O ingreso de
Menchu Lamas na Academia de Belas Artes é un berro dende a cor e o
xesto desa pintura que alumea no Artium de Vitoria
LEVO bastantes horas
dándolle voltas na cabeza a un dato tan abraiante coma vergoñento.
A cifra fala de que no Museo do Prado, das 1.700 obras expostas ao
público, só sete corresponden a mulleres. Agora que tamén está a
repinicar ese número nas súas, e que tardarán en esquecer, pensen
nese dato que fala da invisibilidade das mulleres na historia da arte
como reflexo doutro territorio do que foron expulsadas ao longo do
tempo.
Refírome a mulleres
pintoras, da mesma estirpe que Menchu Lamas, protagonista, estes días
e como sempre, polo seu facer creativo dende a pintura, pero tamén
por unha dobre situación. En primeiro lugar por amosar a súa obra
nun dos centros artísticos máis relevantes e interesantes da nosa
xeografía, o Artium de Vitoria, e, en segundo, polo seu ingreso, a
pasada fin de semana, na Academia Galega de Belas Artes, como
académica numeraria da Sección de Pintura e Gravado. Unha entrada
que debemos unir á da escultora Soledad Penalta na obrigada procura
da normalidade, fronte a unha situación que non era en absoluto
exemplar. A posición de mulleres alí onde deben estar, ombreiro con
ombreiro cos homes, e máis alá da súa presenza limitada a
exposicións ou ao traballo no taller, fala moi ben da institución
académica, pero tamén o fai das nosas mulleres artistas e, como
non, da propia Menchu Lamas, por conseguir, dende o seu compromiso
coa pintura, artellar un discurso propio que, tanto dentro como fóra
de Galicia, reflicte unha das nosas traxectorias creativas máis
sólidas.
No seu discurso de
entrada á Academia quedou ben claro ese compromiso a través dunha
pintura que é prolongación do seu propio corpo dende a xestualidade
e o simbólico. Formas que se moven en tensión no interior dun lenzo
do que sempre se tenta fuxir, ou polo menos dubidar. Unha finitude
física que estoupa dende a cor como pulsión física. E así leva
sendo dende os anos oitenta, aos que é inevitábel volver cando se
fala de pintura en Galicia e cando se tenta explicar o proceso
artístico dos que formaron parte daquel osíxeno que foi
‘Atlántica’. Osíxeno para eles pero tamén para todos nós.
Porque a pintura para unha sociedade ten moito diso, de aire que
respirar, de horizonte no que albiscar o que un realmente é. «Cada
vez que desaparece un espazo artístico ou cultural medra a ameaza á
liberdade, polo que cómpre estar vixiante ante estas situacións»,
dixo a pintora no seu discurso pronunciado no MARCO, que, con todo o
que acontece nese naufraxio museístico, converte esas palabras
noutra medalla para ela.
Os máis de 650
quilómetros que separan o seu Vigo natal de Vitoria redúcense, ata
o 20 de xaneiro, ás súas ‘Cores nómadas’, intelixente título
para unha exposición que xermina dende a cor para que dela medre
todo o seu universo simbólico: as liñas, os ritmos, as mans, as
xeometrías, as dialécticas abstracción/realidade... Xeitos de
tensar unha superficie para convertela en constante desafío co
traballo creativo, pero tamén, e tal e como amosa a historia, coa
súa condición feminina, que agora non só reivindica dende a súa
pintura, senón tamén co seu recén estreado papel na Academia.
Publicado no Diario de Pontevedra 5/12/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario