Rue Saint-Antoine nº 170
Cultura
▶ A décimo segunda edición do Culturgal renova un ano máis o
compromiso desta cidade coa cultura e coas súas posibilidades
arredor do ser humano converténdoa na patria natural desta Feira das
Industrias Culturais. Os cheos de público, así como as vizosas
propostas presentadas polos sectores culturais, énchenos de
esperanza no futuro
Empoleirouse
o Culturgal de novo no Recinto Feiral de Pontevedra. Berrou ben forte
e, como aquel Galo co que se titulou o libro póstumo de poemas do
pontevedrés Luis Amado Carballo, no que a Boa Vila deu de beber a
quen pasa, o Culturgal deulle cultura e festa a quen o visitou.
Porque diso é do que se trata ao longo deste fin de semana por
excelencia da cultura galega abeirado ás orelas do Lérez, de amosar
a nosa cultura dende unha chea de disciplinas, pero tamén de
festexala e celebrala como algo noso, como unha das nosas pegadas
máis intensas cara a posteridade. É por iso que o Culturgal
funciona e funcionará sempre como acaído xeito de atoparse e de
facer unha celebración colectiva. O inesgotable motor do Culturgal é
xerar ese espazo propio, ese encontro de axentes e protagonistas da
cultura para recoñecerse como parte dun clan e para tecer esas redes
tan necesarias no universo cultural. A hibridación de diferentes
ingredientes é o segredo desta feira, un banco de ensaio integrador
de cada un de nós nos nosos campos de acción, tanto como axentes
como público, sendo todos parte dun proxecto que, como poucos, nos
pode xuntar arredor dun destino común.
Unha
boa amiga miña di que do Culturgal un sae coas mans cheas e o
corazón contento, e o certo é que hai moito diso, imposible non
caer nalgunha das opcións de libros ou artesanías que alí se
ofrecen é que tan ben falan do ben que traballamos en canto a facer
cultura, tanto en contidos como na súa presentación, pero tamén
que ese corazón saia cheo de ledicia é o que mellor fala do que é
capaz de transmitir a nosa cultura. E todo iso porque quen se
involucra na cultura traballa en boa parte cun forte compromiso co
que fai, cun goce do seu traballo que excede en moitos casos o
puramente administrativo, entendéndose como parte dunha paixón.
Mirar durante estes tres días o traballo de editores, libreiros,
actores, músicos, cineastas, xestores, artistas plásticos, e ata os
traballadores dos stands oficiais reflicten que o seu compromiso coa
cultura é impagable.
Falou
na inauguración da Feira o conselleiro, Román Rodríguez, ao que
hai que agradecerlle o forte compromiso da Xunta coa Feira, da
importancia da cultura como axente económico, non falou, iso si, dos
recentes datos que falaban da perda de mil quinientos empregos no
tecido cultural galego, ou de que a Casa de Rosalía de Castro, un
dos nosos tótems culturais, teña que poñer en marcha unha campaña
de apoio económico popular para manter as súas actividades. Con
todo isto atopámonos un Culturgal que, coma sempre, acaba como o
galo cando asoma no alba do día, espertándo as nosas conciencias,
porque cultura é conciencia, e tamén valentía para seguir neste
espazo de resistencia en que se converte moito do que fan os nosos
creadores. E a esperanza tamén vén da man dos pequenos, dese
público miudo que está na feira, pero que aínda tiña que estar
máis. O futuro pasa por eles e a loita por acadar novos públicos,
por renovar aos que van cada ano como militantes de fe, debería ser
unha das grandes apostas do Culturgal cara os anos seguintes.
Mellorouse o plantexamento da Feira e a mobilidade do público cando
en momentos de moita asistencia non se sentiu o colapso doutras
veces. Houbo queixas en canto a sinalización da contorna do Recinto
Feiral, de como acceder ata el dende as vías de comunicación, e de
publicitar máis a Feira para manter o público doutras edicións.
Todos sabemos o que custa acadar públicos, e non teríamos que
baixar a garda fronte a un futuro descenso nas visitas. Pero como
cada edición o mellor sempre vén da man dos creadores, dese
concerto na despedida de Marful, das Tanxugueiras e o seu brutal
cheo, como o de ‘Eroski paraíso’ de Chévere, na súa versión
cinematográfica, ou a emoción da última obra de Oliver Laxe, dese
novo xornal en papel, ‘Nós’, que sairá en xaneiro, do novo
cómic de Miguel Anxo Prado, ‘Amani’, editado por Retranca
Editora, do libro de María Vinyals de Diego Piay editado por
Alvarellos, ou da plaquette que Apiario publica co ‘Agosto’ de
Míriam Ferradáns, ou do novo selo editorial, Cuarto de Inverno, ou
do ‘Un lume azul’ de Pedro Feijoo, ou... ou... unha interminable listaxe de aventuras creativas que nos falan da necesidade de moitos
Culturgais máis e de que o galo siga amosando a súa fermosa crista.
Publicado no Diario de Pontevedra 2/12/2019
Fotografía. Rafa Fariña
Ningún comentario:
Publicar un comentario