Parque da Memoria de Poio (Javier Cervera-mercadillo) |
POUCAS
COUSAS nos definen máis como especie que a memoria e o seu uso como parte
fundamental do que somos. É un dos elementos nos que acubillar a vida e sentir
cómo esa memoria é a que nos permite ter en conta un pasado ao que non debemos
renunciar e do que sacar as ensinanzas precisas para o resto do camiño.
Hoxe
mesmo imos ter a posibilidade de saír á rúa, de recuperar o aire das nosas
cidades, sen máis intención que a de sentirnos vivos en relación a nosa contorna.
Camiñaremos sabendo do valor de cada paso que damos, de que cada metro será
unha conquista neste tempo de sombras do que temos que saír coa mochila ben
chea desa memoria que nos faga lembrar no futuro o que vivimos ao longo destas
semanas.
Por
iso gústanme especialmente os espazos e os motivos que nos levan a facer da
memoria unha ensinanza permanente, un fío co pasado polo que movernos no
presente. O Concello de Poio entendeu ben ese valor da memoria cando fixo un
parque adicado a ela. Un parque de pedra e palabra a carón do mar. Pedras de
granito que nos marcan como cultura atlántica, pedras chantadas na terra como
árbores eternos dende as que sentir o latexo da terra e, nesas pedras, gravadas
cara o futuro, as palabras de oito premios Nobel que, da man de Alfredo Pérez
Esquivel, converteron este espazo nun lugar telúrico, nun altar da memoria no
que sentírmonos vivos.
Camiñar
entre as palabras de Rigoberta Menchú, Betty Williams, José Saramago, Desmond
Tutu, Nelson Mandela, Ann San Suu Kyi, o Dalai Lama e o propio Alfredo Pérez
Esquivel é facelo entre outras árbores, as da dignidade que toda palabra eleva
sobre nós para converterse en refuxio e pensamento. O soportal polo que pasar
ao noso interior para pensar en todo canto nos está a acontecer.
Estes
días do desasosego están sendo días de pensar en nós mesmos (pobre de quen non
o faga!), de entender unha nova realidade que se abre ante nós para repensarnos
como sociedade.
Cando
poidamos camiñar de novo de vagar, de xeito libre, sen limitacións horarias,
por cada recuncho da nosa contorna, este Parque da Memoria ten que converterse
nun deses espazos obrigados para tentar facer da memoria destas últimas semanas
semente para o novo tempo que non dubiden vai a vir. Fáltannos aínda moitas
ferramentas para tentar comprender o que pasou e aínda pasa, datos e
percepcións máis pousadas dun andazo que vai máis alá da saúde e que se extenderá
por moitas das facianas da nosa sociedade. Fronte ao balbordo de moitos
precisamos destes espazos para facer memoria, para, como alí deixou gravado
Saramago, entender que: «O que extingue a vida e os seus sinais non é a morte
senón o esquecemento».
Publicado no Diario de Pontevedra 02/05/2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario