'Los Bravú'
ofrécennos, na compostelana Galería Trinta, unha sorprendente e
fascinante interpretación da pintura que orixinou a plástica
renacentista pero adaptada a nosa cotidianeidade, enchéndoa de
inesperábeis posibilidades simbólicas e formais.
Cada vez é máis
complicado atopar propostas pictóricas que te sorprendan, que te
leven a abrir os ollos ante o inesperado, dentro das novas xeracións
creativas que adoitan apostar máis por outras maneiras de
interpretar á realidade con soportes máis contemporáneos (ou
presuntamente así entendidos) ca pintura. Visitar a exposición de
‘Los Bravú’ na Galería Trinta supón atoparse con esa sorpresa,
esa frescura coa que un se reconcilia coa pintura feita hoxe.
Diego Omil y Dea Gómez,
el de Marín e ela de Salamanca, son a parella que forma ‘Los
Bravú’. Coñecéronse en Salamanca, estudando na Facultade de
Belas Artes e de aí saiu esta dupla que está comezando a dar moito
que falar na nosa arte por esa capacidade de fomentar o debate dende
o interior da propia pintura. Con traballos na escultura, no deseño
ou no cómic, é á pintura a que nestes momentos ocupa a súa maior
atención coa clara intención de formular unha nova linguaxe a
través da valente intersección de tempos e espazos, de culturas
como a que deu lugar nos séculos XIV e XV a aquel Renacemento
primixenio, e o noso propio tempo. Un tempo cheo de contaminacións
visuais e tamén afectivas entre as persoas, mundos virtuais e
tecnolóxicos que teñen mal encaixe nas escenas máis repousadas
destes dous artistas, pero que plásticamente funcionan de xeito
marabilloso
Na Galería Trinta
temos unha boa mostra de esta cohabitación, por iso nos atopamos un
pórtico ao estilo da recén restaurada Anunciación de Fra Angélico,
habitado por dous mozos que se fan un selfie, ou elementos da cultura
grecolatina: capiteis, esculturas, retratos... que rachan o seu
severo simbolismo con estes personaxes con camisas estampadas ou con
sandalias, con móbiles ou con bolsas duns grandes almacenes. Ese
carácter híbrido da súa pintura xera unha distorsión no
espectador, pero que ten que entenderse dende esa posición dos
artistas de poñer en cuestión aquilo que nos leve ao academicismo
nunha tensión dos límites máis tradicionais da pintura, algo que
se ten feito moitas veces, pero quizáis non dende este plantexamento
visualmente tan interesante por xogar esa partida xusto no escenario
dese ámbito académico.
Precisamente a arte do
Quattrocento tamén plantexaba unha ruptura, unha humanización do
carácter exclusivamente sacro da pintura para adaptala á nova vida
das cidades estado nun proceso de modernidade que despegaba do ceo
para facer da terra un espazo no que o ser humano optaba por unha
vida moito máis pracenteira na que motivar os sentidos. A nosa vida
hoxe é xustamente iso, unha constante excitación dos nosos
sentidos, unha chamada permanente a que respostemos aos máis
variados estímulos: publicitarios, turísticos, económicos... e a
esa estimulación semellan querer chegar ‘Los Bravú’ coa súa
obra, que ten moito de plantexamento lúdico e de chamada ao
sentidos, xa non só polos elementos centrais da obra, unha figura
humana que recupera os trazos das representacións renacentistas, coa
importancia da liña e do retrato, senón tamén por unha serie de
elementos que poden semellar anecdóticos, pero que lle conceden á
obra toda unha lixeireza que participa desa sensualidade pretendida.
Os paxaros, as froitas, as flores ou os animais plantexan un xardín
dos sentidos no que as figuras semellan participar dunha danza
colectiva, dunha celebración da vida que ten un sentido atemporal,
que ven dende o pasado e chega ata os nosos días.
Para iso a súa
linguaxe precisa de espallar as súas posibilidades, de facer que a
pintura sexa un punto de partida no que mesturar outras linguaxes
como o universo do cómic, a ilustración ou o deseño, que medran no
interior destes cadros cunha enorme liberdade que nos fala das
intencións de ‘Los Bravú’ por dinamitar fronteiras, por facer
unha pintura que explique o que acontece no noso mundo e por facernos
pensar, porque tentemos acceder á nosa realidade dende outro camiño
diferente aos que os medios de comunicación ou as canles máis
convencionais e de masas nos obrigan a percorrer. Este collage visual
sorprenderalles e sobre todo motivaralles de novo a redescubrir a
pintura como un xeito de narrar unha sociedade como a nosa, non tan
afastada da que se desenvolveu séculos atrás.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo. 9/06/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario