[Ramonismo 15]
‘O
libro da filla’ de Inma López Silva convértese nunha certeira
disección da nosa sociedade dende o ollar feminino
NON
DUBIDA Inma López Silva en inserir a súa última novela ‘O libro
da filla’ no carreiro da vida. Unha aposta firme por tratar de
radiografar o que está a acontecer neste tremor cotiá ao que
estamos sometidos. E se falamos de sometimentos é a muller a que se
atopa baixo unha maior presión na nosa sociedade, dende eidos como o
profesional, o familiar ou as súas relacións persoais. Nesa físgoa
que cada día se abre ante cada muller é onde atina a autora a
situar este libro, unha historia baseada no labor dunha xornalista
que tenta comprobar a culpabilidade dun home que se atopa na cádea
pola agresión sexual á súa filla. Porén, esa situación, ao paso
das páxinas, revélase como unha sorte de engano ao estilo dos
macguffins de Alfred Hitchcock no seus filmes. Artificios que nos
distraían do que realmente era importante na narración. Inma López
Silva sérvese desa trama para poñer o foco no que realmente
interesa ao longo deste texto como son os diferentes papeis que as
protagonistas femininas do relato desenvolven nas súas vidas. Nais,
fillas, parellas, traballadoras, xefas, mulleres de éxito,
vítimas... un caudal feminino que permítelle a Inma López Silva
rastrexar os lugares nos que esta sociedade eivada sitúa
permanentemente á muller e cómo esas situacións condicionan o seu
día a día.
Non
é casual a cita ao mestre do suspense, porque ‘O libro da filla’,
editado ao mesmo tempo en galego por Galaxia e en castelán por
Lumen, envólvese de xeito acaído para a súa lectura baixo a
apariencia dun thriller que toca moitos paos da sociedade. O mundo da
política, o social, o familiar, o sentimental ou o laboral só por
citar algúns dos afluentes que van facendo medrar o amplo caudal
desta narración na que a autora aposta, dun xeito audaz e complexo
dentro do seu oficio, por unha multiplicidade de puntos de vista
sobre un mesmo acontecemento o que posibilita ao lector na
observación da realidade tal e como é, diversa e sempre en función
daquel que se enfronte a ela.
Cada
vez máis Inma López Silva é unha referencia na nosa cultura da que
participa dende diferentes campos. Novelista, ensaísta, crítica
teatral ou articulista de prensa os premios e recoñecementos comezan
xa a encher os andeis do seu fogar. Tras todos eles non só o
compromiso co feito cultural, senón tamén coa propia sociedade e
moitas das súas fallas na consecución do que debería ser o seu fin
máximo, como é o da igualdade entre os seus membros. Neste libro o
xornalismo está moi presente, sabe ben do que fala Inma López Silva
ao desenvolver as peripecias da principal protagonista, a xornalista
Helena Sánchez. A mesma Inma López Silva foi a gañadora do último
premio de xornalismo Francisco Fernández del Riego, entregado en
Pontevedra, e do que todavía resoan entre as fermosas paredes do
Café Moderno as palabras do discurso dunha muller, dunha muller que
escribe en galego, que o fai dende a heterodoxia e levando a nosa
mirada ata onde o silencio adoita enchelo todo, para, como ela
afirmou: «(...) colocar na palabra, na posibilidade de dicir, a arma
de destrución másiva máis poderosa, a que destrúe totalitarismos
e censuras e constrúe a liberdade». Esta posibilidade de dicir e as
súas derivadas son as que lle dan sentido ao que se conta neste
poderoso libro, o libro de Inma.
Publicado na Revista. Diario de Pontevedra 29/02/2020
Fotografía: Inma López Silva nunha recente visita a Pontevedra (David Freire)
Ningún comentario:
Publicar un comentario