venres, 28 de decembro de 2018

Tentación

Foguetes Verdes (10)
O Museu de Arte Antiga de Lisboa acolle un dos cadros máis engaiolantes da historia da pintura, ‘As tentacións de San Antonio’ do Bosco. Un cadro que xustifica toda unha viaxe


É CERTO QUE sobran os motivos para achegarse a Lisboa. Percorrer as súas rúas, sentir o latexar da súa vida portuguesa, seguir as pegadas de Fernando Pessoa... sería innumerable a cantidade de atractivos que se agochan nunha das capitais europeas máis fermosas. Pero as veces hai unha serie de motivos que están aínda máis ocultos pero que posúen tal capacidade de atracción e de sedución que poden ser o pulo para realizar unha viaxe por si sós. En Lisboa un deses reclamos podería ser un cadro, pero evidentemente non un cadro calquera, senón un cadro firmado polo Bosco e que se garda na sala nº 61 do Museo de Arte Antigua.
Cando un vai a un espazo así non presta atención ao que vai pasando ante os seus ollos. Cadros dunha enorme calidade nos que para nós destaca unha gran sala adicada aos doce apóstoles asinados por Zurbarán. Pero no Museo atopámonos cadros de Durero, Van Dyck, Tiepolo, Rafael ou Lucas Cranach, só por citar algúns mestres da arte universal, e sen esquecer a importante colección de pintura portuguesa na que destacan os paneis de ‘San Vicente’ de Nuno Gonçalves, do século XV.
Os pasos van nunha soa dirección sabedor do tesouro que alí se agocha e as pernas tremen ante a prevista emoción que chegará nuns poucos minutos. Intúese a súa presenza pola acumulación de persoas (nada que ver co que acontece con outros cadros e noutros museos) que nas anteriores salas eran case un deserto, pero alí, son varias as que ante o tríptico do Bosco dan voltas ao seu arredor, vendo tamén a parte traseira que tamén está pintada, xa que serve de peche para o tríptico, ao tempo que escoitan por uns auriculares as explicacións sobre o contido do cadro. A peza, nun primeiro moito, non deixa tempo para buscarlle explicacións ás esceas representadas xa que o espectador só está abraiado ante o que alí se amosa. o rico e febril universo creativo do Bosco, as zonas de escuridade e luz, a paisaxe, os detalles das figuras, as formas monstrosas, a imaxinación inagotable. A medida que pasan os minutos xa buscamos unha explicación e é cando nos achegamos á historia representada, a das tentacións de San Antonio, sendo cando adaptamos a xenialidade do pintor a un discurso iconográfico.
O cadro, que formaba parte da colección real ata a instauración en 1911 da República, incorporouse á colección do Museo sendo, dende entón, unha das súas pezas sobranceiras, máis aínda coa recuperación do Bosco nos últimos tempos como un dos grandes mestres da pintura a partir de grandes exposicións como a que no Museo do Prado levou este mesmo cadro como peza importante da súa traxectoria. A súa parte traseira, en grisalla, representa o prendemento de Cristo, así como o Calvario subindo coa Cruz ás costas. O panel esquerdo do tríptico amosa o voo e a caída de San Antonio, o central, de maior tamaño, amosa as tentacións que sufriu o santo e os seus rexeitamentos. Lujuria, brujería, gula, falsos ídolos... son algunhas desas tentacións que asoman ante San Antonio do xeito máis inimaxinable posible. Por último, o terceiro panel, amosa o momento da meditación do santo, aínda non a salvo dalgunha tentación. Todo un efervescente imaxinario plantexado na étapa final do pintor, cando o mundo medieval tocaba ao seu fin e o Renacemento enchía Europa de novas percepcións arredor do ser humano. O Bosco fixo iso tan complexo para calquera creador como é xerar un universo propio a través de símbolos e lecturas propias dese momento determinado, respostando así, como calquera pintor, ao seu tempo, un tempo que se pode recuperar dende Lisboa, xunto ao cauce calmo do Tajo e a carón dunha obra mestra da pintura. Toda unha tentación.



Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 28/12/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario