Foguetes verdes (18)
A décima edición
de ‘Afinidades selectivas’ plantexa un relevo xeracional así
como unha homenaxe aos creadores e profesores de Belas Artes que
precederon aos que hoxe participan nela
(Fotografía: José Chas) |
DEZ ANOS para calquera
proxecto artístico que se manteña vixente é unha sorte de milagre.
A continuidade dunha idea, o plantexamento dunha reflexión nun eido,
o cultural, cada vez máis ameazado pola nosa sociedade, e algo do
que nos temos que sentir ben orgullosos, ao tempo que felicitar aos
seus promotores por manter viva esa ilusión colectiva arredor da
creación artística.
Se a apertura dunha
Facultade de Belas Artes e as sucesivas fornadas de alumnos que dela
saíron mudaron a paisaxe creativa de Galicia, nunca está de máis
impulsar a reflexión sobre ese papel que alumnos e profesores
tiveron ao longo dos anos no intercambio de ideas e na resolución de
problemas que xorden arredor do artístico.
Dez anos da posta en
marcha deste achega expositiva, e case trinta dende a implantación
da Facultade en Pontevedra, ‘Afinidades selectivas’, integra no
seu plantexamento xenérico ese outro elemento temporal de maneira
que tódolos mestres desta edición son exalumnos da propia
Facultade. Persoas que comezaron alí os seus estudos, os remataron,
e ocupan agora o lugar cara o que tantas horas miraron dende os seus
postos. Xunto a esa circunstancia que marca esta edición engádeselle
a homenaxe aos dous mestres falecidos de xeito recente, Manuel Moldes
e Berta Cáccamo, quedando as parellas compostas por Fruela Alonso e
Manuel Moldes, Itziar Ezquieta e Berta Cáccamo, Cristian Grandín e
David Fidalgo, Begoña Paz e Román Corbato e Covadonga Barreiro e
Carmen Rojo como as que activan esa afinidade no proceso das
relacións artísticas.
Este relevo xeracional
vai a levar con el tamén un cambio de linguaxes, unha diversidade
formal que se artella dende o diálogo pero que medra dende as máis
diferentes manifestacións que poden ir do máis tradicional debuxo
ata a vídeocreación, xerando así un espazo ecléctico. Cristina
Varela, a comisaria da mostra, apunta a esa «multidisciplinariedade
das propostas» como un dos trazos esenciais desta exposición na que
tamén se plantexa ese «paso adiante dos que asumiron o facer e o
ensinar». Verbos que son inseparables dos diferentes procesos que
medran dentro do centro académico. Profesores que ademais de selo
desenvolven o seu labor como creadores, artistas sometidas a unha
disciplina académica que xera unha tensión co propio acto da
creación.
Esa tensión é a que
se mantén entre as diferentes parellas da exposición, así entre
Itziar Ezquieta e Berta Cáccamo a pintura evoca esa sensación de
afinidade dende a propia expansión da pintura a través dunha
montaxe que fala de pasado e presente, así como de lugares habitados
nos que se rescata a pegada humana. Fruela Alonso e Manuel Moldes
suxiren o xesto do pintor, a importancia da materia e o traballo
arredor dela. Un goce que non entende de tempos e de ausencias, sendo
a materia a propia concreción do artista. A vídeo-proxección de
Covadonga Barreiro e a fotografía de Carmen Rojo provocan a
exaltación da paisaxe interior. Dous medios para mergullarse alí
dentro, onde reside o noso verdadeiro eu. Cristian Grandín e David
Fidaldo tamén fan unha confluencia de xéneros, animación dixital e
acrílico sobre papel, un debate aberto entre a tradición e o trazo
en movemento, no que hai espazo para a reflexión sobre as cuestións
de xénero e o humor. Mentres, Begoña Paz e Román Corbato traballan
no eido cotiá da convivencia, nunha produción que plantexa o papel
didáctico da arte.
Afinidades que
reflicten a vida no interior das aulas, e como o tempo xera un relevo
que alimenta ese ecosistema singular.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso 1/03/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario