cunha gran presenza na cidade de Pontevedra dende a súa situación laboral: impresor que dirixiu os semanarios ‘Acción Obrera’, ‘Nueva Aurora’ e ‘La Hora’ estando tamén ao cargo dun quiosco e un surtidor de gasolina; así como ao fronte de diferentes entidades sindicais e políticas de corte socialista, sendo presidente da Federación Obrera Local (1920), Presidente da Agrupación Socialista (1920,1933), Presidente do Comité Provincial da Fronte Popular (1936) ou da Federación Provincial Socialista (1936). Tamén foi concelleiro e Delegado Técnico do Hospital Provincial. Pero tamén  a súa presenza na cidade tiña outro alicerce no seu ámbito familiar, no que, tras dous matrimonios, o primeiro con Pura Beloso e o segundo, pola morte desta, con Dolores Lois,  trouxo ao mundo a cinco fillos do primeiro e catro do segundo, que deixaron unha semente que nas décadas seguintes converteuse para toda esa familia nunha resistencia activa fronte ao que acontecía arredor do entorno dun represaliado nunha pequena capital de provincia.
«Xustiza, liberdade, igualdade e mellora de vida dos traballadores», foron a súa teima nesa curta vida, como ben reflicte no imprescindíbel libro que lle adicou Aurora Marco, ‘Ramiro Paz Carbajal. Unha vida segada pola barbarie’, (Editorial Toxosoutos) no que se basea todo este relato, e no que podemos pescudar polo miúdo todo ese labor a prol da xente, sempre cos máis desfavorecidos na mirada e na acción decidida. A súa vida estivo sempre chea de boas obras, dun continuo traballo cara os seus, pero tamén de axuda aos demais, dende as súas posibilidades económicas e administrativas, ata esa data na que todo mudou.
O 20 de xullo de 1936 tivo lugar a súa detención, cando se atopaba no Hospital Provincial supervisando a recepción dos enfermos, algo que adoitaba facer e cos que tiña unha relación moi especial. Nunca aceptaba agasallos deles, «iso é cousa de caciques», dicía,  preocupándose de que as súas condicións fosen as mellores. As propias monxas do hospital facilitáronlle un hábito de franciscano para fuxir, pero el rexeitouno, xa que non fixera nada. Alí quedou detido ata o 6 de setembro cando foi trasladado á Escola Normal onde estaba o cárcere. O 22 de outubro foi levado á Illa de San Simón e o día 31 xa estaba de volta para o xuízo xunto a Juan Rico, Telmo Bernárdez, Luis Poza, Amancio Caamaño, José Adrio, Germán Adrio, Paulo Novás, Víctor Casas e Benigno Rey. Un xuízo innecesario, unha pantomima, xa que todo estaba decidido. Nin a declaración de Evaristo Paredes, editor do Diario de Pontevedra, poñendo en valor a súa actuación nuns graves actos de vandalismo no mes de xaneiro coa entrada dun grupo de xente disposta a destruír aquela imprenta e redacción, e a defensa da súa persoa, puideron facer nada. Nin a viaxe a Burgos da que sería a súa viuva, Dolores Lois, xunto a outras mulleres para pedirlle o indulto a Mola mudou nada. O 12 de novembro  ás 7,15 horas foron levados ao quilómetro un da estrada a Campañó dende onde os disparos dos asasinos racharon o silencio da cidade, sendo escoitados por todos aqueles cativos que dende ese momento quedaron orfos de pai. O terror xa tiña actuado e nada voltou a ser igual na casa dos Paz.
Pero a de todos eles foi unha lección de resistencia da que Montse Fajardo, necesaria e afoutada estudosa destas vidas feridas pola represión, destaca o seu carácter de resistentes: «Xunto coa familia Poza foron dos que menos se pregaron ao Réxime. De feito Dolores Lois non bautizou ao seu fillo póstumo, que naceu en febreiro do 1937, e iso é moito dicir». Tamén a investigadora, a través das súas conversas cos fillos de Ramiro Paz, recupera outro capítulo de tensión cando Pura Paz estando no Cine Coliseum co seu mozo negouse ao final do filme, como era habitual, a erguer o brazo para facer o saúdo fascista, sendo recriminada por un garda, pero ela non o fixo.
Tamén é especialmente salientábel a loita doutro dos seus fillos, Isidro Paz, por tentar mudar as miserábeis e vergoñentas palabras que constan na acta de defunción do seu pai, na que aparece como causa da morte unha hemorraxia interna en vez dunha morte por fusilamento. Accións que nos falan da necesidade e da obriga por resistir, por sermos parte dunha sociedade moralmente sa para enfrontarse ao terror e á barbarie. Así o querería Ramiro Paz, e así llo reflectiu aos seus cando, coñecedor do que se aveciñaba, pediu que lle fixesen unha fotografía. Unha imaxe na que vemos a un home sereo e orgulloso do feito. Un home en cuxos ollos hoxe poden reflectirse os seus fillos. Os fillos da dignidade.



Son varias as cartas que se conservan deses días finais entre Ramiro Paz e a súa muller, Dolores Lois, entre elas esta, non se sabe si escrita no Lazareto de San Simón ou dende o cárcere de Pontevedra:
«Querida Lola: Mañana a primera hora, ve junto al señor Pontijas, juez de nuestra causa, y dile que yo deseo una fotografía y necesito la correspondiente autorización. Quisiera hacerlo mañana, a primeras horas. Después hablas con Pintos o con otro fotógrafo que esté dispuesto a venir.
Tu amantísimo esposo».

Publicado no Diario de Pontevedra 12/11/2018
Fotografías na páxina:Arriba, os fillos de Ramiro e Pura; abaixo, Dolores Lois (esquerda) cos nenos. Imaxes do Arquivo familiar e incorporadas ao proxecto 'Memoria das Mulleres' do Concello de Pontevedra.


Ningún comentario:

Publicar un comentario