SOAN
OS TRES avisos no Teatro Principal. É o momento de pechar as luces,
de que o maxín do cinema comece a funcionar. O reino das luces e as
sombras invade toda a sala e rodea ao máis de medio cento de persoas
cun martes pola tarde deciden xuntarse para ver unha película muda.
Unha película de Carl Theodor Dreyer en Pontevedra.
A
obra forma parte do espectacular arrinque de programación do Cine
club de Pontevedra neste novo ano. ‘Vampyr’ (1932) é a segunda
das películas dese ciclo que comezou con ‘La pasión de Juana de
Arco’ (1928) e que continuará os vindeiros martes de xaneiro con 'Dies Irae’ (1943) e ‘Ordet’ (1955). Un auténtico luxo para
calquera cidade, para os amantes do cinema, e para todo aquel que ame
a cultura, porque unha película do director danés ten moitas
compoñentes que van moito más alá do puramente cinematográfico, atravesando numerosas manifestacións artísticas.
«Quixen
crear na pantalla un soño cos ollos abertos e demostrar co terror
non se atopa nas cousas que nos rodean, senón en nós», deste xeito
falaba Dreyer sobre ‘Vampyr’, unha pequena xoia, de pouco máis de
sesenta minutos, sobre o mundo dos vampiros que serve de excusa para
unha película delicada, chea de poesía e de esceas medidas nas que
as sombras se moven nun excitante territorio plástico. Non é unha
das súas obras máis coñecidas polo público de aí a importancia
do labor do renovado Cine club de Pontevedra non só por amosar
aquilo que máis coñecemos, senón por completar as filmografías
dos grandes xenios do cine con películas menos coñecidas e que,
vistas en relación coas súas obras máis emblemáticas, serven para
explicar diferentes momentos da súa traxectoria. Cando as próximas
semanas se acheguen a ver dúas catedrais cinematográficas, como
‘Dies Irae’ e ‘Ordet’, podrán sentir dúas cousas. Se é a
primeira vez, entenderán o cine como un espectáculo visual dunha
inigualábel pureza plástica. Un contundente xeito de expresión no
que converxen moitos ingredientes para chegar ao espectador, para
emocionalo e para acadar iso tan complicado hoxe que é facelo
pensar. A outra sensación será a que afecte a quen repita o
visionado dalgún deles, e é a comprensión de cómo esa pureza é
unha constante interrogación sobre nós mesmos e as ideas que nos
suxeitan como sociedade.
Un
cine que se moveu nese difícil equilibro para os seus protagonistas,
como foi o paso do mudo ao sonoro, e que Dreyer entendeu coma unha
epifanía que levar a cada un dos espectadores dun cine incomparábel
polo aspecto visual e pola súa compoñente teatral adaptada á vida,
así como pola integración de conceptos filosóficos sobre a nosa
existencia. A partir del, dende el, Bergman, Bresson, Kieslowski ou
Lars Von Trier, desenvolveron o seu cine, pero a semente do
primixenio danés xa estaba ben plantada e todavía hoxe segue a
emocionar. Non teñen máis que asistir ás dúas próximas
proxeccións deste ciclo para deixarse engaiolar polo cine de Carl
Theodor Dreyer, tan difícil de poder ver hoxe en día nun espazo
acaído, isto é, nunha gran pantalla, en versión orixinal e
sentindo como as sombras saen da pantalla para voar ao teu arredor,
para facer que te mergulles no que supón realmente o cine, unha
experiencia cada vez máis ameazada por este mundo que se ten por
evolucionado. É por iso que accións como as do Cine club de
Pontevedra son impagábeis para calquera sociedade. Na nosa cidade
somos afortunados de poder ter esa oportunidade para seguir
entendendo o cine como parte do mellor da nosa vida.
Publicado no Diario de Pontevedra 18/01/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario