martes, 26 de febreiro de 2019

Vilanova de Alba versus Pontevedra

Rue Saint-Antoine nº 170
Literatura. A reedición de ‘O Triángulo inscrito na Circunferencia’ de Víctor F. Freixanes recupera a Pontevedra como inspiración literaria e pon de novo nas nosas mans unha das novelas fulcrais da nosa escrita. Un texto que mira a Pontevedra, a vila natal do autor, para xerar todo un universo mítico que mañá se presenta na Casa das Campás.

Victor Freixanes nunha visita literaria a Pontevedra sostén un exemplar
 de 'O triángulo inscrito na circunferencia' ante a Basílica de Santa María (Rafa Fariña)
Hai libros que son unha cidade. Páxinas e páxinas que rexistran o latexo dunha cidade a través das súas historias, lendas, personaxes... en definitiva, todo ese sedimento que nutre o maxín dos escritores para converter unha vila nunha protagonista máis da súa obra.
Pontevedra non se pode queixar da súa capacidade para inspirar, para envorcar na traxectoria de diferentes creadores toda a súa longa e rica historia a través dos séculos. Soubo ben diso Gonzalo Torrente Ballester cando na súa estadía pontevedresa bebeu dela todo o que puido a carón de Filgueira Valverde e os seus compañeiros do Instituto Feminino para construír ese monumento literario que é ‘La Saga/Fuga de J.B.’. Do mesmo xeito, non hai moito, Xosé Monteagudo agasallounos, aos que habitamos nesta cidade, con outra desas novelas, ‘Todo canto fomos’ que pasará o filtro do tempo para seguir mantendo a súa forza como rexistro do que somos. Estes serían dous deses libros esenciais pero aos que se lles engade un clásico da nosa escrita como é ‘O Triángulo inscrito na Circunferencia’, publicado en 1982,  e que obtivo os Premios Blanco Amor e o Premio da Crítica. Con ela, a primeira novela de Victor F. Freixanes, entrou de xeito sobranceiro no noso sistema narrativo, ao tempo que plantexaba unha nova identidade para a súa vila natal, chamada, Vilanova de Alba.
Esta nova edición que da man da Editorial Galaxia e Ateneo de Pontevedra presentarase mañá ás 20.00 horas na Casa das Campás foi revisada polo propio autor, pero pouco lle tivo que modificar. Cousas menores nun libro que tiña un texto perfectamente fixado, que non contemplaba apenas modificacións, nun relato certamente atemporal, porque en si mesmo é un universo pechado, ese círculo que xorde da memoria do autor, dos seus coñecementos sobre a historia desa vila mariñeira aberta a un mar de navegantes e que construiu a súa historia dende a barrio da Moureira. Victor Freixanes fortifica así, dende a mirada daquel cativo que se movía na recreación do camarote do almirante Méndez Núñez do Museo de Pontevedra, toda unha singradura polos mares da nosa historia a través de tempos diferentes, de personaxes que sustentan unha Trindade de Bartolomeus para conquerir esa navegación cunqueirana entre séculos que se enguedellan para envolver ao lector nunha lea de aventuras e acontecementos.
Os capítulos da historia son os chanzos polos que se move o autor para xerar toda esta narración na que personaxes históricos como Pedro Sarmiento de Gamboa ou Paio Gómez Charino mestúranse con outros que o autor fai entrar en escena para argallar ese relato pluritemporal de novas accións que xogan entre o devir da historia. «O tempo pasa polos homes e polas cousas. O tempo gasta, erosiona. Tal é a marca do seu propio devir», escribe o autor na novela. O tempo como o gran activo dunha obra que nos move por todo aquilo que conformou. Tropas, batallas, as sete cidades ou mascaróns de proa sinalan os segredos do tempo que agora o autor revela na súa escrita, nun xeito de contar os tempos pasados para que entendamos o noso propio.
Lendo hoxe, tal e como liamos esta novela no bacharelato dos oitenta, vémonos enchoupados por unha abrumadora lectura que non deixa de abraiar para quen a ten como a súa primeira novela. Todo un desafío para o escritor que aínda hoxe causa un forte impacto no lector polas súas arelas para narrar a nosa historia, para enxertala na nosa escrita como material literario de felices consecuencias. Abofé que dende aquela Pontevedra levitante que Torrente Ballester xerou entre as néboas e as pedras húmidas do fondo da ría, non atopou a nosa cidade outra recreación tan brillante dende os «abismos do tempo» no «devalar das mareas». Por que iso é o que nos move neste fresco de épocas arroladas polo vaivén das ondas, pola memoria dos nosos antergos nunha vila de navegantes que agora se atopa cos seus navegantes da palabra, os que traducen, como Victor Freixanes, o tempo en fábula.



Publicado en Diario de Pontevedra 25/02/2019


Ningún comentario:

Publicar un comentario