mércores, 12 de decembro de 2018

Trinta lumes

A película de Diana Toucedo é unha das participantes na sección oficial do Festival Novos Cinemas que arrinca hoxe na cidade


O SEU TRABALLO está sendo un dos máis comentados nos diferentes festivais cinematográficos nos que é convidada a participar en diferentes seccións. Inesquecible a súa participación na sección Panorama da Berlinale de Berlín, a ela fóronse sumando citas como as que se sucederon nos festivais de Málaga, San Sebastián, Toulouse ou no máis recente de Tarragona, no que vén de acadar o premio do Xurado Novo. Premios que enchen os andeis desta muller que abofé ten como maior premio o de ter feito con ‘Trinta lumes’ a súa primeira longametraxe e, aínda por riba, por centrala na súa terra.
Pousar a mirada na nosa contorna as veces non resulta doado, sempre son moitos os ollos da responsabilidade que se dirixen cara un, sempre tan esixentes con nós mesmos. Diana Toucedo resiste esa situación co seu reflexo da realidade, un cine entre o documental e a ficción que nos leva ata o Caurel para coñecer, dende os ollos dunha rapaza, Alba, ese latexo tan máxico como engaiolante que se move pola nosa terra. O universo da inocencia amósase aquí inxerido nunha atmosfera de misterio que parte dunha chea de lendas que converten a Galicia nun lugar singular, e ao que as cámaras séntanlle moi ben, e así o están descubrindo moitos realizadores novos que non teñen medo a filmala, afastados xa de complexos e de que as historias hai que buscalas a centos de kilómetros de distancia ou en recunchos exóticos. A forza das imaxes de Diana Toucedo nútrese desa enerxía entre o telúrico e o panteísmo, froito da conexión do ser humano, deste caso dos habitantes desa contorna rural de Galicia, cunha natureza moi presente nas súas vidas e que marca o paso dun tempo que as veces semella pendurado no aire.
Alba Arias e Samuel Vilariño representan esa mirada nova, esa mirada da descuberta ante o que acontece ao seu arredor, no que descubrir é unha das obrigas da vida e un acto que xa non se poderá esquecer xamais. Os dous estarán hoxe xunto á directora no Teatro Principal, ás 21,30. Eles presentarán o filme co que arrinca, na mesma xornada que a canadiense ‘Fail to appear’, a  sección oficial dunha nova edición do Festival Novos Cinemas. Poucas ocasións mellores van ter de coñecer o que se esconde tras un traballo como este, recoñecido pola súa humildade e capacidade para transmitir sensacións, quizais o mellor que se pode decir de calquera película, que teña a capacidade de beliscar a pel do espectador.
Diana Toucedo hoxe sentirá tamén algo diso. Non é sinxelo presentar a película preto da súa casa natal de Redondela. Terá moitos coñecidos entre o público e tamén lembrará que ela é parte da familia deste Festival do que formou parte do xurado na súa primeira edición. Agora, na súa terceira edición, refuxiado na maior intimidade do inverno, é bo momento para deixarse arrastrar nunha sala de cine ata o Caurel e buscar alí a presenza do ser humano a través deses trinta lumes que significan trinta fogares fronte á natureza, pero tamén fronte á descuberta do descoñecido, nun territorio que fai equilibrios entre o mundo dos vivos e dos mortos, entre o real e o irreal, nin máis nin menos que como o propio cinema.



Publicado no Diario de Pontevedra 12/12/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario