Foguetes Verdes (9)
O Centro Galego
de Arte Contemporánea cumpre 25 anos nun complexo momento para os
espazos artísticos de Galicia. A súa posición segue a ser sólida
e fulcral dentro da nosa arte
AÍNDA ESTANDO baleiro
a visita ao edificio do CGAC de Santiago de Compostela xustificaría
calquera desprazamento ata el. A arquitectura de Álvaro Siza,
esencial, de liñas puras, de xeometrías que converten o espazo nun
xogo de baleiros nos que a luz e a sombra semellan ter vida propia, é
todo un espectáculo pero que ademais, ao longo de xa vintecinco
anos, converteuse nun ronsel da arte contemporánea en Galicia.
Coa súa apertura en
1993 Galicia deu un salto cara adiante nas súas aspiracións
artísticas. Un edificio audaz e moderno que representou o tránsito
do sistema artístico galego cara unha nova dimensión, deixando no
pasado a percepción clásica dun museo de acumular e amosar. Un
centro de arte, polo tanto, que servise para reflectir o traballo
máis contemporáneo na nosa sociedade, e xunto a ese labor, o de
compoñer unha colección que permitise percorrer o que comezaba a
ser unha nova historia da nosa arte.
Antón Pulido, Gloria
Moure, Miguel Fernández-Cid, Manuel Olveira, Miguel von Hafe Pérez
e, actualmente, Santiago Olmo, dirixiron este espazo con toda a súa
forza e capacidades dentro de moi diferentes dinámicas, normalmente
asociadas aos mellores ou peores momentos dunha economía que marca,
como en tantos sectores da nosa vida, os ritmos e os resultados
finais fronte aos obxectivos apriorísticos.
Unha publicación que
saiu a luz o mes de setembro, aínda que dun setembro de vintecinco
anos despois da súa inauguración, permítenos lembrar o que foi
todo este tempo de tantas enerxías consumadas. Unha especie de álbum
no que en diferentes tempos fixaron unha chea de experiencias e
lembranzas. De exposicións coas que nos engaiolamos da arte:
Giovanni Anselmo, Frank Thiel, Leopoldo Nóvoa, Ánxel Huete, Manuel
Moldes, Vik Muniz... o listado sería tan interminable como
fabulosamente ecléctico (que é como teñen que ser as programacións
destes centros); artistas de aquí e de alá que se foron
enguedellando ao longo deste tempo para xerar unha programación que
co paso dos anos só pode ser calificada de extraordinaria. Tamén de
lembranza de persoas ás que coñecimos traballando alí e que non
deixaron de medrar no campo artístico, profesionais que agora son
parte da realidade cultural a moitos niveis, excedendo a propia
óptica galega. O CGAC, vintecinco anos despois, é xa moitas cousas
máis que un museo, é un espazo de encontro e recordos fornecido
pola afouteza da arte como catalizador de sensacións.
A carón do casco
histórico, e en permanente diálogo con Bonaval, a arquitectura de
Álvaro Siza é hoxe unha gran plataforma á que sentírmonos unidos.
Alegrámonos cando as cousas vanlle ben, cando as súas exposicións
funcionan, cando ten uns bos orzamentos para cumprir a súa necesaria
función de poñer ante nós as máis diversas sensibilidades de
entender á realidade coa peneira da mirada artística, e lamentamos
cando percibimos como se poderían facer moitas máis cousas se os
orzamentos repuntasen, e se aumentasen os seus profesionais.
Lendo as páxinas desta
publicación, cos textos de Santiago Olmo e Iago Seara, un se
recoñece a si mesmo pasando moitas horas no seu interior, lembrando
a tanta xente, a admirables creadores e a amizades inesquecibles, en
definitiva, entendendo o museo como algo vivo e que así permanece.
Por iso aínda poden achegarse durante estas semanas a dúas
exposicións, a do portugués Julião Sarmento, recollendo boa parte
da súa recoñecida traxectoria; e a ‘Xeografía do tempo’ dos
fotógrafos Bleda e Rosa. Nomes que engadir a unha lista que nos
enche de orgullo, e que esperamos siga medrando, como o interese de
todos pola cultura.
Publicado no Diario de Pontevedra 14/12/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario