martes, 4 de xuño de 2019

Arturo Souto co mar por medio

Rue Saint-Antoine nº 170
Pintura ▶ A obra do pontevedrés Arturo Souto é unha das máis sobranceiras da plástica galega. O seu papel dentro do grupo dos Renovadores da pintura xunto aos Laxeiro, Colmeiro, Torres e Maside foi dunha singularidade á que podemos asomarnos dende a espectacular exposición que a viguesa Galería Montenegro artellou con 22 relevantes pezas


Achegarse á pintura de Arturo Souto (Pontevedra, 1902-Ciudad de México, 1964) é un dos actos máis intensos referidos á observación da nosa plástica que podemos realizar. Entrar na Galería Montenegro de Vigo supón entrar nun universo feito por Arturo Souto, un universo que fala dunha Galería que nos propón moito máis que unha exposición á procura dunha posíbel venda de cadros, senón que se plantexa todo un escenario casi museístico no que, a través de 22 pezas dunha extraordinaria calidade, poder achegarnos á práctica totalidade da obra deste pintor.
Tanto polas temáticas, como polas técnicas, ou polos momentos de cada unha das pezas, podemos, sen temor a equivocarnos, falar desta exposición como dun completo percorrido polo seu quefacer artístico. A pintura anterior á guerra, os escenarios portuarios, os pobos metafísicos, o colorido mexicano, a calidade e cantidade da pincelada do óleo, as tintas... todo ese universo de Arturo Souto reflíctese nesta exposición e a podemos gozar dende os primeiros cadros que nos atopamos ao entrar na Galería.
O título de ‘Mar por medio’ serve tamén de fío que enguedella todas as pezas nas cales ese mar, que simboliza a súa marcha de España tras o éxito do levantamento militar, vai a estar detrás de moitas das pezas dun xeito máis visíbel, como nas esceas dos portos, pero noutras tamén o estará como liña que divide as súas xeografías vitais. A Europa da que marchou e o México que o acolleu. Atopámonos, polo tanto, cadros absolutamente impactantes que nos falan do Arturo Souto da vangarda histórica galega, cando Galicia se achegaba aos movementos renovadores que dende Madrid ou París plantexaban novos xeitos formais de reflectir a realidade, e no caso que nos ocupa, de vencellar eses istmos á realidade galega. ‘Mulatas con cántaros’, ‘Entroido’, ‘Espantallo’ ou ‘Farándula’, as catro dos anos trinta, xustificarían só por elas mesmas calquera visita á exposición. Catro obras que exemplifican boa parte dos postulados vangardistas da pintura de Arturo Souto. Despois da Guerra Civil o pintor marcha de España, pasa primeiro por Bélxica e a pegada de Ensor faise evidente na súa pincelada, menos clara que o que era con anterioridade, pero a súa pintura medra en matices e posibilidades. ‘O rapto’, de 1944 evidencia esa nova pincelada e fala do seu coñecemento da pintura clásica, do mundo do barroco español que aquí recrea ao seu xeito. Comeza o seu itinerario vital e os cadros xorden das máis variadas xeografías. Pobos de Castela ou pobos de Francia déixannos esa pincelada cada vez máis densa, pero tamén unha mirada especial á paisaxe, na que se recoñece esa atemporalidade propia da pintura metafísica.
A súa gran travesía marítima lévao, tras estancias en Nueva York e Cuba ata México. Alí vivirá vinte anos e a súa pintura medrará en temas e en luminosidade, en cores e nunha valente tendencia cara a abstracción. O seu cadro ‘Descanso’ permítenos recoñecer o carácter indíxena dunha representación que nos fala dunha nova visión da realidade que o rodea. ‘Composición mariña’ de 1958 plantexa esa cor vibrante e a disolución de formas que abre a posibilidade de explorar o territorio da abstracción. Dos últimos anos da súa vida é outra das pezas fulcrais desta mostra, ‘Mulleres no Porto’, un lenzo no que temos a factura clásica do pintor, unha pincelada espesa pero capaz de xerar innumerábeis matices dentro do cadro, pinceladas de cor que estoupan nese interior dun burdel coas mulleres ollando cara a zona dos barcos á espera dos seus clientes. Un porto como o que tantas veces se viu obrigado a percorrer Arturo Souto e un porto que nos leva a outras pezas, tamén ‘marca da casa’, desta vez non óleos, senón esas tintas dos anos trinta que son absolutamente fascinantes nas que se agocha a vida como poucos pintores souberon gardar nas súas obras.

Ata o 16 de xullo teñen a posibilidade de gozar destas obras, de pousar a súa mirada nun dos nosos pintores máis importantes e que soubo, dende a diversidade do seu traballo, compoñer un universo dende diferentes xeografías que se foron pegando ás súas superficies e que agora a Galería Montenegro pon ante nós como unha completa revisión da súa obra, que para o aficionado á pintura, e un labor impagábel e un espazo marabilloso.



Publicado no Diario de Pontevedra 3/06/2019

Ningún comentario:

Publicar un comentario