luns, 21 de xaneiro de 2019

Outro lado

     Foguetes Verdes (12)     
     Descubrir o universo creativo e formar parte del é a proposta da ilustradora Ana Juan para achegarnos a súa extraordinaria calidade como creadora de mundos e suxerencias


     HAI EXPOSICIÓNS que son imperdíbeis. Esta é unha delas. Ana Juan é unha das máis brillantes ilustradoras a nivel mundial, reclamada dende diferentes medios, como The New Yorker. Agora o seu traballo chega ao Pazo da Cultura de Pontevedra para que nos poidamos deter fronte a el, para marabillarnos polo seu talento no eido da ilustración, pero tamén para sentir o que é mergullarse no interior do seu traballo, grazas a unha experiencia de realidade virtual abraiante.
   Dous son os traballos de Ana Juan que serven de marco á esta mostra: as súas ilustracións para a adaptación da recoñecida novela de misterio de Henry James, ‘Otra vuelta de tuerca’ e a súa adaptacion do clásico ‘Snowwhite’. Para ambos traballos non hai calificativos suficientes que reflictan a capacidade de Ana Juan para xerar un mundo propio a partir deses textos. Se na primeira obra a atmosfera que envolve toda a historia é fundamental, Ana Juan é quen de provocar ese universo singular, e de plantexar, dende a ilustración e a propia pintura, unha serie de imaxes que nos sitúan ante o que acontece en cada un dos capítulos do texto, coñecendo, ademais, na exposición, como é o proceso de creación e transformación dos personaxes definitivos.
   No segundo dos relatos escolleitos, a adaptación do conto de Blancanieves, esquecémonos das cores e a súa proposta, en branco e negro, convértese en abraiante dende o punto de vista plástico, cunha capacidade para suxerir e para xerar diferentes escenarios, cada un mellor co anterior. Ana Juan tamén é a autora do texto que acompaña dentro dun libro a toda esa serie de imaxes, un relato que, como as ilustracións, escurécense ao achegarse ás zonas sombrías que se eluden no edulcorado conto da mazá velenosa, apostando pola soidade da protagonista, así como a importancia do destino no devir das persoas.
    Xa comentaba ao principio deste texto como todo isto é máis que suficiente para gabar esta exposición que percorreu xa diferentes espazos na xeografía española e que estará en Pontevedra ata o 24 de febreiro. Pero é que xunto con ese traballo, por así decilo, máis tradicional, atopámonos como a creadora acada coa aplicación dunha soprendente tecnoloxía rachar esa distancia do espectador co que adoita acontecer nunha sala de exposicións. Un dispositivo dixital permite, dende os nosos teléfonos móbiles, observar a exposición doutra maneira, con personaxes que se moven, con seres que toman unha vida que un xa imaxinara antes de poñerse ante unha pantalla pero que, agora, realmente, póñente onde nunca pensaches atoparte, a carón de todos eles dentro do seu universo.
    Froito dun traballo interdisciplinar entre a Facultade de Belas Artes de Valencia, centro no que estudou a propia Ana Juan, e a Escola Técnica Superior de Enxeñería Informática da Universidade Politécnica de Valencia, esta tecnoloxía non só ten esa capacidade de engaiolar ao visitante a esta exposición, senón que abre moitas posibilidades de cara a adecuación das novas tecnoloxías dentro do ámbito museístico.
   Non son, polo tanto, poucas as razóns para deixarse levar polo talento da ilustradora valenciana e percorrer unha exposición que entenderán tras o aquí exposto que paga a pena visitar, e facelo de vagar, gozando do que se ve e do que non. É por iso que non estraña en absoluto ese impresionante currículum de máis de vinte portadas no The New Yorker ou o Premio Nacional de Ilustración no ano 2010. Pero os mellores recoñecementos veñen das súas creacións, do fascinante mundo de Ana Juan, un mundo do que estes días podemos formar parte.



Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo
Fotografía. José Luiz Oubiña


Ningún comentario:

Publicar un comentario