luns, 17 de decembro de 2018

CGAC 25

Foguetes Verdes (9)
O Centro Galego de Arte Contemporánea cumpre 25 anos nun complexo momento para os espazos artísticos de Galicia. A súa posición segue a ser sólida e fulcral dentro da nosa arte


AÍNDA ESTANDO baleiro a visita ao edificio do CGAC de Santiago de Compostela xustificaría calquera desprazamento ata el. A arquitectura de Álvaro Siza, esencial, de liñas puras, de xeometrías que converten o espazo nun xogo de baleiros nos que a luz e a sombra semellan ter vida propia, é todo un espectáculo pero que ademais, ao longo de xa vintecinco anos, converteuse nun ronsel da arte contemporánea en Galicia.
Coa súa apertura en 1993 Galicia deu un salto cara adiante nas súas aspiracións artísticas. Un edificio audaz e moderno que representou o tránsito do sistema artístico galego cara unha nova dimensión, deixando no pasado a percepción clásica dun museo de acumular e amosar. Un centro de arte, polo tanto, que servise para reflectir o traballo máis contemporáneo na nosa sociedade, e xunto a ese labor, o de compoñer unha colección que permitise percorrer o que comezaba a ser unha nova historia da nosa arte.
Antón Pulido, Gloria Moure, Miguel Fernández-Cid, Manuel Olveira, Miguel von Hafe Pérez e, actualmente, Santiago Olmo, dirixiron este espazo con toda a súa forza e capacidades dentro de moi diferentes dinámicas, normalmente asociadas aos mellores ou peores momentos dunha economía que marca, como en tantos sectores da nosa vida, os ritmos e os resultados finais fronte aos obxectivos apriorísticos.
Unha publicación que saiu a luz o mes de setembro, aínda que dun setembro de vintecinco anos despois da súa inauguración, permítenos lembrar o que foi todo este tempo de tantas enerxías consumadas. Unha especie de álbum no que en diferentes tempos fixaron unha chea de experiencias e lembranzas. De exposicións coas que nos engaiolamos da arte: Giovanni Anselmo, Frank Thiel, Leopoldo Nóvoa, Ánxel Huete, Manuel Moldes, Vik Muniz... o listado sería tan interminable como fabulosamente ecléctico (que é como teñen que ser as programacións destes centros); artistas de aquí e de alá que se foron enguedellando ao longo deste tempo para xerar unha programación que co paso dos anos só pode ser calificada de extraordinaria. Tamén de lembranza de persoas ás que coñecimos traballando alí e que non deixaron de medrar no campo artístico, profesionais que agora son parte da realidade cultural a moitos niveis, excedendo a propia óptica galega. O CGAC, vintecinco anos despois, é xa moitas cousas máis que un museo, é un espazo de encontro e recordos fornecido pola afouteza da arte como catalizador de sensacións.
A carón do casco histórico, e en permanente diálogo con Bonaval, a arquitectura de Álvaro Siza é hoxe unha gran plataforma á que sentírmonos unidos. Alegrámonos cando as cousas vanlle ben, cando as súas exposicións funcionan, cando ten uns bos orzamentos para cumprir a súa necesaria función de poñer ante nós as máis diversas sensibilidades de entender á realidade coa peneira da mirada artística, e lamentamos cando percibimos como se poderían facer moitas máis cousas se os orzamentos repuntasen, e se aumentasen os seus profesionais.
Lendo as páxinas desta publicación, cos textos de Santiago Olmo e Iago Seara, un se recoñece a si mesmo pasando moitas horas no seu interior, lembrando a tanta xente, a admirables creadores e a amizades inesquecibles, en definitiva, entendendo o museo como algo vivo e que así permanece. Por iso aínda poden achegarse durante estas semanas a dúas exposicións, a do portugués Julião Sarmento, recollendo boa parte da súa recoñecida traxectoria; e a ‘Xeografía do tempo’ dos fotógrafos Bleda e Rosa. Nomes que engadir a unha lista que nos enche de orgullo, e que esperamos siga medrando, como o interese de todos pola cultura.




Publicado no Diario de Pontevedra 14/12/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario