luns, 4 de novembro de 2019

Memoria sen sustos


XORDE DAS augas da ría de Vigo como unha ofrenda da memoria, dunha memoria chea de dor e bágoas que nunca teríamos que esquecer. Unha memoria que todos nós, como colectivo, estamos obrigados a manter afouta, a coñecer e a poñer en valor como o único acougo fronte as feridas. Si, as feridas, esas das que moitos, sempre demasiados, non deixan de falar delas e de que reivindicar a memoria daqueles feitos despois dun golpe de estado fronte a un goberno lexítimo (nunca esquezamos isto) significa abrir esas feridas. Pero, cando se pecharon esas feridas? Nunha Transición que meteu baixo o veludo das alfombras das institucións milleiros de mortos, de desaparecidos, de futuros esquecidos? Isó é pechar feridas ou escoar o vulto.
Agora atopámonos, corenta anos despois, con esas feridas sen pechar, coas gabias cheas de persoas afastadas do respecto das súas familias e de todo un país, con xuízos inxustos e miserábeis cuxas condeas mantéñense aínda firmes sen revisión algunha e con espazos físicos, como o propio da Illa de San Simón, sen reivindicar como lugares de coñecemento daqueles feitos, así como de louvanza das vítimas.
A proposta de facer unha festa de Halloween na Illa de San Simón, lembremos, antigo cárcere e campo de concentración de presos republicanos, e que foi suspendida pola previsión do tempo (é qué é de risa de non falar de temas tan arrepiantes), vén a poñer sobre a mesa a total ausencia de medidas para dar a coñecer o que alí aconteceu, para que na poboación e neste caso, na empresa organizadora, agrome a sensibilidade precisa para nin tan sequera chegar ao punto de plantexar unha iniciativa deste tipo. O desenvolvemento tan cativo da Lei de Memoria Histórica, con tantas eivas e con tan pouca asignación de recursos dende os diferentes gobernos, convértese nun deses obstáculos moi complicados de superar para facerlle chegar á poboación o coñecemento preciso de todo o que rodea esa sensación de repudio que se mantén ante as consecuencias do guerracivilismo español.
Desa vizosa Transición da que tanto se nos falou como exemplo de convivencia, estes días tivemos unha boa mostra do seu engano coas manifestacións, de palabra e de corpo presente, de moitos elementos da nosa clase política e social tras a decisión do goberno (sen tempo non era) de poñer en mans da súa familia os restos do ditador. O fedor de VOX, ou as medias palabras de PP e Ciudadanos, (deixemos anotado o loábel posicionamento contrario ao seu partido de Pedro Puy en Galicia), teñen boa culpa de que non se produzan avances máis decididos na cuestión da Memoria Histórica e o desenvolvemento efectivo dos seus plantexamentos.
Só unha posíbel treboada foi a desculpa que se ofreceu para renunciar a esa festa de Halloween, só o clima que tantas veces debeu ser un pesadelo para os represaliados saiu en defensa da súa memoria. Cada día decenas de veciños espertan asomándose a esa illa na que o recordo dos seus segue a reclamar xustiza, memoria e dignidade. Tres compoñentes que pouco teñen que ver cos sustos dunha festa de pantasmas, tampouco coa firmeza duns dirixentes que terían que facer desa illa un lugar de estudo e reflexión sobre a memoria, un territorio para o coñecemento real da nosa historia, sen medos e miserias morais, asumindo os feitos e o que nela aconteceu. Cada ano que pasa sen a definición desa liña de traballo ou este tipo de lixeirezas son unha resposta máis dunha sociedade indolente consigo mesma.


Publicado en Diario de Pontevedra 1/11/2019
Concentración de familiares das vítimas e membros de Asociacións da Memoria nunha protesta en Vilaboa. (Rafa Fariña)




Ningún comentario:

Publicar un comentario