Rue Saint-Antoine nº 170
Pintura ▶ A obra do pontevedrés Arturo Souto é unha das máis sobranceiras da plástica galega. O seu papel dentro do grupo dos Renovadores da pintura xunto aos Laxeiro, Colmeiro, Torres e Maside foi dunha singularidade á que podemos asomarnos dende a espectacular exposición que a viguesa Galería Montenegro artellou con 22 relevantes pezas
Pintura ▶ A obra do pontevedrés Arturo Souto é unha das máis sobranceiras da plástica galega. O seu papel dentro do grupo dos Renovadores da pintura xunto aos Laxeiro, Colmeiro, Torres e Maside foi dunha singularidade á que podemos asomarnos dende a espectacular exposición que a viguesa Galería Montenegro artellou con 22 relevantes pezas
Achegarse á pintura de
Arturo Souto (Pontevedra, 1902-Ciudad de México, 1964) é un dos
actos máis intensos referidos á observación da nosa plástica que
podemos realizar. Entrar na Galería Montenegro de Vigo supón entrar
nun universo feito por Arturo Souto, un universo que fala dunha
Galería que nos propón moito máis que unha exposición á procura
dunha posíbel venda de cadros, senón que se plantexa todo un
escenario casi museístico no que, a través de 22 pezas dunha
extraordinaria calidade, poder achegarnos á práctica totalidade da
obra deste pintor.
Tanto polas temáticas,
como polas técnicas, ou polos momentos de cada unha das pezas,
podemos, sen temor a equivocarnos, falar desta exposición como dun
completo percorrido polo seu quefacer artístico. A pintura anterior
á guerra, os escenarios portuarios, os pobos metafísicos, o
colorido mexicano, a calidade e cantidade da pincelada do óleo, as
tintas... todo ese universo de Arturo Souto reflíctese nesta
exposición e a podemos gozar dende os primeiros cadros que nos
atopamos ao entrar na Galería.
O título de ‘Mar por
medio’ serve tamén de fío que enguedella todas as pezas nas cales
ese mar, que simboliza a súa marcha de España tras o éxito do
levantamento militar, vai a estar detrás de moitas das pezas dun
xeito máis visíbel, como nas esceas dos portos, pero noutras tamén
o estará como liña que divide as súas xeografías vitais. A Europa
da que marchou e o México que o acolleu. Atopámonos, polo tanto,
cadros absolutamente impactantes que nos falan do Arturo Souto da
vangarda histórica galega, cando Galicia se achegaba aos movementos
renovadores que dende Madrid ou París plantexaban novos xeitos
formais de reflectir a realidade, e no caso que nos ocupa, de
vencellar eses istmos á realidade galega. ‘Mulatas con cántaros’,
‘Entroido’, ‘Espantallo’ ou ‘Farándula’, as catro dos
anos trinta, xustificarían só por elas mesmas calquera visita á
exposición. Catro obras que exemplifican boa parte dos postulados
vangardistas da pintura de Arturo Souto. Despois da Guerra Civil o
pintor marcha de España, pasa primeiro por Bélxica e a pegada de
Ensor faise evidente na súa pincelada, menos clara que o que era con
anterioridade, pero a súa pintura medra en matices e posibilidades.
‘O rapto’, de 1944 evidencia esa nova pincelada e fala do seu
coñecemento da pintura clásica, do mundo do barroco español que
aquí recrea ao seu xeito. Comeza o seu itinerario vital e os cadros
xorden das máis variadas xeografías. Pobos de Castela ou pobos de
Francia déixannos esa pincelada cada vez máis densa, pero tamén
unha mirada especial á paisaxe, na que se recoñece esa
atemporalidade propia da pintura metafísica.
A súa gran travesía
marítima lévao, tras estancias en Nueva York e Cuba ata México.
Alí vivirá vinte anos e a súa pintura medrará en temas e en
luminosidade, en cores e nunha valente tendencia cara a abstracción.
O seu cadro ‘Descanso’ permítenos recoñecer o carácter
indíxena dunha representación que nos fala dunha nova visión da
realidade que o rodea. ‘Composición mariña’ de 1958 plantexa
esa cor vibrante e a disolución de formas que abre a posibilidade de
explorar o territorio da abstracción. Dos últimos anos da súa vida
é outra das pezas fulcrais desta mostra, ‘Mulleres no Porto’, un
lenzo no que temos a factura clásica do pintor, unha pincelada
espesa pero capaz de xerar innumerábeis matices dentro do cadro,
pinceladas de cor que estoupan nese interior dun burdel coas mulleres
ollando cara a zona dos barcos á espera dos seus clientes. Un porto
como o que tantas veces se viu obrigado a percorrer Arturo Souto e un
porto que nos leva a outras pezas, tamén ‘marca da casa’, desta
vez non óleos, senón esas tintas dos anos trinta que son
absolutamente fascinantes nas que se agocha a vida como poucos
pintores souberon gardar nas súas obras.
Ata
o 16 de xullo teñen a posibilidade de gozar destas obras, de pousar
a súa mirada nun dos nosos pintores máis importantes e que soubo,
dende a diversidade do seu traballo, compoñer un universo dende
diferentes xeografías que se foron pegando ás súas superficies e
que agora a Galería Montenegro pon ante nós como unha completa
revisión da súa obra, que para o aficionado á pintura, e un labor
impagábel e un espazo marabilloso.
Publicado no Diario de Pontevedra 3/06/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario