POUCAS MANIFESTACIÓNS
artísticas son capaces de capturar a vida como o cine. Poucas poden
transmitir ao público un anaco da realidade como as imaxes en
movemento que se proxectan nunha pantalla. Así aparece Pontevedra
nestes días de final de outono, dirixindo a vista, ao longo desta
semana, as pantallas do venturoso festival Novos Cinemas, que un ano
máis é quen de ofrecernos as miradas de diferentes realizadores,
necesarias para que sexamos nós mesmos os que entendamos e gocemos
desa capacidade do cine para explicarnos a través da propia vida.
O bo deste tipo de
festivais é que xunto ao que acontece no interior da película,
moitas das súas historias saen dela formando parte da nosa
realidade, como se fose ‘A rosa púrpura do Cairo’ de Woody
Allen. E todo grazas a que temos con nós aos seus directores, que
nos contan como xorden os proxectos, como medran as ideas ou como
estas se converten en planos de cine. Impagables encontros, como o
que onte puidemos compartir coa directora portuguesa Teresa
Vilaverde, á que o Festival lle adica unha retrospectiva. Na Casa
das Campás, con fragmentos das súas películas, e con ela e o
crítico Martin Pawley, tratouse ese equilibro entre a pantalla e o
que acontece fóra dela. O acento luso da directora repinicaba
lembrando o seu contacto co cinema a través da Cinemateca de Lisboa,
o mirar unha e outra vez películas de xeito continuo para acabar
sabendo que a súa vida estaría adicada a contar historias, como as
que pasaban ante os seus ollos.
Cando en 1989 dirixe o
seu primeiro filme, ‘Alex. A idade maior’, a directora xa afronta
un relato dende a memoria da guerra, da marcha de homes que deixaron
fillos en Portugal. De adultos que choran, de impactos na memoria
dunha rapaza. Imaxes cheas de sensibilidade para arrincar unha
traxectoria que xa non se moveu desa idea de facer un cine
entendible, un cine comprensible para todo o mundo. «As persoas
complican a idea de facer cinema», dixo a directora ao principio da
súa conversa. Unha especie de manifesto para facer da súa linguaxe
unha expresión sincera da propia vida. Películas como ‘O
termómetro de Galileu’, ‘Os mutantes’ ou a que hoxe mesmo
poden contemplar dende as 16.00 horas no Teatro Principal, ‘Colo’,
son historias nas que se pode tocar a vida, onde a pel dos personaxes
supera á propia pantalla e se ofrece, dende as diferentes idades dos
protagonistas dos seus filmes (nenos, adolescentes, vellos...), como
un territorio polo que moverse os espectadores.
O cinema, como escola
de vida, permite achegarse a ela dun xeito sincero. Afastándonos de
efectos visuais que nos distraen e que nos conducen a un espectáculo
moitas veces sen sentido. Se algo teñen claro os organizadores é a
liña de traballo que se procura nas súas escollas dentro das
diferentes seccións, pero que responden a unha idea global. Iso é o
verdadeiro éxito da súa programación, as miradas que xorden dende
o terreo inciático, cando a perversidade do sistema aínda se
resiste ante unha inocencia que lle senta moi ben ao cinema.
Quédanlles tres días
para aproveitarse desas miradas, para ver a realidade a través
delas, para poñer un pé no interior da pantalla e outro fóra e
facer como Mia Farrow, sentir a vida dun e doutro lado. Teran risas,
bágoas, estremecemento, medo, ledicia... sensacións que só o
invento dos Lumière pode acadar ata esa acumulación fronte ás
demas artes. Pontevedra volve a latexar cinema co seu festival. Tres
edicións xa que veñen a apoiar o seu ideario, e tamén as nosas
ganas de sentir.
Publicado en Diario de Pontevedra 14/12/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario