luns, 25 de febreiro de 2019

Diálogo

Foguetes verdes (17)
Antonio García Teijeiro e Marcos Viso poñen ante nós unha xoia literaria e visual que leveda arredor da palabra de Rosalía de Castro nun exercicio emocionante polos chanzos da poesía


QUE PENSARÍA Rosalía de Castro se a través dalgún trebello fantástico este libro caese nas súas mans? É fermoso ese xogo, o de imaxinar que un libro pode viaxar no tempo e pousarse nas mans daquela persoa que o inspirou. Rosalía de Castro está detrás deste poemario que desenvolve Antonio García Teijeiro dun xeito tan delicado como cheo de afouteza poética. Unha poesía que fala, que fala co lector, pero tamén que fala coas ilustracións que un Marcos Viso en estado de graza compuxo a partir da palabra do poeta, ou mellor dito, a través dos ocos que quedan entre o verso.
«Paseniño, paseniño./vou pola tarde calada/de Bastabales camiño». Estas palabras de Rosalía de Castro activan o novo camiño que propón Antonio García Teijeiro, un camiño de palabras que van da man daquelas, pero sobre todo van da man dos sentimentos, das imáxenes, das percepcións que se acougan no interior da poesía de Rosalía de Castro. Deses fíos tira o poeta para que os seus versos sexan todo un itinerario de emocións, un camiñar na esculca da poesía e da súa capacidade para beliscar a nosa pel, e iso faino o autor grazas ao ton da súa poesía que semella cheo de inocencia, pero que amosa un vigor que o conecta con nomes como os de Rafael Alberti ou Gloria Fuertes. Poemas nos que latexa a vida, nos que a representación dende a palabra da experiencia conecta dun xeito abraiante co lector. Unha poesía limpa, como a auga da fonte, que nos fala directamente ao corazón e á alma, na que non hai moito máis que aportar polo lector, simplemente, que non é pouco, o feito de gozar dela, de deixarnos levar. Por que si algo consigue este texto en conxunto, máis aínda que cada unha das súas poesías, é envolverte nese pano de ilusións,  facéndote a ti mesmo ter tamén esa sensación de movemento, de percorrer ese mesmo itinerario no que imos atopando animais, piñeiros, amores... un edén no somos felices nesa evocación da natureza, pero sobre todo na xénese dunha atmosfera, que penso que sempre é o máis dificil de acadar nunha obra de arte, máis aló da meramente literaria. Isto é, xerar esa sensación que te saca fóra deste mundo noso e te mergulla nese outro que propón o autor.
Desta volta Antonio García Teijeiro atopou un cómplice de excepción con Marcos Viso e as súas ilustracións que, lonxe de ser un mero acompañante ou interpretación da palabra, móvense alí onde a palabra non chega, furando entre elas para poñer ante nós un ronsel marabilloso de imáxenes dunha altísima calidade artística. Nesas imáxenes a metáfora está sempre presente, os obxectos mudan os seus usos habituais e se produce unha hibridación de elementos absolutamente engaiolante. «Entra na noite/a pobre pomba;/quero seguila,/péchame a porta», remata un dos versos máis fermosos de Antonio García Teijeiro co que dialoga, por que isto é o que acada Marcos Viso, a través dunha interpretación na que unha chave, co seu simbolismo utilitario, acolle os elementos que van desfilando polo poema. Propóñense así todo este conxunto de ilustracións que son auténticas obras de arte, e que lembran moito as fotografías de Chema Madoz, primeiro polo impacto no espectador, despois por esa mutación de usos do representado e por isa capacidade de ser metáfora dende o visual.
Por si foran poucos os agasallos que forman este libro, ven acompañado por un cd no que podemos escoitar ao propio poeta recitalos todos coa produción musical de Javier Ruiz. O camiñar pola vida ás veces pon ante nós este tipo de materiais que trascenden do que pode ser un simple libro, converténdose en toda unha experiencia sensorial arredor da vida e da cultura. Unha xoia!



Publicado en Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 22/02/2019


Ningún comentario:

Publicar un comentario