venres, 21 de decembro de 2018

Un artigo cíclico

Traballos de búsqueda do desaparecido
no 'Sin querer II. (Lavandeira Jr.)

CADA CERTO TEMPO o mar obríganos a escribir este artigo. Por moitos anos que pasen, por moito que melloren os nosos medios de navegación, por moito que as medidas de seguridade sexan cada vez máis estritas, o mar non perdoa. Nunca te podes relaxar fronte a el, nunca podes considerarte o suficientemente coñecedor dos seus movementos como para crerte a salvo. Leva sendo así dende o principio dos tempos, como se o mar precisase das nosas vidas como parte da peaxe por todo o que nos aproveitamos del.
Dous barcos máis pasan a formar parte desa listaxe de vidas esnaquizadas. O ‘Sin querer II’ e ‘O Silvosa’ deixaron nas últimas horas ese ronsel de mágoas convertidas nunhas escumas que envolveron os corpos de varios dos seus mariñeiros, que remataron nel as súas vidas. Fálase de homes con experiencia e tamén de embarcacións ben preparadas, de ausencia de perigos no momento dos accidentes, pero todo iso semella que pouco importa cando o océano quere impor a súa lei, cando a gran balea branca chea de rabia decide engulir aos que se se enfrontan a ela a diario nunha loita eterna que de cando en cando remata en traxedia.
Non é a primeira vez que estes dramas xorden días antes do Nadal, cando os horizontes de ilusións semellan xa fixarse nas nosas miradas. Adoitan ser días de moito traballo, de encher as adegas dos barcos cunha boa carga que terá saída segura nos moitos mercados que amosan unha actividade frenética ao longo destes días de présas, pero tamén de mares embravecidos, de ondas que medran de xeito axitado entre os ventos dun outono que remata para converterse en inverno.
De novo tivemos que pagar un prezo moi alto por ese labor, por un traballo do que moitas familias do noso territorio dependen. Galicia é mar, e como mar ten esa relación coa perda asumida como parte dun negocio ancestral. As xentes do mar son valentes por natureza, heroes cotiás, como sempre escasamente recoñecidos, pero non son só valentes cando botan días e meses lonxe das súas casas e familias loitando con mares extremos, senón que tamén son valentes os que quedan en terra, os que asexan dende as fiestras cara unha liña do horizonte onde todo son dúbidas, inquedanzas e medos. Valentes en porto coa sensación constante de que as súas roupas, nun momento inesperado, tinguiranse de negro. Ese loito é o que marcará para as familias dos catro mortos e un desaparecido xa non só o Nadal, senón o resto das súas vidas, nas que volverán tirar desa valentía propia de todos eles para lembrar aos seus e agardamos que tamén para que sintan o orgullo dos galegos que sabemos do seu oficio, do seu esforzo e agora tamén da súa pena.
Cambados, Portonovo, Fisterra, Malpica... Rías Baixas, Rías Altas, escenarios da dor enguedellados por unha traxedia que outras moitas veces tocoulle a diferentes portos de Galicia. O mar fía con todos eles un tecido de solidariedade, pero tamén de compromiso cos que arriscan dende o seu anonimato. Agoran saíron del coma vítimas que salpican os medios de comunicación coas bágoas que toda sociedade agradecida ten que ter cos que traballan por ela e rematan deste xeito abrupto. As augas do noso mar calmaranse durante un tempo, semellará que nunca pasou nada nel, os mariñeiros seguirán sucando as súas ondas dende a lealdade ao seu oficio, ata que un día volvamos contar de novo como o tributo volveuse cobrar en forma de perda, como escribiu o poeta embarcado, Manuel Antonio: «Fomos ficando sós/O mar o barco e máis nós».



Publicado no Diario de Pontevedra 21/12/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario