venres, 14 de decembro de 2018

O cinema, escola de vida



POUCAS MANIFESTACIÓNS artísticas son capaces de capturar a vida como o cine. Poucas poden transmitir ao público un anaco da realidade como as imaxes en movemento que se proxectan nunha pantalla. Así aparece Pontevedra nestes días de final de outono, dirixindo a vista, ao longo desta semana, as pantallas do venturoso festival Novos Cinemas, que un ano máis é quen de ofrecernos as miradas de diferentes realizadores, necesarias para que sexamos nós mesmos os que entendamos e gocemos desa capacidade do cine para explicarnos a través da propia vida.
O bo deste tipo de festivais é que xunto ao que acontece no interior da película, moitas das súas historias saen dela formando parte da nosa realidade, como se fose ‘A rosa púrpura do Cairo’ de Woody Allen. E todo grazas a que temos con nós aos seus directores, que nos contan como xorden os proxectos, como medran as ideas ou como estas se converten en planos de cine. Impagables encontros, como o que onte puidemos compartir coa directora portuguesa Teresa Vilaverde, á que o Festival lle adica unha retrospectiva. Na Casa das Campás, con fragmentos das súas películas, e con ela e o crítico Martin Pawley, tratouse ese equilibro entre a pantalla e o que acontece fóra dela. O acento luso da directora repinicaba lembrando o seu contacto co cinema a través da Cinemateca de Lisboa, o mirar unha e outra vez películas de xeito continuo para acabar sabendo que a súa vida estaría adicada a contar historias, como as que pasaban ante os seus ollos.
Cando en 1989 dirixe o seu primeiro filme, ‘Alex. A idade maior’, a directora xa afronta un relato dende a memoria da guerra, da marcha de homes que deixaron fillos en Portugal. De adultos que choran, de impactos na memoria dunha rapaza. Imaxes cheas de sensibilidade para arrincar unha traxectoria que xa non se moveu desa idea de facer un cine entendible, un cine comprensible para todo o mundo. «As persoas complican a idea de facer cinema», dixo a directora ao principio da súa conversa. Unha especie de manifesto para facer da súa linguaxe unha expresión sincera da propia vida. Películas como ‘O termómetro de Galileu’, ‘Os mutantes’ ou a que hoxe mesmo poden contemplar dende as 16.00 horas no Teatro Principal, ‘Colo’, son historias nas que se pode tocar a vida, onde a pel dos personaxes supera á propia pantalla e se ofrece, dende as diferentes idades dos protagonistas dos seus filmes (nenos, adolescentes, vellos...), como un territorio polo que moverse os espectadores.
O cinema, como escola de vida, permite achegarse a ela dun xeito sincero. Afastándonos de efectos visuais que nos distraen e que nos conducen a un espectáculo moitas veces sen sentido. Se algo teñen claro os organizadores é a liña de traballo que se procura nas súas escollas dentro das diferentes seccións, pero que responden a unha idea global. Iso é o verdadeiro éxito da súa programación, as miradas que xorden dende o terreo inciático, cando a perversidade do sistema aínda se resiste ante unha inocencia que lle senta moi ben ao cinema.
Quédanlles tres días para aproveitarse desas miradas, para ver a realidade a través delas, para poñer un pé no interior da pantalla e outro fóra e facer como Mia Farrow, sentir a vida dun e doutro lado. Teran risas, bágoas, estremecemento, medo, ledicia... sensacións que só o invento dos Lumière pode acadar ata esa acumulación fronte ás demas artes. Pontevedra volve a latexar cinema co seu festival. Tres edicións xa que veñen a apoiar o seu ideario, e tamén as nosas ganas de sentir.


Publicado en Diario de Pontevedra 14/12/2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario