domingo, 22 de marzo de 2020

Desasosego/5. Cinema en rede

o director de cinema Ángel Santos


Se unha compoñente da nosa cultura converteuse en protagonista durante os últimos anos esa foi o cinema. O chamado Novo Cinema Galego desenvolveu unha serie de proxectos individuais que dende a renovación de linguaxes e o interese das historias contadas configurou unha nova paisaxe das nosas imaxes.
O actual éxito de 'O que arde' de Oliver Laxe non é máis que o cumio de toda unha serie de achegas que converteron ao cinema feito en Galicia en toda unha referencia a nivel mundial, amosando o que somos quen de facer con non demasiados presupostos pero si cunha fonda sensibilidade a hora de facer producións de calidade e interese.
A páxina web Novo Cinema Galego convídanos a coñecer moitos deses filmes que chanzo a chanzo xeraron o que é o hoxe o noso cinema. Un xeito solidario que as xentes do cinema teñen demostrado en non poucas ocasións para esa sociedade da que saen e á que chegan as súas películas. Poder gozar de balde nas nosas casas de filmes como 'Jet lag' de Eloy Domínguez, 'Arraianos' de Eloy Enciso, 'La brecha' de Marcos Nine, 'O Cazador' de Ángel Santos, 'Todos vos sodes capitáns' de Oliver Laxe ou 'vikingland' de Xurxo Chirro é toda unha marabilla para tentar aliviar estas horas do desasosego, este tempo de imaxes que nos levan a un escenario abofé inimaxinable polos nosos creadores pero que vén a demostrar como a realidade moitas veces supera á ficción.


Publicado en Diario de Pontevedra 22/03/2020



Ningún comentario:

Publicar un comentario