mércores, 5 de decembro de 2018

A pulsión da cor

O ingreso de Menchu Lamas na Academia de Belas Artes é un berro dende a cor e o xesto desa pintura que alumea no Artium de Vitoria


LEVO bastantes horas dándolle voltas na cabeza a un dato tan abraiante coma vergoñento. A cifra fala de que no Museo do Prado, das 1.700 obras expostas ao público, só sete corresponden a mulleres. Agora que tamén está a repinicar ese número nas súas, e que tardarán en esquecer, pensen nese dato que fala da invisibilidade das mulleres na historia da arte como reflexo doutro territorio do que foron expulsadas ao longo do tempo.
Refírome a mulleres pintoras, da mesma estirpe que Menchu Lamas, protagonista, estes días e como sempre, polo seu facer creativo dende a pintura, pero tamén por unha dobre situación. En primeiro lugar por amosar a súa obra nun dos centros artísticos máis relevantes e interesantes da nosa xeografía, o Artium de Vitoria, e, en segundo, polo seu ingreso, a pasada fin de semana, na Academia Galega de Belas Artes, como académica numeraria da Sección de Pintura e Gravado. Unha entrada que debemos unir á da escultora Soledad Penalta na obrigada procura da normalidade, fronte a unha situación que non era en absoluto exemplar. A posición de mulleres alí onde deben estar, ombreiro con ombreiro cos homes, e máis alá da súa presenza limitada a exposicións ou ao traballo no taller, fala moi ben da institución académica, pero tamén o fai das nosas mulleres artistas e, como non, da propia Menchu Lamas, por conseguir, dende o seu compromiso coa pintura, artellar un discurso propio que, tanto dentro como fóra de Galicia, reflicte unha das nosas traxectorias creativas máis sólidas.
No seu discurso de entrada á Academia quedou ben claro ese compromiso a través dunha pintura que é prolongación do seu propio corpo dende a xestualidade e o simbólico. Formas que se moven en tensión no interior dun lenzo do que sempre se tenta fuxir, ou polo menos dubidar. Unha finitude física que estoupa dende a cor como pulsión física. E así leva sendo dende os anos oitenta, aos que é inevitábel volver cando se fala de pintura en Galicia e cando se tenta explicar o proceso artístico dos que formaron parte daquel osíxeno que foi ‘Atlántica’. Osíxeno para eles pero tamén para todos nós. Porque a pintura para unha sociedade ten moito diso, de aire que respirar, de horizonte no que albiscar o que un realmente é. «Cada vez que desaparece un espazo artístico ou cultural medra a ameaza á liberdade, polo que cómpre estar vixiante ante estas situacións», dixo a pintora no seu discurso pronunciado no MARCO, que, con todo o que acontece nese naufraxio museístico, converte esas palabras noutra medalla para ela.
Os máis de 650 quilómetros que separan o seu Vigo natal de Vitoria redúcense, ata o 20 de xaneiro, ás súas ‘Cores nómadas’, intelixente título para unha exposición que xermina dende a cor para que dela medre todo o seu universo simbólico: as liñas, os ritmos, as mans, as xeometrías, as dialécticas abstracción/realidade... Xeitos de tensar unha superficie para convertela en constante desafío co traballo creativo, pero tamén, e tal e como amosa a historia, coa súa condición feminina, que agora non só reivindica dende a súa pintura, senón tamén co seu recén estreado papel na Academia.




Publicado no Diario de Pontevedra 5/12/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario