luns, 3 de decembro de 2018

O misterio da luz


XA VAI UN ANO daquel lóstrego co que comezou o mes de decembro do 2017. Baixo aquel estremecemento Manuel Moldes morrera, a pintura escureceu e un baleiro inmenso abriuse ante nós. Os días pasaron e, neste primeiro cabodano, se algo queda claro é que o tempo non cicatriza tanto como esperabamos. Perder a un creador é unha das eivas máis grandes que poder ter unha sociedade. Italia chora estes días a Bertolucci, España laiouse recentemente da perda doutro enorme pintor como Eduardo Arroyo e nós, nós seguimos chorando a Manuel Moldes, decatándonos en todo este tempo de ausencia da súa enorme obra e inesquecíbel personalidade. 
Eu sigo pasando cada día ante o seu estudio lembrando sempre cando alumaba no fío da noite un resplandor no seu interior. Aquela fiestra converteuse agora nun burato negro. Xa non hai a luz que anunciaba a súa presenza e os seus cadros esperan caladiños que alguén os mova para volver a enfrontarse ao espectador, o sentido último de calquera obra de arte. Todos eles agardan que alguén se decida a darlle un pulo a esa posible Fundación que preserve e  dea  a coñecer a súa obra, ou algún tipo de iniciativa que saque da escuridade todo o que se agocha nos lenzos de Manuel Moldes que, ao fin e ao cabo, non deixa de ser un reflexo de nós mesmos, que somos os que realmente nos agochamos entre as súas pinceladas.
Misterio+Luz=Pintura, era unha das súas teimas para explicar ese milagre que se produce en cada cadro. O misterio para a súa concepción, na procura da atmosfera precisa; a luz como vibración do que se representa; a axitación dunha proposta que sen a luz non é nada. E, como resultado, a pintura, aquilo para o que nacera Manuel Moldes e que o levaba a enfrontarse de xeito diario co desafío que era facer un cadro ou unha serie deles, tal e como estaba a facer coas súas últimas obras vencelladas coa recuperación estética e memorística do Lérez.
Un ano despois a pintura segue calada e un ano despois esa ecuación segue pendurada de todos nós, tal e como Manuel Moldes a deixou escrita nunha das paredes da galería About-Art de Pontevedra en 2016, co gallo dunha das súas últimas exposicións. Unha galería xa desaparecida pero que, con bo tino, a súa propietaria, María Díaz, ante o traslado a Lugo dese espazo, deixou alí impreso o que se converteu nun afouto epitafio.
Un non se fai moitas ilusións co que acontece despois da morte aínda que gustaríame pensar en Manuel Moldes debuxando as súas figuras nalgún lugar, tamén discutindo desa ecuación con Bacon ou Goya, ou a carón de Carlos Oroza falando do divino e do humano. Eu que sei!!! Co pouco que sei da vida como para saber tamén da morte. O que si sei é que se bota moito en falta a Manuel Moldes, e a nosa responsabilidade como sociedade,  da que formou parte e na que se involucrou en moitos aspectos, dende a súa arte, dende a súa enorme vocación como mestre na Facultade de Belas Artes ou no eido reivindicativo nos malos momentos do noso tempo, é que o seu legado non se disolva no tempo. O paso dos días vai contra esa misión. Ogallá entre todos poidamos purrar por facer que a luz volva a alumear todos eses cadros. Xa sei que na fiestra do seu taller non volverei a ver luz, pero váleme con poder achegarme a algún dos seus cadros. Se lles pasa algo parecido a min, vaian á sede da Uned en Monte Porreiro e pasen un anaco de tempo ante o seu gran mural no hall de entrada. Sentirán como o misterio e máis a luz explican a pintura, explican a Manuel Moldes.



Publicado no Diario de Pontevedra 30/11/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario