A película de
Diana Toucedo é unha das participantes na sección oficial do
Festival Novos Cinemas que arrinca hoxe na cidade
O SEU TRABALLO está
sendo un dos máis comentados nos diferentes festivais
cinematográficos nos que é convidada a participar en diferentes
seccións. Inesquecible a súa participación na sección Panorama da
Berlinale de Berlín, a ela fóronse sumando citas como as que se
sucederon nos festivais de Málaga, San Sebastián, Toulouse ou no
máis recente de Tarragona, no que vén de acadar o premio do Xurado
Novo. Premios que enchen os andeis desta muller que abofé ten como
maior premio o de ter feito con ‘Trinta lumes’ a súa primeira
longametraxe e, aínda por riba, por centrala na súa terra.
Pousar a mirada na nosa
contorna as veces non resulta doado, sempre son moitos os ollos da
responsabilidade que se dirixen cara un, sempre tan esixentes con nós
mesmos. Diana Toucedo resiste esa situación co seu reflexo da
realidade, un cine entre o documental e a ficción que nos leva ata o
Caurel para coñecer, dende os ollos dunha rapaza, Alba, ese latexo
tan máxico como engaiolante que se move pola nosa terra. O universo
da inocencia amósase aquí inxerido nunha atmosfera de misterio que
parte dunha chea de lendas que converten a Galicia nun lugar
singular, e ao que as cámaras séntanlle moi ben, e así o están
descubrindo moitos realizadores novos que non teñen medo a filmala,
afastados xa de complexos e de que as historias hai que buscalas a
centos de kilómetros de distancia ou en recunchos exóticos. A forza
das imaxes de Diana Toucedo nútrese desa enerxía entre o telúrico
e o panteísmo, froito da conexión do ser humano, deste caso dos
habitantes desa contorna rural de Galicia, cunha natureza moi
presente nas súas vidas e que marca o paso dun tempo que as veces
semella pendurado no aire.
Alba Arias e Samuel
Vilariño representan esa mirada nova, esa mirada da descuberta ante
o que acontece ao seu arredor, no que descubrir é unha das obrigas
da vida e un acto que xa non se poderá esquecer xamais. Os dous
estarán hoxe xunto á directora no Teatro Principal, ás 21,30. Eles
presentarán o filme co que arrinca, na mesma xornada que a
canadiense ‘Fail to appear’, a sección oficial dunha nova
edición do Festival Novos Cinemas. Poucas ocasións mellores van ter
de coñecer o que se esconde tras un traballo como este, recoñecido
pola súa humildade e capacidade para transmitir sensacións, quizais
o mellor que se pode decir de calquera película, que teña a
capacidade de beliscar a pel do espectador.
Diana Toucedo hoxe
sentirá tamén algo diso. Non é sinxelo presentar a película preto
da súa casa natal de Redondela. Terá moitos coñecidos entre o
público e tamén lembrará que ela é parte da familia deste
Festival do que formou parte do xurado na súa primeira edición.
Agora, na súa terceira edición, refuxiado na maior intimidade do
inverno, é bo momento para deixarse arrastrar nunha sala de cine ata
o Caurel e buscar alí a presenza do ser humano a través deses
trinta lumes que significan trinta fogares fronte á natureza, pero
tamén fronte á descuberta do descoñecido, nun territorio que fai
equilibrios entre o mundo dos vivos e dos mortos, entre o real e o
irreal, nin máis nin menos que como o propio cinema.
Publicado no Diario de Pontevedra 12/12/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario