martes, 25 de xuño de 2019

Pinceladas no café

Rue Saint-Antoine nº 170

Arte. A exposición de Josecho González no pontevedrés café Tábula Rasa convértese nun complemento perfecto para un intre de lecer. Pintura e café xuntos, nunha maridaxe que potencia a ambos, agasallándonos cun momento de evasión do que acontece fóra da propia cafetería. As cores e composicións do pintor son una rede da imaxinación


Neste tempo de presas, de idas e vidas ao longo do día, son as pausas que facemos durante a xornada o momento no que collemos un pouco de aire e poder sentir así que estamos vivos. Un acto tan aparentemente intranscendente como tomar un café a media mañá pode converterse en toda unha experiencia se damos co sitio e a atmosfera axeitada. É certo que os cafés e locais comerciais non son os espazos máis acaídos para observar unha exposición, nos que a arte se vexa reconfortada no medio máis axeitado que sempre ten que ser unha sala de exposicións preparada para tal fin, pero o certo é que moitas veces atoparse cunha proposta artística nun deses lugares, aparentemente casuais, pode converterse en toda unha revelación.
Fagan a proba estes días nos que a cafetería Tábula Rasa, na rúa Marquesa, acolle unha exposición do creador Josecho González baixo o título ‘Pinceladas’, e é posível que lles suceda o mesmo que me aconteceu a min, a descuberta dun territorio artístico sorprendente, non por novedoso, pero si por ben executado e polas posibilidades de expresión dunha pintura aparentemente cunha forte carga xeométrica, pero na que, grazas á pericia do artista amplíanse os seus contidos, ao xerar numerosas posibilidades nunhas obras que poderían semellar pechadas nunha primeira ollada.
‘Amanecer’, ‘Atardecer’, ‘Sorriso’, ‘La otra mirada’, semella que como títulos non poden funcionar moi ben en relación a esta pintura de liñas, cores e dotada dunha planitude na que a composición que xorde da integración deses elementos será a que asine o resultado definitivo da obra. Porén, ao levar un tempo ollando cara eles, xunto con esa pista que nos deixa Josecho González en forma de título, os significados da obra espállanse, e así non dubiden que poderán ver un amencer, ou contemplar un atardecer, instantes propios da natureza e da pintura de tipo paisaxista; pero tamén sensacións humanas como un sorriso ou unha mirada.
Todas estas obras, acrílicos sobre papel, son unha interesante lectura da nosa realidade, tanto a máis humana como a que xera a natureza, tensionadas, todas elas, dende o emprego da cor e a xeometría. O que aparentemente estaría chamado a ser un territorio frío e alleo ao espectador, convértese, precisamente, en todo o contrario. Nun diálogo entre a superficie e ese visitante, a cada minuto que pasa máis interesado por coñecer as verdadeiras intencións das pezas que integran esta exposición, e ao que se lle reclama unha participación activa. Se a nosa mirada esvara por esas superficies sen implicarnos nelas perderemos unha ocasión única de entender unha pintura arriscada e moi persoal, nestes tempos de creadores que antepoñen a gratuíta satisfacción da mirada do público ou do posíbel comprador, a súa obriga moral na procura de desenvolver un discurso de seu que satisfaga as súas arelas creativas.
Os ecos vangardistas de Mondrian ou Malevich están aquí presentes e plantexan, sen engano algún, o coñecemento do autor por esa pintura que fundou a abstracción xeométrica a principios do século XX para discutir moito do canon tradicional. Unha ausencia de formas visíbeis, de espazos recoñecíbeis que apostaba, de xeito directo, pola emoción en función da propia pintura, unha procura da beleza que se dirixía, en primeiro lugar, a provocar e sublimar a sensibilidade do espectador e, despois, a plantexar unha nova relación da arte cunha realidade capaz de ser reinterpretada, analizada e representada a través de campos de cor e dunha xeometría que, como neste caso, é quen de engaiolar ao visitante á exposición para atrapalo nunha especie de rede da imaxinación na que calquera séntese cómodo, máis aínda se gusta de saborear un bo café.
Sabores e miradas, polo tanto, reúnense nesta posibilidade de xuntar dúas artes, como as da pintura e o mundo do café. Sensacións que se funden e complementan para que o ser humano sinta eses estímulos como parte daquilo que nos fai latexar neses escasos respiros que nos deixa o día a día.




Publicado no Diario de Pontevedra 24/06/2019
Fotografías. Rafa Fariña/Javier Cervera-Mercadillo

Ningún comentario:

Publicar un comentario