martes, 29 de outubro de 2019

Un roteiro polo bosque de Leiro

A obra do cambadés Francisco Leiro chega de novo a Madrid para amosar un dos universos máis singulares da escultura actual. A Principal de Tabacalera acolle casi un centenar de obras entre esculturas e debuxos que nos levan a unha chea de enerxías e inspiracións galegas


Xa é un deses clixés que adoita acompañar sempre a Francisco Leiro cando se fala do seu traballo. A súa definición como o noso escultor máis internacional, abofé que dende os tempos do mesmo mestre Mateo, converte o seu traballo nun foco permanente de atención, xa non só polas calidades formais das súas pezas, senón por cómo en cada exposición, en cada plantexamento fronte ao público, o escultor redimensiona o seu traballo con novas posibilidades de expresión, tamén coa hibridación de materiais e de significantes, dentro dun proceso de permanente revisión dun mesmo.
Iso é o que máis seduce agora mesmo de Francisco Leiro, o comprobar como xa non son precisas as súas figuras ciclópeas, nin o seu premeditado salvaxismo á hora de rematar a talla das súas pezas, ni o pretendido impacto brutal no espectador. A obra de Leiro foi madurando de seu, acubillada baixo séculos de tradicións, de solpores fronte ao mar de Arousa, de beizos das brumas e de oficios que se foron sedimentando nas mans do escultor. Agora, unha pequena talla, un debuxo, ou un grupo de pezas de reducido tamaño, nas posicións máis inverosímiles, son quen de emocionar do mesmo xeito que os seus xigantes, capaces, cada un deses traballos, de condensar o espíritu do artista, a alma do canteiro ou o latexo do carpinteiro.
De poucos artistas un crítico pode gozar máis escribindo que do noso paisano. Esa conxunción do carácter internacional da súa obra, mesturado cunha incuestionable raíz galega, conxúranse para xerar unhas obras engaiolantes que un nunca se cansa de ver, de tocar, e ata de respirar. Si, respirar, porque a obra dos grandes escultores é quen de humanizarse das máis variadas maneiras: movéndose, mirándote e ata respirando.
Ata o dez de novembro o propio espacio La Principal de Tabacalera, no madrileño barrio de Embajadores, forma parte do discurso da obra de Leiro. Un espazo posindustrial, de paredes descarnadas, e cunha contundencia que o afasta das cuidadas presentacións dos museos ou as galerías de arte, pero que serve, intelixentemente, para alentar máis suxerencias nas súas pezas, como si as esculturas atopasen un hábitat máis axeitado aos seus propósitos que os acubillos tradicionais.
A mostra de nome ‘Leiro. Roteiro’ ten moito desa sensación, a de facer un camiño, de tirar por unha corredoira á espera de atoparse con toda unha serie de seres entre reais e irreais, entre máxicos e absurdos, entre o lexendario e o soñado. Un ‘Leviatán’ de granito dá a benvida ao visitante, unha especie de Caronte que nos conducirá por todo ese camiñar no que debemos cruzar unha fronteira. Como todo devir na vida, trátase de superar aneis, de medrar un mesmo dentro dun ámbito colectivo. A súa ‘Fronteira’ son un conxunto de pezas que xogan a indagar nese concepto, o dun lado e outro, hai algunha diferencia entre estar dun ou doutro lado do Miño? Ou o desa peza chamada ‘Entre hortas’ que nos leva ao recordo, ao choque dun mundo tribal e o moderno, que reflicte a experiencia vivida en Compostela, na rúa dese mesmo nome, cando o escultor viu a unha muller cortando millo mentres a cidade asistía a revolución urbanística da man do alcalde Xerardo Estévez. Espazos límite entre tempos e sensibilidades que agora voltan a nós da man da escultura, da arte, da sensibilidade, da memoria.
Tránsito’, ‘Semilleros’ os ‘Once Lázaros’, ‘Nichos’, ‘Lugar’ ou ‘Modelos’, entre outras, son as diferentes paradas nesa especie de bosque que constrúe coas súas obras Francisco Leiro. Seres cheos de vida que se enfrontan a nós para cuestionarnos, para que nos midamos con eles e con toda a súa compoñente conceptual, chea de xestos, expresións ou experiencias que humanizan a todas estas pezas e lle conceden ao escultor esa condición de Deus ex machina que sempre amosa o de Cambados, e que como poucos se integra nas súas pezas case como unha apropiación da propia alma do artista presente en cada unha delas.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 6/10/2019. Foto Tabacalera. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario